Lentes de sol con licenza para encandear

As lentes de sol traen un punto extravagante con D&G

Redondas ou de espello e sen montura? As lentes de sol para o gran público debátense na primavera/verán de 2017 entre dous estilos moi marcados (e nada novos). Menos mal que Dolce & Gabbana acoden ao rescate da creatividade cunha proposta tan orixinal como extravagante. Porque para eles a vida non é un carnaval, senón un xardín frondoso, esta temporada as lentes de sol teñen forma, cor e mesmo textura de hortensia.

As lentes de sol de Dolce & Gabbana arriscan e gañan
Atréveste cunhas lentes de sol así de excesivas e orixinais?

Levamos meses asistindo a un xiro cara á exuberancia tanto nas siluetas como nos estampados que dominan as coleccións das grandes firmas de prêt-à-porter. Triunfan os volantes, as pezas con cut-out, as mesturas de cores e motivos en contraste. Como se existise un consenso xeralizado, recupérase o espírito da carismática Carmen Miranda e réndeselle tributo enchendo as pasarelas e as tendas de detalles tropicais dignos da diva da samba. Volven os turbantes e os toucados, as xoias en grandes proporcións e a alegría da cor.

E imbuídos por esa explosión dos sentidos, Dolce & Gabbana lánzanse á exploración de novos horizontes vexetais na súa Ortensia Collection. No canto de inspirarse na flora e a fauna do Caribe, rebuscan no pasado menos obvio da súa amada Sicilia e atopan unha temática que atravesa todas as propostas para a súa liña de muller desta temporada: as flores de hortensia. E cun elegante xardín inglés dunha antiga vila siciliana como punto de partida, deseñan unha colección de lentes de sol onde esta planta é a raíña.

D&G mesturan a influencia inglesa coa italiana nestas lentes de sol
Da mestura da flora dun xardín inglés e a exuberancia siciliana, chegan estas lentes de sol

Con aires románticos e o punto barroco tan característico da marca, representan a esencia dun espazo natural en plena floración. Sobre unha montura redondeada -única concesión á tendencia mainstream, reminiscencia da moda dos ’70-, este modelo está decorado con detalles dourados que, malia o seu protagonismo, non conseguen eclipsar os ramos de hortensia que sosteñen. Os pétalos están ilumidados por un mosaico de pequenas pedriñas en ton lila e ouro (unhas pezas que son aplicadas pola man experta d@s artesá(n)s da casa italiana), coroadas por folliñas verdes.

As lentes, de cor rosada e degradadas, potencian a suavidade, a elegancia e a sofisticación deste modelo. E non podía ser doutro xeito, pois esas mesmas calidades son as que evoca o tema floral elixido. Nunca a vexetación inglesa resultara así de exuberante, dramática e suxestiva.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @dolcegabbana