Mechas balayage para vivir un eterno verán

As mechas balayage pegan con forza

Se hai unha tendencia que conquistou os salóns de peitado este 2016 é, sen dúbida, a das mechas balayage. Símbolo da naturalidade e  recurso ideal para iluminar o rostro, este peitado xa namorou a celebrities como a actriz e gurú de estilo Sarah Jessica Parker, a actriz Jessica Biel  ou a modelo Gigi Hadid. A súa procura en Instagram xera preto de 4 millóns de fotografías. As balayage chegaron para quedar. Que viva o cabelo bicado polo sol!

Un bo exemplo de mechas balayage: Alexa Chung
Alexa Chung aposta por esta tendencia, que irradia frescura e xuventude

Nacidas en Francia na década dos ’70, fóronse perfeccionando co paso do tempo, sempre co obxectivo de afinar o efecto de “varrido” de cor (que iso é o que vén significando o termo francés) no pelo.

En que consiste, xa que logo, esta técnica? As mechas balayage non requiren o clásico papel de aluminio, senón que para conseguilas esténdese a coloración cun pincel, de xeito superficial e a man alzada. Por iso, esixe poñerse nas mans de verdadeir@s profesionais na materia (e con bo pulso). De dárense esas condicións, os resultados non poden ser mellores. Comézase esvaecendo a raíz  e introducindo gradualmente tons ata chegar ás puntas, aclarando e escurecendo guedellas de xeito estratéxico para lograr un acabado luminoso e con volume. A clave é que non se aprecie que o cabelo está tratado, nin se adiviñe o inicio de cada mecha, senón que esta resulte o máis natural posible.

Miranda Kerr axudou a popularizar as mechas balayage
Miranda Kerr, unha das modelos mellor pagadas do mundo, tamén opta polas balayage

As vantaxes das balayage teñen moito que ver coa eliminación da oxidación que se produce nas mechas tradicionais a causa do uso de calor e papel de aluminio,  conseguindo tamén máis volume ou e uns resultados con moita personalidade. E, a diferencia das californianas, o aclarado non se produce maioritariamente e de xeito drástico nas puntas, senón que é máis uniforme e comeza desde as raíces. O mellor é que non esixen visitas tan regulares ao salón de beleza, polo que son aptas para @s máis atarefad@s. Ademais, admiten bases claras e escuras,  pois a fin de contas do que se trata é de aclarar o ton natural do cabelo e de engadirlle brillo.

O outono preséntase como a ocasión perfecta para decidirse por estas mechas, aínda que só sexa por eses reflexos de sol que soltan, tan propios do verán, e que lle engadirán frescura e luminosidade ás tardes outonais.  Agora só queda buscar un oco na axenda para pedir vez co/-a perruqueir@ e deixarse levar polas balayage.

María Losada / Fotos: Instagram @wellahair, @mirandakerr, @alexachung