Desoriental: Memorias dun exilio involuntario

'Desoriental' é unha crúa novela de inmigración

Día si e día tamén, asistimos á retransmisión televisada do maior drama do que vai de século: as grandes migracións de Oriente Medio a Europa. Refuxiad@s siri@s, libi@s, iraquís foxen da guerra, do terrorismo, da miseria, en definitiva. Mais ese exilio involuntario ten raíces ben máis profundas.

Na década dos 70, no Irán do Shah, naceu unha nena. Unha nena que, coa Revolución Islámica de Jomeini en marca, rápido houbo de asumir que na súa propia patria non quedaba espazo para unha familia como a súa.

Así se inicia a historia de Négar Djavadi ou, o que vén ser case o mesmo, de Kimia (o seu alter ego literario). Desoriental (Malpaso, 2017) é o particular balance, o axuste de contas coa súa propia existencia que a escritora fai. Constantemente dividida entre as imaxes do pasado nunha terra que xa só pertence ao plano das lembranzas e a crúa realidade no país de acollida, a miúdo indiferente -cando non hostil- á súa presenza.

Esta novela retrata a vida no exilio das 2ªs xeracións
Velaquí un relato tenro e conmovedor sobre a 2ª xeración de inmigrantes

Porque se algo sentimos no relato da iraniana é o fondo desacougo de saberse cidadá de ningunha parte, unha dor que condiciona a súa relación co entorno e consigo mesma.

A cultura francesa non a representa ao 100%, de igual xeito que a educación nos valores paternos tampouco encaixa ben coas circunstancias nas que se criou. Dalgún xeito, a Kimia da novela vive ancorada nun exilio permanente, do que non atopa saída nin respiro.

E así, un acontecemento tan transcendental como un procedemento de inseminación in vitro desencadea nela todo un proceso catártico, unha tormenta de memorias das que semella precisar desfacerse para encarar unha nova etapa vital.

Desoriental é a historia do bisavó Montazemolmolk, de ollos azuis e dono dun harén de 52 esposas na remota Persia. Ou de Nur, a avoa, que herdou os seus ollos e, con iso, o seu amor. Mais os personaxes case lendarios, máxicos, exóticos, vólvense de carne e óso na xeración anterior á de Kimia. O pai é un fero opositor ao réxime islamista, un intelectual cultivado e formado no París da efervescencia cultural e da política post-colonial, un soñador cuxa máxima prioridade serán sempre as ideas sobre as persoas. Para desgraza da protagonista.

O exilio é para tod@s eles/elas liberdade e prisión, unha perturbadora dicotomía que se repite hoxe en miles, milleiros de persoas arredor do mundo.

Por iso, o relato de Djavadi é tan poderoso: porque nos obriga a poñernos na pel d@ outr@, ese ou esa que tan á présa etiquetamos como un(ha) refuxiad@ máis. Porque, no fondo, Oriente e Occidente son dous mundos (ir)reconciliables.

Djavadi, Négar. Desoriental. Malpaso Ediciones. Barcelona, 2017. 330 páxinas.

Fotos: malpasoed.com