Mala nai: o estigma da muller moderna

A falla de medidas de conciliación fai difícil ser nai

Ata os anos ’60 do século XX, o destino das mulleres (en maior medida có dos homes) estaba a miúdo predeterminado. O obxectivo primordial era atopar un bo marido co que fundar a súa propia familia, consagrando a súa existencia ao coidado da mesma (tal e como lembraban as leccións de Pilar Primo de Rivera). No seu defecto, e no caso de quedar solteira, esa total dedicación sería para co pai e a nai. O horizonte feminino, xa que logo, era máis ben limitado, cinguíndose aos lindes da casa e do fogar. Ser unha boa nai e unha boa esposa constituían a triunfo supremo. Significase o que significase iso.

Pero a liberación sexual feminina e a masiva incorporación da muller ao mercado laboral a partir dos anos ’70 fixeron estalar en anacos o statu quo. Ser unha perfecta dona da súa casa e traballar de 9 a 6 revelouse complicada. A corda ameazaba con romper por algún lado.

Para facerse un oco nun mundo eminentemente masculino como era o do traballo ata fai unhas décadas, a empregada víase obrigada non só a dar un rendemento superior ao dos seus compañeiros, senón renunciar mesmo á plena realización no plano persoal para xustificar a súa contratación. Dunha muller esperábase unha entrega total e absoluta, adaptándose aos usos e costumes dos homes no lugar de traballo. Todo iso e máis con tal de calar bocas e esquivar as inevitables comparacións de corte sexista. Para que ninguén lle espetase algún dos tópicos machistas tan en voga naqueles (e nestes) tempos: “non estarías mellor na casa mirando pol@s nen@s?”, “isto non é cousa de mulleres”, “se habías de estar fregando a louza…” Fregar, lavar, parir, coidar, etc. compoñían o campo léxico no que a actividade feminina se viña desenvolvendo, como se ditas tarefas fosen as únicas para as que a muller estivese bioloxicamente cualificada.

Ser ou non ser (nai): velaí a cuestión

Pasaron os anos, a sociedade foi evolucionando paseniño, mais a conciliación familiar segue a ser unha materia pendente na axenda socio-política. Non hai máis que ver as táboas comparativas que recollen o tempo que os homes e mulleres que traballan fóra da casa lle dedican ás tarefas domésticas para darse conta. As estatísticas din que elas, malia estaren igualmente ocupadas, pasan unhas dúas horas de media máis cós seus compañeiros nesas labores.

A desigualdade entre xéneros comeza no fogar
Fonte: eldiario.es. Elaboración propia

Na actualidade, a precariedade e a inestabilidade das condidicións laborais, xunto cunhas taxas de emancipación tardías e un certo cambio de mentalidade fan que o ideal da maternidade se vaia transformando… ou se esvaeza. En España, a media de idade para ter @ primeir@ fill@ é de 30,4 anos, moi lonxe das cifras de 1990, cando se tiña aos 26 anos. E niso a conxuntura económica xoga un papel primordial, aínda que non é o único factor que inflúe.

A moral católica, tan apegada aos valores da familia e fío condutor dos roles de xénero tradicionais, foi perdendo peso a medida que avanzaba a laicización da sociedade española. O concepto de núcleo familiar foi variando e abríndose a realidades ata o de entón minorizadas. Divorcios, fogares monoparentais, unións homosexuais ou parellas de feito forman parte xa do tecido social actual. Neste panorama, a maternidade deixou de ser unha fin en si mesma para converterse nun medio. Non é (ou canto menos non debería selo) unha meta para que a muller se sinta realizada, senón un xeito máis de conseguilo.

De aí que ter fill@s comece a verse como unha faceta, unha dimensión do ser muller, e non como unha obriga biolóxica, do mesmo xeito que a paternidade non o é para o home. Porén, renunciar a ser nai, decidir consciente e voluntariamente que iso non é unha necesidade vital para a muller, segue a estar mal visto. Fronte a este exercicio de liberdade individual, pesa aínda a concepción tradicional da muller, que fai da maternidade un proxecto de vida e un traballo a tempo completo. Non deixou de interpretarse como unha mingua da indentidade feminina, unha especie de tara e, en definitiva, unha anomalía.

Se cada vez son máis as que reivindican o quedar solteira como unha opción ou unha escolla persoal, tamén son moitas as que defenden a necesidade de atopar un espazo propio que lles permita gozar da experiencia de ser nais sen verse na obriga de renunciar a seren elas mesmas. O difícil equilibrio entre o plano íntimo e o socio-profesional está dobremente ameazado no caso das nais traballadoras: pola obriga de cumprir coas expectativas xeradas arredor dela no entorno laboral e pola falta de apoio público e privado á conciliación. A maternidade nesas circunstancias convértese ás veces nunha rutina de malabarismos, sempre a pleno rendemento.

As nais imperfectas

De aí que nos últimos anos fosen xurdindo voces que reclaman unha terceira vía na concepción do ser nai: nin como un obxectivo vital nin como unha competición polo trofeo á mellor mamá, senón como un proceso de aprendizaxe no que o ensaio e o erro xogan un papel importante. Porque é importante asumir que a perfección nas relacións humanas -e a crianza non é máis ca un proceso deste tipo- é un ideal baleiro de contido.

A mala nai é o estigma que pesa sobre a muller actual
A maternidade adáptase ao contexto actual

As nais auto-denominadas “imperfectas” buscan unha vía para criar @s fill@s sen ter que renunciar ao seu “eu”, entendido como o conxunto dos seus gustos, afeccións, pasatempos, relacións ou amizades. Os homes sempre mantiveron a súa zona de solaz, ese espazo masculino para cultivar as súas paixóns sen ter que someterse á disciplina da vida en familia. Nas mulleres, pola contra, iso non estaba ben visto… ata o de agora.

Hai vida máis aló d@s nen@s. E, para explorala, agroman clubs e foros femininos nos que compartir experiencias -positivas ou negativas-, problemas, frustracións, etc. As “malas nais” tratan de darlle a volta aos estigmas que aínda condicionan a vivencia da maternidade e enfocala cara a unha interpretación máis instintiva e menos moralizante. Libre de sentimentos de culpa e conflitos interiores por ter ganas de gozar de pequenos praceres individuais á marxe d@s fill@s (e a parella, de habela).

O Club de #malasmadres, por exemplo, naceu co obxectivo de agrupar a través da Internet e das súas actividades periódicas a aquelas “con moito sono, pouco tempo, alerxia ás cousas de lambid@s, con ganas de cambiar o mundo ou canto menos de morrer no intento”.

Só os progresos no contexto socioeconómico, que permitan unha emancipación real da muller, poderán poñerlle freo ao xuízo social que aínda pende coma unha espada de Damocles sobre a cabeza das nais modernas.

@Ce_FerSan / Foto: clubdemalasmadres.com