“Menocore”, tendencia de estilo inspirada nas mulleres de +50

O 'menocore' xa é tendencia

Primeiro foron os mum jeans, logo sumáronse os kitten heels, e a puntilla puxérona os clásicos zapatos sling back. Os sinais estaban claros, só faltaba unha etiqueta que lles dese carta de tendencia oficial. A “avoización” dos nosos roupeiros está en marcha. Estas son as claves para entender (e dominar) a curiosa influencia do chamado “menocore” sobre o vestiario xuvenil.

Pode que sexa debido ao esgotamento visual que tantas e tantas micro-tendencias arriscadas provocan no público (entre plumas, mesturas de estampados, prendas irónicas e motivos barrocos ou pop) ou por unha cuestión de simple pragmatismo, pero o street style dos últimos tempos está a adoptar unha provocativa actitude conservadora.

O 'menocore' propón a relaxación do estilo
Un chisco masculino, relaxado, formal : así é o novo (antigo) estilo 

O “normcore” ou a sublimación das cores neutras e dos básicos -que tanto xogo lle deron (e dan) a Alexander Wang ou Phoebe Philo- busca ampliar horizontes. A exaltación do confort sobre a ditadura do que se leva deixa de inspirarse agora no vestiario sporty chic para pescar nas augas das mulleres maduras.

En Man Repeller -sempre un paso por diante en materia de estilo- vaticinan a era do que denominan “menocore”, é dicir, o culto á estética propia dun determinado segmento da poboación feminina occidental (máis de 50 anos, en plena menopausia, independentes) convertida en imprescindible no fondo de armario.

O paradigma é Diane Keaton, que leva décadas cultivando un look de señora prematuramente, xusto nas antípodas da maior parte de mulleres artistas, que tenden a potenciar a súa aparencia xuvenil. A mesma Keaton que resulta inconfundible e que transcende películas, directores/-as e contextos coa súa estética.

O aspecto natural, relaxado, cómodo e cun punto masculino que luce a actriz é o punto de partida desta vaga nacente de “menocore”. Como confesaba Harling Ross, unha das editoras do portal de Leandra Medine, “o único que quero neste intre é vestirme como Diane Keaton en Cuando menos te lo esperas“. Toda unha declaración de intencións e a verbalización definitiva de algo que leva tempo flotando no ambiente d@s fashion insiders: a actitude inconscientemente cool é o novo cool. E diso saben moito as mulleres que, de volta de (case) todo, deciden facerlle un corte de manga ás tendencias e vestir ao seu xeito.

A estética 'normcore' cédelle a vez ao 'menocore'
O segredo do éxito do ‘menocore’ é a atemporalidade

O “menocore” non é tanto unha cuestión de uniforme como de actitude. Uns pantalóns de liño, unha camiseta branca e unha pamela poden servir. A túnicas, as americanas masculinas e as camisas en tons neutros, tamén. Zapatos náuticos, mocasíns, tacóns baixos ou sandalias compoñen o abano do calzado “menocore”.

No contexto da “infantilización” social e da extrema importancia concedida á xuventude como valor engadido, que Diane Keaton se erixa en creadora de tendencias merece ser noticia.

Harling insiste, con razón, en que esta estética

 

nos fai viaxar cara adiante no tempo, ata unha versión máis sazonada de nós mesmas, as nosas nais e o noso mundo.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @zoras_daughter, @andrewsdrawer, @leandramcohen