Lembra: non culpes ao karma!

no-culpes-al-karma

No culpes al karma de lo que te pasa por gilipollas. Este ben podería ser o título dun libro de auto-axuda ao bruto, en plan kamikaze. Unha máis do cento de obras deste tipo que hai, como area no fondo do mar. Cant@s gurús están dispost@s a instruirnos – pobres mortais!- na ardua tarefa de gañar amigos e influír sobre as persoas, de non amargarse a vida, de mellorar as relacións de parella, de facerse máis ric@, de optimizar a nosa maneira de comunicarnos ou de manexar as emocións.

Pois ben, a novela estrela de Laura Norton (2014) promete ensinarnos moito, si, pero sen chisco de vontade didáctica. A que nos axuda entón este súper-vendas? A resposta é sinxela: a facer terapia de risa. Non hai máis ca pensar nese pai cincuentón en plena crise da mediana idade, logo de descubrir que a muller lle é infiel cun traballador do zoo. Nese pobre home ao que non se lle ocorre mellor idea para levantar o ánimo ca poñer un piercing (que, por suposto, se lle infecta) e pretende aguantar a xoldra d@s colegas da filla menor… para rematar durmido na bañeira e inundándolle o taller á filla maior, e personaxe principal, Sara.

Laura Norton é a Marian Keyes española
O primeiro amor, a crise dos 30, a dos 50… cun toque de humor

Como chistoso é pensar nese pobre pai deprimido e desnortado que, buscando compaña, abre a porta do cuarto da súa primoxénita e sorpréndea nunha postura imposible mentres tenta practicar sexo cibernético co seu noivo.

No culpes al karma de lo que te pasa por gilipollas é unha comedia romántica, na liña das americanas que arrasan logo nos cines. Ten todos os elementos para iso: o patiño feo, a guapa que lle fai sombra e o príncipe azul en forma de amor platónico de adolescencia que vén poñelo todo patas para arriba.Como en 27 vestidos, a protagonista debe facer fronte ao seu peor pesadelo cando a súa irmá non só se compromete co home dos seus soños, senón que lle pide que lle deseñe o vestido de noiva.

Como non podería ser doutro xeito, unha serie de situacións, a cada cal máis surrealista, van enleando a trama. E así, situación disparatada tras situación disparatada, a historia vai chegando ao final e, como mandan os canons da mal chamada literatura para mulleres, ten o seu happy ending.

Dous anos despois da súa publicación, No culpes al karma de lo que pasa por gilipollas non deixa de dar que falar. A súa versión cinematográfica esta a piques de estrearse, así que que mellor ocasión ca esa para volver rir con Laura Norton. Aínda que só sexa polos recordos que os flamengos da portada nos traen das tardes na piscina abrazad@ ao inchable de moda este 2016

Norton, Laura. No culpes al karma de lo que te pasa por gilipollas. Espasa. Barcelona, 2014. 352 páxinas.

Fotos: sonypicturesreleasing.es; casadellibro.com