María Solar e os amores en transición

María Solar preséntanos diferentes modelos de muller na España da Transición.

María Solar vén de publicar a súa primeira achega á literatura de adultos: As horas roubadas (Xerais, 2016). Ambientada na España de finais dos ’70, nunha democracia en cueiros, trátase dun relato coral cunha historia de amor prohibido como trasfondo. A dedicatoria -“para todas as mulleres que romperon as súas ataduras e nos fixeron máis libres”- é toda unha declaración de intencións. Porque esta é unha novela de sentimentos… e vidas en feminino.

Unha misteriosa nota entre as mans dun ancián morto, esixindo unha declaración de amor, pon patas para arriba as vidas d@s que o rodeaban. E serve de excusa para presentarnos dous modelos de familia e de muller moi diferentes, cada un deles froito dun tempo e dun modelo de educación. Unha está marcada polo medo, a outra é máis libre. Na primeira -tipicamente conservadora e machista- é  o cabeza de familia (Damián) o encargado de traer un soldo á casa e de gobernalo ao seu antollo. A segunda, a de Lola e Antonio, é a de dous profesionais liberais que viven de xeito máis aberto e gozaron sempre dunhas certas liberdades. E precisamente do exercicio das mesmas vén a súa decisión de divorciarse, un gran paso para a sociedade da Transición en España e unha fonte de problemas para a propia Lola, obrigada a xustificarse para evitar o escarnio público.

Son historias de fai corenta anos, pero ata que punto cambiaron as cousas? Hoxe a perspectiva sobre a estrutura familiar é outra, máis aberta, flexible, diversa. Por fortuna, fóronse normalizando certos dereitos sociais como o divorcio. Alguén se escandalizaría porque unha parella decida cesar (temporal ou permanentemente) a súa convivencia? Queremos pensar que non.

Mais non esquezamos o moito que costou reformar a lexislación… e a mentalidade. Cantas dificultades atoparon tantas mulleres no seu camiño, tendo que rebelarse non só contra os principios que lles foran inculcando desde ben nenas, senón tamén contra a propia familia, alienante, e contra as “forzas vivas” que colaboraban activamente no mantemento do statu quo.

Co tempo aprendes que as cousas poden cambiar nun instante, igual que poden permanecer enquistadas sen moverse nin un milímetro durante anos, e o cambio depende só dunha decisión. Pero hai decisións que se soñan mil veces e nunca se ten valor de facelas realidade.

María Solar vén de publicar a súa primeira novela para adultos
Amores e desamores na España da Transición

No papel de represora deses soños femininos, María Solar retrata a unha Igrexa reaccionaria, que predica a abnegación feminina por enriba de todo. Que importa que a familia da muller lle falte ao respecto ou a reduza a unha sombra.

E nun contexto tan asfixiante, o amor en letras maiúsculas queda sepultado baixo o instinto de supervivencia. Nuria (filla de Lola e Antonio), ese personaxe con aires de liberada, dona do seu corpo e da súa vida, renuncia a Ramón (o fillo de Damián e Rosa) por pobre e lánzase aos brazos de Roberto, moito máis conveniente a ollos da súa familia. 

En definitiva, María Solar ofrécenos unha interesante ollada ao pasado para refrescarnos a memoria emocional e darnos un espello no que mirarnos. O seu é un canto a tódalas Rosas, pero tamén ás Lolas ou ás Carmes, que puxeron o mundo por monteira, romperon as súas ataduras e, así, fixéronnos a nós máis libres. Para que non esquezamos a tod@s aqueles e aquelas que, malia as normas e as convencións, se esforzaron en cambiar o mundo que lles tocou vivir. 

Solar, María. As horas roubadas. Edicións Xerais de Galicia. Vigo, 2016. 229 páxinas.

Foto: xerais.es