María Barros:A moda créase para ser atemporal”

Entrevistamos á deseñadora María Barros

Quen coñece ben a María Barros afirma que é o esforzo e a perseverancia personificados. Porque unha traxectoria como a dela non é cousa dun golpe de sorte. Esta deseñadora coruñesa, de formación italiana e vocación universal, é toda unha referencia na industria da moda en España.

As súas creacións teñen o encanto da xastraría clásica, apegada á calidade das teas e o traballo sobre os patróns. Os seus xogos de volumes lembran a outros grandes do sector como Josep Font para Del Pozo ou Issey Miyake. E é que, ante todo, María Barros é unha arquitecta das formas. A xeito de curiosidade, diremos que confesa a súa inicial indiferenza polos estampados, por moito que unha temporada máis volvan ser tendencia. Será que a ela iso das tendencias tampoco lle fai perder o sono.

Membro da Asociación de Creadores de Moda de España (ACME) -para a que deseñou os carteis da última edición de Madrid es Moda-, profesora no ISEM e creadora infatigable, ninguén mellor ca ela para repasar a actualidade da industria patria e botar a vista atrás cun lixeiro pouso de nostalxia.

Coolt.- O teu currículo está cheo de fitos que farían poñer verde da envexa a calquera deseñador/-a novel. Que queda na María Barros de 2017 da rapaza que acababa de licenciarse?

María Barros.- A ilusión, a paixón, a gana de crear e o sentir que sempre todo é un inicio, polo que necesitas medrar, o nivel de autoesixencia que me impoño e -por que non dicilo- as inseguridades que, aínda sendo outras, sempre xurden…

C.- En que medida influíron o Istituto Europeo di Design e Francesca Sozzani na definición do teu estilo persoal?

M. B.- Creo que o que máis me influíu foi o feito de ter vivido en Italia nunha época clave da miña formación, respirar en estado puro e de primera man a moda e o deseño. Milán ensinoume a entender a moda dunha manera que xa me marcou de por vida.

C.- Defendes os valores da costura tradicional: calidade nos tecidos, atención aos detalles, predominio do patrón e da confección. Slow fashion, en dúas palabras.

M. B.- É como entendo a moda e como me gusta traballar, para que o resultado leve un selo persoal e teña alma propia. Aposto pola dedicación, o esforzo e a calidade en todos os sentidos, ao tempo que procuro gozar de todos e cada un dos procesos creativos que conleva o meu traballo. Isto lévame a vivilo con intensidade e con compromiso co que fago, xunto coa responsabilidade de ser fiel a min mesma.

María Barros é unha das grandes deseñadoras españolas
As creacións de María Barros, unha oda á moda en letras maiúsculas

C.- Aínda que slow, o que se di slow non é que sexa o teu xeito de traballar. Ademais da túa propia marca, es una asidua colaboradora de outras firmas, xa sexa de xoiería, mobiliario ou publicidade. Hai algún proxecto á vista que poidas adelantarnos?

M. B.- Para min, a palabra “slow” non significa só que determine un ritmo nos tempos, senón que é unha filosofía de traballo e de vida que implica calidade, amor polo que fas, perfeccionismo e moito mimo e coidado en todo o proceso para lograr o mellor resultado posible. Por iso, no meu caso, a palabra “slow” vai vencellada igualmente á intensidade tanto na forma de vivir como na de traballar.

Respecto a algunha colaboración próxima que poida adiantarvos, en breve presentarase o proxecto “Portraits of Madrid”, da firma de gafas inglesa Taylor Morris, na que as miñas coleccións estarán presentes. De momento, non podo contar máis…

C.- Pasaches por grandes casas como Cavalli, Devota & Lomba ou CH Carolina Herrera, pero afirmas que as dinámicas internas dese tipo de empresa non te enchen.

