Manifesto Coolt

“Coolt” é unha palabra inventada, un malabarismo lingüístico que nace coa vontade de servir de ponte entre dous eidos que, estando ben próximos, ás veces sóltanse da man: o cool e a cult(ura).

Porque as tendencias non teñen por que seren frívolas, e hai modas que son toda unha arte, esta revista que comezou a súa andaina en 2016 declárase fervente defensora de todo aquilo que cheire a creatividade, frescura, experimentación e orixinalidade.

Desde os gustos mainstream ás influencias estranxeiras, pasando polos pequenos tesouros que se agochan nos círculos indies, en Coolt terán un espazo reservado todas as formas da beleza conxugada na súa versión máis ampla e incluínte.

Procurarémola sobre as pasarelas nacionais e internacionais, mais tamén nos obradoiros artesáns, nas mellores cociñas e nas escolas de deseño. O clasicismo atopará un oco a carón do post-moderno, o prêt-à-porter máis exclusivo daralle paso ao street style, e os novos talentos contarán cunha plataforma de lanzamento.

Para hedonistas e para curios@s, mais sobre todo para @s que gocen lendo e aprendendo sobre as últimas novidades nos temas máis diversos, Coolt aspira a se converter na súa revista de referencia.

Temos unha cita mensual. En galego.