Maquillaxe unicornio, ou o triunfo da fantasía cosmética

A maquillaxe de cores chega ata o extremo

Sombra aquí, sombra alá; e se pode levar a etiqueta “de unicornio”, tanto mellor. Porque este ser mitolóxico está de moda, ou canto menos iso se deduce de botarlle un ollo ao feed de Instagram. O termómetro oficial das tendencias fugaces vén de decretar que a maquillaxe do momento ha de estar inspirada neste ser fantástico. Non tentes entendelo, só déixate levar.

Os cosméticos de unicornio ben poderían considerarse a penúltima reminiscencia que podemos atopar na temporada actual da estética dos ’90, coas súas sombras de ollos extremas, a cor subida e os metalizados por bandeira. A fronteira entre esta estética e a chamada “da serea” (mermaid, en inglés) é difusa, polo que non é raro atopar ambos conceptos empregados indistintamente nun mesmo contexto. Á fin e ao cabo, sereas e unicornios semellan ser os novos referentes míticos da cultura instagrammer.

Os unicornios invaden agora a cosmética
Os labiais iridescentes son esenciais nesta proposta estética

A súa mellor embaixadora é a célebre artista da maquillaxe Pat McGrath, que vén de sentar cátedra na materia co kit Dark Star 006 e o seu brillo de ollos iridescente en edición limitada.

Pero en que consiste, xa que logo, este look que tanto está a dar que falar? Na aposta pola tendencia holográfica na maquillaxe, cos beizos, os ollos e as unllas como protagonistas principais. Mestura tons pastel, brillos, toques metálicos e doses xenerosas de purpurina para un acabado resplandecente e máxico. De feito, a clave do seu éxito é esa especial conexión co mundo da maxia. A cosmética de unicornio é toda unha galiña dos ovos de ouro, cun marketing baseado na súa identificación coa fantasía, a ilusión, a inocencia, a luminosidade e, por extensión, a felicidade.

Podemos atopala en dúas vertentes complementarias: a dos cosméticos en envases con formas que evocan a imaxe popular deste animal mítico (cornos torneados, por exemplo) e a dos produtos que inclúen unha paleta de cor digna dun arco da vella. Moi My Little Pony en versión millennial e comercial.

Proba do interese espertado por este novo tipo de maquillaxe é o espazo que lle reserva o portal especializado Allure -quizais cun chisco de oportunismo e visión estratéxica-. Alí podemos atopar información sobre o viral labial Unicorn Tears La Crème Lipstick de Too Faced, imprescindible para fans desta tendencia estética. Ou sobre Tarte Cosmetics, que comercializa brochas con forma de corno de unicornio, un modelo que causa tamén sensación na versión low cost de Primark.

A maquillaxe de unicornio chega a Primark
Reminiscencias fantásticas, tamén en Primark

Xabóns, bombas de pos para o baño e outros produtos para o aseo ameazan con sumarse á febre. A firma Fctry mesmo fabrica o que denomina “xel de unicornio” para o corpo e a cara.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @i.amraja, @primark / toofaced.com