“Menicure”, porque eles tamén queren unllas bonitas

A menicure é tendencia en estética masculina

Que a cosmética masculina está en auxe é un feito. Hidratación, coloracións capilares, tratamentos anti-engurras…: o concepto “metrosexual” quedou xa no esquecemento, pero os produtos que trouxo consigo seguen espallados polas vidas masculinas. A industria por fin se decatou de que os homes están dispostos a algo máis ca un simple peiteado cando se achegan ao salón de beleza e non desaproveita a oportunidade de negocio. A oferta non deixa de medrar para ofrecer un servicio integral de coidados. E, por suposto, a estrela é a manicura. Ou, mellor dito, a “menicure”.

Non cabe dúbida de as mans masculinas ían pedindo xa por un pouco de mimo.E é que, tras longas décadas nas que a manicura estivo considerada unicamente unha tendencia feminina, o coidado das mans por fin se converte nunha moda unisex. A fin de contas, unha aparencia impoluta non debería ter distinción de xénero.

As mans son unha das partes do corpo humano que máis chaman a atención, polo que o seu tratamento pasou a ter a categoría de tarefa prioritaria no mundo da estética. Descrita como o complemento ideal para proxectar unha imaxe de pulcritude e considerada case como unha cuestión de hixiene, non son poucos os salóns de beleza que se apuntan agora á moda da manicura masculina. Malia que aínda se trata dunha tendencia minoritaria, pouco a pouco vai gañando adeptos que se atreven a probala na casa ou nun centro especializado. Se Johnny Deep ou David Beckham levan anos facendo a “menicure”, por que non darlle unha oportunidade?

A menicura é un vestixio da tendencia metrosexual
Hai algo máis relaxante ca unha manicura ben feita?

As diferenzas cunha manicura feminina son mínimas. Normalmente, a vertente masculina non remata co esmaltado da unlla (agás excepcións), senón que -como moito- inclúe un produto abrillantador ou endurecedor, mentres que entre as mulleres triunfan cada vez máis sofisticadas expresións de nail art. Eliminar cutículas, darlle forma ás unllas e hidratar as mans son os tres piares básicos desta técnica, considerada xa un complemento indispensable en lugares tan afastados como L. A. e Dublín. Mesmo en España se oferta xa en exclusivos salón como Hom Estétic (Madrid) ou Yass & Co. (Barcelona).

A “menicure” non é máis ca outro exemplo de que o universo da cosmética masculina está evolucionando para ofrecer cada vez un abano máis amplo a un público que xa deixou de ser remiso aos produtos destinados ao coidado estético. E é que son moitos os beneficios dunha boa manicura, desde potenciar a saúde e a hixiene das mans ata mellorar radicalmente a propia imaxe. Porque eles tamén o valen.

María Losada @MariaLosada_ / Fotos: Instagram @hammerandnails1; hammerandnails-salon.com