Libros para o verán (sen recorrer á “chick lit”)

Velaquí algúns libros para ler no verán

Desmitifiquemos dunha vez e por todas os libros do verán. Acaso existe unha norma – escrita ou non escrita – que estableza que esta época do ano é incompatible con argumentos dunha certa profundidade? Porque hai vida máis aló da “chick lit”, a “grip lit” e compañía, agora que toca facer a maleta para as vacacións, metemos nela unha morea de libros que difícilmente figurarán nunha lista mainstream de imprescincibles para unha xornada de praia. Vaiamos contracorrente e poñámoslle un toque diferente ás lecturas para esta tempada.

"Dulceagrio" é un dos libros do verán

Dulceagrio

Danler, Stephanie. Dulceagrio. Malpaso Ediciones. Barcelona, 2017. 347 páxinas.

Esta historia de ostras, champaña, viño, drogas, amizade, amor, bares de mala morte e, en definitiva, de como madurar nunha cidade como Nova York, atópase desde a súa publicación na lista dos máis vendidos do The New York Times.

Tess, unha rapaza inexperta, chega á Gran Mazá procedente dunha pequena cidade. Atópase soa e sen recursos. Consegue un traballo como camareira nun restaurante de Manhattan e descobre un universo descoñecido para ela. Simone, unha camareira experimentada, converterase na súa mentora e namorarase de Jake, un camareiro tan atractivo como misterioso. Pouco a pouco, está relación converterase nun triángulo.

"Animales" é un dos libros do verán

Animales

Unsworth, Emma Jane. Animales. Malpaso Ediciones. Barcelona, 2016. 281 páxinas.

Sobre o difícil camiño cara a adultez trata tamén Animales. Neste caso, Emma Jane Unsworth amósanos como unha amizade entre dúas mozas pode crebarse polos desexos de madurar dunha delas.

Laura e Tyler foron as mellores amigas e compartiron toda unha década de excesos, a dos seus vinte anos, chea de festas e drogas. Porén, Laura comprométese co seu noivo, Jim, e quere deixar de lado as troulas sen fin, aínda que a Tyler non lle pareza ben.

Unha novela que ofrece unha ollada severa e, ao tempo, divertida sobre as renuncias que facer para pasar dunha adolescencia tardía á idade adulta.

"Tan poca vida"é un dos libros do verán

Tan poca vida

Yanagihara, Hanya. Tan poca vida. Lumen. Barcelona, 2016. 1008 páxinas.

Tan poca vida converteuse nun fenómeno literario, triunfando nas redes sociais e sendo gabada pola crítica (que compara a súa autora con Donna Tartt e Jonathan Franzen por trazar con mestría o sentir de personaxes complexos e tentar dar resposta a cuestión universais) e @s lectores/-as.

A historia relata a amizade de catro homes que medran xuntos en Manhattan e que comparten unha intimidade de poucas palabras e moitos xestos. A través da súa relación e, sobre todo, da dramática historia que se agocha baixo a superficie dun deles, Yanagihara realiza unha pormenorizada indagación nos límites da natureza humana.

Declarada mellor novela do ano segundo, por exemplo: The New York Times, Vogue, The Guardian, ou Huffington Post,  trata do medo a falar, da soidade e da amizade que perdura, co amor, o abandono e dos abusos físicos e emocionais como trasfondo. Unha lectura altamente aditiva, fermosa e arrepiante a partes iguais.

"Mujeres que corren con los lobos" é un dos libros do verán

Mujeres que corren con los lobos

Pinkola Estés, Clarissa. Mujeres que corren con los lobos. Ediciones B. Barcelona, 1998. 1152 páxinas.

A psicoanalista Clarissa Pinkola Estés é autora deste ensaio recopilatorio de fábulas e relatos populares que recrean o mito da muller salvaxe. Mediante narracións interculturais como “Barba azul”, “As zapatillas vermellas”, “Manawee” ou “Muller esquelete”, ofrécesenos unha serie de experiencias vitais que pretenden estimular a recuperación da forza, do instinto feminino. A autora defende que toda muller garda no seu interior a Loba, a Muller Salvaxe, espontánea e chea de enerxía. Por desgraza, é unha especie en extinción a causa dos constantes esforzos da sociedade por civilizala e cinxila a ríxidos papeis que anulan a súa esencia.

"Manual para mujeres de la limpieza" é un dos libros do verán

Manual para mujeres de la limpieza

Berlin, Lucia. Manual para mujeres de la limpieza. Alfaguara. Barcelona, 2016. 400 páxinas.

Publicado postumamente e traducido a máis de catorce idiomas, este libro de relatos dálles voz, entre a ironía e a tenrura, a mulleres desorientadas, pero tamén fortes e intelixentes. Da súa autora dise que é un dos fenómenos literarios do momento e xa hai quen a compara con Raymond Carver. As corenta e tres historias están inspiradas na vida itinerante de Berlin e retratan existencias nas que a calamidade adquire condición de normalidade, e nas que se xuntan a miseria humana, a degradación, a vulgaridade, a fealdade ou a suciedade; pero tamén hai oco para a tenrura d@s inadaptad@s. Trátase de individuos maltratados tanto pola vida como por si mesmos. A pesar de todo, sempre van de fronte, son intrépidos e ata inconscientes.

"Las cosas del querer" é un dos libros do verán

Las cosas del querer

Banana, Flavita. Las cosas del querer. Lumen. Barcelona, 2017. 100 páxinas.

Despois de conquistarnos co humor acedo e o realismo das súas viñetas en Instagram, Flavia Álvarez (Flavita Banana para o mundo) dá o chimpo ao universo editorial cunha selección dalgúns dos seus mellores traballos. Rindo dos tópicos e das inxustizas, reflexiona tamén sobre os amores de todo tipo e condición e sobre os desexos e as necesidades femininas – naturais ou impostos -. Así, pon en cuestión ideas preconcebidas sobre a muller, a vida cotiá ou as relacións de parella, cunha ollada intelixente e crítica.

Fotos: edicionesb.com, malpasoed.com, megustaleer.com