Marina Salas: “Adoro o cine de Pedro Almodóvar”

Marina Salas vive un momento doce

Pura enerxía. Marina Salas é luz, vitalidade, e un sorriso permanente que achaia calquera conversa. Poida que sexa a súa natureza, pero tamén inflúe o momento especialmente doce que está a atravesar a nivel profesional. Que non nos enganen os seus rasgos xuvenís e o seu entusiasmo: Salas é toda unha veterana da interpretación aos seus vinte e nove anos. A ficción en streaming é o seu último caladoiro, aínda que a simultanea co teatro. Imposible resistir a chamada de Chéjov, o seu autor talismán.

Non hai reto que a intimide, pois na acumulación de experiencias está para ela o segredo da maduración como actriz. Así, a traxectoria de Marina Salas está sementada de papeis cheos de arestas. Que pouco teñen que ver a tenra Katina da versión española das novelas de Federico Moccia e a desgraciada Leonor de Austria de Carlos, Rey Emperador, sen ir máis lonxe. Agora que podemos vela inmersa na distopía de La zona, quixemos afondar na súa opinión sobre as cousas deste mundo. A ela deixámoslle o de vivir en mundos paralelos.

Coolt. Comecemos polo principio: así que Mary Poppins foi en parte responsable de que descubriras a túa vea interpretativa?

Marina Salas.- Julie Andrews namorábame. Meu pai sempre conta que, de pequena, cando íamos devolver Mary Poppins ao videoclub, eu pedía alugala de novo.

C.- Máis de carne e óso, teño entendido que admiras a Bette Davis, Kate Winslet ou Javier Bardem. Es de ter referentes a nivel profesional ou prefires evitar o “gustaríame ser como…”?

M. S.- Teño referentes en moitas cousas. Para min, é importante ter referentes, guías, mestres…; saber cara onde queres camiñar. Se non, igual o ego pasa a ser o teu xinete e toma as rendas…

C.- Por idade, a miúdo inclúente no grupo da nova fornada da escena española, xunto con perfís tan dispares como Blanca Suárez, Irene Escolar, Yon González ou Andrea Duro. No sei se esa etiqueta dá una certa seguridade ou se, pola contra, resulta frustrante tanta simplificación…

M. S.- Non me resulta frustrante, en absoluto. Ademais, son consciente de que falamos con titulares e xeralidades moitas veces.

Marina Salas ten un outono cargado de estreas
Icona xuvenil, Marina Salas é das actrices máis recoñecibles na pequena pantalla

C.- Curtícheste na televisión, pero foi sen dúbida a Katina en A tres metros sobre el cielo eTengo ganas de ti a que che supuxo un salto cuantitativo na túa carreira. Dá vertixe que unha parte do público se quede ancorada nese personaxe?

M. S.- A ver, eu non o vexo así. Só sei que estou agradecida por ese personaxe marabilloso e por esa experiencia fermosa.

C.- Nalgunha ocasión tes mencionado o importante que foi para ti participar na obra de teatro Los hijos se han dormido, unha adaptación de La gaviota de Chéjov. En que medida?

M. S.- Si, foi o meu primeiro protagonista no teatro (a miña segunda función), e Chéjov…! Nese proceso comprendín moitas cousas do traballo, afondei no oficio desde outro lado. E era o personaxe máis complexo que ata entón tivera a oportunidade de traballar.

C.- Desde fai uns días podemos verte en La zona, unha nova produción de Movistar+. Sen caer en spoilers, déixanos co mel nos beizos sobre o papel que interpretas nela.

M. S.- O guión é fantástico: pasaron tres anos dun accidente nuclear e a sociedades aínda está afectada. Hai zonas contaminadas, persoas con radiación, material contaminado, contrabando, corrupción. Ley, poítica e ciencia. Eu interpreto a Esther, unha política moi ambiciosa…

Marina Salas estrea serie en Movistar+
Debutou no cine con 17 anos e desde entón non parou

C.- As series en streaming gañan peso no mercado da ficción tamén en España. Estamos ante un cambio de modelo?

M. S.- Si. Hai un novo paradigma que se está dando en todo o mundo. Creo que nace doutra cousa e afecta á comunicación e á ficción, pero iso é outro tema. Co talento que hai en España, se queremos podemos facer cousas de gran calidade.

C.- Estados Unidos, referente en entretemento, é a meta soñada por moit@s actores e actrices. Séguete atraendo Nova York como cidade de arte e cultura?

M. S.- Por suposto; encéndeme a diversidade e a pluralidade de alí.

C.- E se recibises una chamada de Almodóvar…

M. S.- Adoro o cine de Pedro Almodóvar. Conmóvenme os universos que crea, a liberdade, o risco, a ausencia de prexuízo e de comodidade.

@Ce_FerSan | Fotos: Teddy Iborra©