Menstruación e hixiene feminina: aínda un tabú?

A menstruación segue a ser un enorme tabú

A idade da menarquia (primeira regra) sitúase entre os 11 e os 12 anos. A menopausia prodúcese a miúdo arredor dos 45 anos. Durante case tres décadas e media, cada muller ten un período menstrual que dura entre 3 e 7 días. Unha media de 400 ao longo da súa vida. Segundo datos da ONU actualizados en 2017, a poboación feminina no mundo representa o 49’6% do total. Practicamente a metade do planeta coñece en primeira persoa a síndrome premenstrual, as molestias asociadas á regra ou as condicións de acceso aos produtos de hixiene. E, porén, as cifras non teñen unha tradución no plano do interés público. Da menstruación, como da saúde íntima feminina en xeral, fálase entre murmurios.

Memoria dun tabú milenario…

Se o cosmos e a natureza foron durante séculos un misterio e unha fonte de inquedanza para o ser humano, o funcionamento do seu corpo non o foi menos. A mitoloxía e os relatos lendarios axudaron en boa medida a aplacar o medo a fenómenos tan variados como os eclipses solares, a sucesión das estacións ou a reprodución animal. A falla de coñecementos empíricos, a imaxinación proporcionaba un marco referencial ao que remitirse para explicar, por exemplo, as diferenzas anatómicas entre homes e mulleres e as súas implicacións. Elas, en tanto que dotadas da capacidade de xestación, foron obxecto dun particular interese, do que existen numerosos testemuños na tradición oral de culturas ben diversas.

Nese contexto, os cambios fisiolóxicos ligados á menstruación (morfolóxicos ou hormonais), o propio sangrado e o período de fertilidade femininos espertaron medo e receo. De aí que a súa explicación estivese rodeada de connotacións negativas que non facían senón estigmatizar a muller. Na Antigüidade, era unha crenza estendida que esta estaba sucia durante os días que duraba a regra. Existe constancia de que algunhas tribos separaban as que estaban nesa fase do resto da comunidade, acomodándoas en chozas apartadas no caso d@s arapesh de Nova Guinea.

Tanto exipci@s como hebre@s implantaron os baños para efectuar unha limpeza ritual á fin de cada menstruación. Un xesto que adaptou o cristianismo e que ata ben entrado o século XX se mantivo co costume de “acollerse á Igrexa” (presentarse no templo para recibir as augas purificadoras) despois de dar a luz, por exemplo. Porque na Biblia está que a muller é impura na súa etapa menstrual -lémbrese que o modelo feminino que ofrece é a Virxe María, sen mancha, que concibiu o seu fillo Xesús sen mediación de contacto físico- e a lei cristiá chegou a prohibir a súa entrada nas igrexas durante eses días.

En tempos de Plinio O Vello (século I d. C.), en Roma era opinión común que a regra era unha entidade informe, “un veleno fatal que corrompe e descompón os ouriños, fai perder as sementes da fecundidade, murcha as flores e herbas do xardín”. Mesmo se lle atribuía poder para esvaecer o brillo do aceiro e do marfil. Igual de dramática era a perspectiva na China antiga, onde o sangue da menstruación non debía topar o chan por temor a que o espírito da Terra se anoxase.

… que persiste na actualidade

Poida que determinados mitos sobre a regra nos resulten chocantes ou mesmo cómicos hoxe en día. Porén, neles repousan outras moitas crenzas arraigadas na idiosincrasia de numerosos pobos e contribúen a lexitimar teorías pseudo-científicas que lastran o desenvolvemento das mulleres. Se Plinio O Vello alertaba fronte aos poderes mortíferos do sangrado feminino (sobre a base de que este anunciaba a ausencia de embarazo), quen non escoitou algunha vez que é capaz de facer estropear unha salsa maionesa.