M. B.- No meu caso, considero que foi unha elección de vida: crear a miña propia marca, traballar por conta propia, ser dona do meu teempo e apostar polo que realmente creo. Ás veces, penso que é un suicidio, pero é o que me fai feliz. Transmitir a través das miñas coleccións o que son, o que sinto ou como entendo a belleza é o que persigo.

Considero que o meu perfil non está feito para estruturas establecidas, traballo mellor en liberdade, o cal non significa que non necesite a experiencia de grandes empresas estruturadas. Todo o contrario! Aprendín moito delas, e non se pode xeralizar, cada unha foi moi diferente e a cada unha delas débolle moito. Estou moi agradecida por iso; de feito, gustaríame traballar máis adiante para algunha marca internacional, pero sen abandonar a miña propia firma e proxectos.

C.- Hoxe en día, a intelixencia de mercado determina en gran medida que se leva e como se leva cada temporada. Ata o prêt-à-porter é escravo das tendencias?

M. B.- Tal e como eu entendo a moda, non. Traballo allea ás tendencias, e como deseñadora non hai maior reto que ser unha mesma quen as cree no canto de seguilas e ser escrava delas. Por outra banda, as miñas coleccións son atemporais, polo que fuxo de toda tendencia. Para iso, considero que xa están as grandes cadeas low cost, que fabrican roupa de tendencia co obxectivo de que sexa roupa cunha duración limitada, moi vencellada á cultura de “usar e tirar”.

Aí creo que reside a gran diferenza entre moda e roupa. A moda créase para ser atemporal, para ser parte da nosa cultura, para desfrutala no tempo e entender o que se merca.

C.- Coincidimos en que a moda é cultura, un reflexo da sociedade nun período determinado. O estado actual da industria, que di da nosa?

M. B.- Que vivimos nun momento de diversidade onde todo ten cabida, malia que, persoalmente, aínda percibo que predomina máis a vida na que nos falta tempo para todo, a comida rápida e a moda de usar e tirar. Poñémoslle caducidade a todo demasiado pronto, sen deternos a gozar dos momentos que vivimos. A moda é un fiel reflexo do momento social, cultural, intelectual e econóico que se vive. Capta o instante. É un fenómeno a través do cal se percibe e se comprende o momento que se está vivindo, pero para iso considero que é preciso deixar pasar canto menos unha década para poder estudala con atención para sacar as conclusións acertadas.

Esixente e creativa, así é María Barros
Os xogos de volumes son o seu sinal de identidade

C.- As túas coleccións apostan por liñas atemporais, nas que prima o volume. E esa exploración das distintas dimensións da pieza parece excluír o uso de estampados…

M. B.- Ata o momento foi así porque o estudo dos volumes sobre diferentes tecidos en cores planas é o que máis me inspirou e me interesou, pero actualmente estou traballando sobre bases estampadas, realizando diferentes probas. Foi unha necesidade visceral, que é como eu traballo. Espero que pronto vexades de novo sobre a pasarela unhas coleccións de María Barros onde se vexa esta evolución no meu traballo, co uso de tecidos diferentes aos utilizados ata o de agora.

C.- Hai algún material ou técnica que teñas na túa lista de tarefas pendentes?

M. B.- Sempre estou nunha busca e unha experimentación constantes, polo que vivo coa sensación de que sempre se pode dar un paso máis. Creo que, tanto en técnicas como en materiais, hai que ir evolucionando, e no meu caso ambas cousas resúltanme interesantes.

C.- Nunha antiga entrevista, deixabas caer que te sorprendía que nunca che preguntasen se hai algo que non che guste da moda. E logo ben…?

M. B.- Os seus tempos. Como disciplina artística que é, todo creador pode chegar a necesitar nalgún momento unha temporada para descansar a súa mente, buscar novos recursos creativos, novas técnicas, reinventarse, etc. Na moda, isto é inviable. Os seus tempos están rifados coas necesidades que pode chegar a ter un creador.

@Ce_FerSan / Fotos: Cortesía de María Barros