Memorias da decadente Bucarest

Suxestións para unha viaxe a Bucarest

Hai veces que optar por visitar a capital dun país para así facerse unha idea do seu conxunto resulta decepcionante e enganoso. Tal é o caso, por exemplo, de Romanía. Hai lugares como Timisoara ou a popular rexión transilvana que resultan certamente máis atractivos e auténticos. Bucarest hoxe é a sombra do que algún día foi. E é xusto ese pasado glorioso que aínda se adiviña nalgúns dos seus recunchos o que inspira esta viaxe. Baixo a aparencia decadente, rañamos ata atopar tesouros esquecidos.

Nada máis aterrar na cidade, percíbese o impacto que os fondos de cohesión da Unión Europea están a ter nas súas infrastruturas. A súa pegada séntese xa no moderno aeroporto Henri Coanda, situado a unha media hora en taxi do centro.

O traxecto é unha ocasión inmellorable para ir entrando en materia e actualizando as nocións de historia local da man dos a miúdo falangueiros taxistas. Recréanse nos seus relatos, pronunciados nun francés ben decente sementado de preguntas sobre o país de orixe d@ viaxeir@ e algunha que outra broma arredor de estereotipos.

Ollo, iso si, co delicado momento do pago da carreira. Dirán que son 25 ou 30 lei (en Romanía non está implantado o euro), pero tomarán a liberdade de cobrar o que consideren quedando coas voltas. Mellor aceptalo con resignación e ter contados os cartos para a próxima. Todo sexa por evitar un momento incómodo e unha maldición en romanés.

Bucarest destila un pasado glorioso
Vista de Bucarest, exemplo de cidade post-comunista

A primeira impresión ao fincar un pé en Bucarest non é demasiado alentadora. Gris, atravesada por unha marañada de cables eléctricos que nin na India e poboada de cans vagabundos non moi amigables (recoméndase manterse lonxe deles), resulta un chisco triste.

Predominan as construcións descoidadas e ruinosas, cuxo estilo arquitectónico racional baseado na monumentalidade e o cemento, é a herdanza da etapa comunista. Unha das principais atraccións para @s visitantes é, de feito, a xoia da época de Ceaucescu: o Parlamento.

Para imaxinar as súas dimensións, abonda dicir que é o segundo edificio máis grande do mundo, só superado polo Pentágono estadounidense. Para construílo, tiveron que derrubar doce igrexas, dúas sinagogas, tres mosteiros e máis de 7000 casas. Hoxe é a sede do Tribunal Constitucional, a Cámara de Deputados e dun centro internacional de conferencias. Paga a pena facerlle unha visita, aínda que non sexa máis que para comprobar in situ as súas dimensións.

A rúa Lipscani é unha das máis fermosas de Bucarest
A actividade na zona vella de Bucarest pasa pola rúa Lipscani

Desde a praza Unirii, onde este se atopa, encamiñámonos á veciña avenida da Vitoria, a arteria máis antiga de Bucarest. Nela aínda se conservan algúns testemuños dos tempos de esplendor da cidade, cando gañou o alcume de “Pequena París” e rivalizaba con Viena ou Budapest. Acolle, por exemplo, unha manchea de hoteis de luxo, edificios elegantes e fermosas construcións como o Ateneo Romanés e o Museo Nacional de Historia de Romanía.

A só uns minutos de alí, atópase a que é, sen dúbida, a parte con maior encanto da cidade: a zona vella. O mellor é deixarse levar polo labirinto de rúas e calellas, que na primavera se enchen de terrazas nas que gozar dun grolo ao sol. No seu corazón está a rúa Lipscani, desbordante de vida, tendas, restaurantes e librarías.

Pero se hai algo neste barrio que non deberías deixar pasar é o Teatro Nacional, a excusa perfecta para facer logo unha paradiña na pasaxe Macca Villacrosse, unha galería cuberta que namorará co seu aire de decorado de película.

De volta cara a avenida da Vitoria, podes deterte na transversal rúa Stravropoleos para coñecer o restaurante-cervexaría máis antigo da cidade: Caru Cu Bene, fundado en 1879.

Descubrirás que en Bucarest a beleza está nas pequenas cousas: nas ducias de igrexas que verás no teu camiño, na cociña tradicional de calidade que aínda se ofrece en Hanul Manuc ou na marabillosa -e “instagrameable”- libraría Carturesti Carusel.

Entre os encantos de Bucarest está esta libraría
A libraría Carturesti Carusel é un pracer para o intelecto e os sentidos

Máis info: tourism-bucharest.com / romaniatourism.comcic.cdep.ro

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @michaela_dolezalova, @nicolinacosta, @vihri_to