Malia a información dispoñible, moitas son as lendas sobre a menstruación
A menstruación non deixa de ser unha fonte inesgotable de absurdas teorías

Entre as lendas urbanas que rodean a regra, está tamén que unha muller non se debe bañar ou lavar a cabeza para que non se lle interrompa, que hai unha serie de alimentos que non pode comer (leite e derivados, ovos, limóns, tomates, produtos fríos etc.). Tampouco sería recomendable poñerse ao sol ou entrar nun cemiterio. Aínda que se existe un mito difundido é o que afecta ás relacións sexuais durante a menstruación. Así, o corpo estaría máis sensible e propenso a contraer infeccións, polo que se recomenda a abstinencia.

Falemos da menstruación

Tal grao de descoñecemento responde no presente xa non á carencia de datos científicos na materia, senón á desinformación e á deficiente comunicación existente sobre a saúde reprodutiva e a hixiene feminina. Ambas cuestións son en parte o froito do veo que as antigas culturas e, sobre todo, as relixións botaron sobre as cuestións relativas á fisioloxía da muller.

O estudo da sexualidade conta con escaso espazo nos programas educativos e, así as cousas, da menstruación fálase pouco e mal. Tampouco forma parte da axenda política en materia de sanidade e servizos sociais. Non se aborda, por exemplo, o impacto que as molestias menstruais teñen no plano laboral para quen as sufres (os colectivos feministas amósanse divididos a propósito das baixas pola síndrome premenstrual, vendo nelas tanto un factor adicional de discriminación como un recoñecemento lóxico). Ou a chamada “pobreza menstrual” (falla de recursos hixiénicos), que afecta cada vez a máis mulleres tamén en Occidente e, sen embargo, apenas ten visibilidade.

A menstruación é un problema engadido en contextos de pobreza
A artista británica Katie Nelson pon de manifesto o gasto das mulleres en hixiene

O discurso sobre a regra e a hixiene feminina está moi ligado a unha linguaxe construída sobre clixés e eufemismos, o que bloquea a superación do tabú e a xeración dunha conversa produtiva sobre este tema. Evócase a “señora de vermello”, “eses días”, “esa semana”, a “tía vermella” e todo un abano de termos que serven para evitar pronunciar en voz alta “menstruación” ou “regra”.

Como en tantas outras áreas relacionadas con cuestións de xénero, a publicidade xoga un papel capital na perpetuación dos estigmas. As mensaxes paternalistas que transmiten os anuncios de compresas ou tampóns, proxectando unha imaxe naïve e nada realista das mulleres e presentando unha versión edulcorada do período son unha mostra diso.

Recentemente, a marca de produtos hixiénicos Bodyform lanzou no Reino Unido a campaña #BloodNormal (“o sangue é normal”) coa que pretende facer visible a aversión que esperta o sangue menstrual e subliñar o carácter irracional de tal reacción. Se case a metade das persoas que habitan o noso planeta menstrúan unha vez ao mes, por que razón non ha de verse iso como algo ordinario? De feito, tod@s sangramos con frecuencia. Tal e como apuntan en Bodyform, “se non hai ningún problema por levar un esparadrapo, por que hai que agochar as compresas?”

E se a imaxe dunhas bragas manchadas de sangue non fose extraordinaria?
Bragas manchadas de sangue, unha imaxe cotiá que poucas veces se amosa

O movemento en prol dunha visión realista e positiva da menstruación pasa tamén por xestos a priori tan obvios como a representación do fluxo na súa auténtica cor. Despois de décadas consumindo anuncios onde tampóns, compresas, sabas e colchóns quedan tinguidos dun inexplicable ton azul, Bodyform vén de mudar a inercia introducindo o vermello neles.

En tempos de neo-feminismo e de renovada loita polo recoñecemento efectivo dos dereitos das mulleres, o valor dunha mancha de sangue nun soporte publicitario pódese converter nunha potente ferramenta de “empoderamento”.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @petrichorate, @bodyformuk, @katienelsonstudio, @margueriteetcie