Laura Ponte:A beleza non ten límites”

A polifacética Laura Ponte, entrevistada no número de outubro

Baixo unha proverbial timidez e unha ollada hipnótica, agóchase unha muller que leva ás súas costas un cachiño da historia recente da industria da moda nacional (e internacional). Laura Ponte poida que anhele pasar desapercibida, esvaecerse nun recuncho ou no medio da marea humana, pero ten algo, unha aura especial que a fai sobresaír sen remedio.

Na década dos 90, en pleno estalido do fenómeno das súper modelos, Laura Ponte conseguiu triunfar cunha estética afastada do canon dominante. Andróxina, pouco dada a efusións sobre a pasarela, erixiuse como unha excepción á norma. E funcionou, vaia se funcionou.

En 1996, a revista Harper’s Bazaar nomeábaa a terceira modelo mellor pagada do mundo. Valentino, Ralph Lauren ou Christian Lacroix quixeron contar con ela no casting para os seus desfiles. Foi retratada por referentes como Steven Meisel, Richard Avedon e Mario Testino.

Ata que decidiu parar en seco e explorar outros verdes pastos. O último: deseñar unha liña de pendentes e broches para o desfile de Verino para a primavera-verán 2018 na MBFWM.

Na crista da onda, a viguesa fainos un oco na súa axenda para repasar -fóra nostalxias- o pasado e deixarnos con gana de saber máis do seu futuro.

Coolt.- “Aburrida”, “anti-morbo”, “cun certo complexo de Peter Pan”…: velaquí algunhas das etiquetas que usas para definirte nas entrevistas. Cheira a desexo urxente de non chamar a atención, de pasar desapercibida.

Laura Ponte.- [Gargallada] Desde logo. Se estivese en Tinder, levábao claro… aínda que certo é que neste mundo hai para todos os gustos… Imaxino que son contestacións prudentes a preguntas desmesuradas. Algo de todo haberá. Que xulguen os demais.

C.- A pasarela ten unha certa compoñente “voyeurista”. Á fin e ao cabo, con cada look trátase de proporcionar unha especie de pracer (visual) á xente asistente. Demasiados ollos postos nunha persoa tan tímida?

L. P.- Demasiados. E sen oportunidade de saudalos, coñecelos ou facelos cómplices do xogo.

Non son exhibicionista, e nos desfiles hai un punto diso. Prefiro as fotos: un equipo, unha coreografía de todos con todos.

C.- Tes algún/ algunha fotógraf@ fetiche? Con quen farías un editorial de moda cos ollos pechados? Presinto que non necesariamente con Mario Testino…

L. P.- Pois realmente non sabería dicirche. Hai moita xente que admiro. Coñecidos e non coñecidos. Seguramente, con algún cos que traballei… Aforro eses pequenos nervios que tes cando non coñeces o ollo que dispara. Pero a estas alturas, igual o teño superado. E sempre é interesante coñecer outras olladas…

Entrevistamos a Laura Ponte, ex-modelo, artista e deseñadora
Introvertida e discreta, as pasarelas foron o seu punto débil

C.- Ti, que fuches unha das grandes a nivel internacional, en que cres que cambiou a industria e o xeito de traballar das modelos nos últimos tempos?

L. P.- As redes, Internet, como se fai o scouting… Hoxe Instagram (ou redes similares) é unha plataforma de promoción dun mesmo (todas as virtudes, e por orde), e unha ollada rápida ás novas caras por parte das axencias. Como se comunica: infñuencers, blogs, etc. As marcas apostan por estas vías, ás veces máis rápidas que o papel ou a publicidade tradicional, para chegar a novos mercados.

C.- Fálase moito do auxe de perfís que non encaixan no molde do canon de beleza “delgadeza-faccións harmónicas-altura-cara bonita”. Molly Blair, por exemplo, pasou de sufrir bullying no colexio a converterse na musa de Chanel fai un par de termporadas. Mesmo Alba Galocha, coa súa escasa estatura, está lonxe do prototipo de modelo dominante. A diversidade entrou con forza no mundo da moda ou, no fondo, non é máis que o froito dunha estratexia de marketing?

L. P.- A moda é marketing. E a diversidade é ampliar o radio do marketing. E tamén é o xusto -e necesario- nunha sociedade que fala dos mesmos dereitos para todos [tusido sarcástico].

A beleza non ten límites. Outro asunto é percibila, entendela, aceptala e respectala. Os canons foron cambiando desde que o mundo é mundo, así que sería absurdo querer limitalos. Ademais, se vas pola rúa, non hai un físico igual a outro, nin altura, nin rasgos, morfoloxía… Pode haber tipoloxías, semelanzas, pero todos son distintos.

E todos visten, maquíllanse, maniféstanse ao seu xeito; e cada vez con máis liberdade. A moda escoita e nútrese da rúa, dos novos movementos, de todos. Se quere seguir alimentándose dela, ten que estar ao seu carón. Outra cousa é que, sendo nós o motor, e a causa da nosa ignorancia, sexan capaces de convencernos de que son eles quen manda.

C.- Agora que a túa axenda xa non está determinada polo ritmo das temporadas e o calendario de presentación das coleccións, en que medida influíu ou inflúe esa bagaxe nas túas posteriores experiencias, xa sexa como deseñadora ou como artista multidisciplinar?

L. P.- O ollo non descansa, e a miña inquedanza tampouco. Son moitos anos neste sector, e moitos ángulos desde os que teño estado observando, traballando e aprendendo. É como se estivese nunha escola continua. Non hai posgrao, só prácticas constantes.

Creo que toda esta información me fai ter unha visión máis realista, máis práctica,  aplicable a como hei de producir, que verdadeiro alcance tería, como comunicalo… Aínda que un saiba as regras do xogo, non sempre ten o valor de utilizalas ou elixe un camiño distinto.

Laura Ponte ábrese camiño como artista multidisciplinar
Auto-retrato dixital, un dos experimentos da ex-modelo

C.- Por certo, o ano pasado participaches nunha expo. Perdiches o pudor inicial a presentar as túas obras?

L. P.- Foi en Colonia, a Far Off Art Fair. Fun arroupada por todos os artistas de URG3, era doado. Si que teño pudor. Non a amosalas (fágoo de vez en cando nas redes), pero o formato exposición só miña agóbiame un chisco.

Debuxo con outra perspectiva, a de ir descubrindo sen obxetivo fixo. Cada obra é independente. Ás veces, hai dúas que funcionan xuntas porque as pintei a un tempo. Pero abúrreme quedarme aí, preciso seguir avanzando. Non busco unha identidade recoñecida. Busco a miña, e está en constante transformación. Que lle imos facer! Eu cría que aquí non había regras; hainas. Aquí tamén hai marketing. Irei sacando obra, pero ao seu ritmo e nun espazo no que me sinta cómoda. Veremos que acontece.

C.- Sei que es unha creadora hiperactiva, con varios proxectos a medias, centos de ideas na cabeza e outros tantos puntos de interese. Pregúntome que será o próximo que vexamos de Laura Ponte.

L. P.- Veño de facer unha colección de bixutaría para unha marca de moda española. De momento. Iso é o que agora toca. Non descarto outras: zapatos, lentes, algo de roupa… Oxalá cheguemos. O tempo dirá. E pintar, en tela e dixital, algo que me está divertindo moito e que é inesgotable e súper interesante. Quédame un longo camiño. Non sempre de éxito, pero si inquedo e emocionante.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @iamlauraponte