Miami, a nova meca da xente estudadamente cool

Miami renova a súa imaxe cunha gran oferta cultural

Viaxar ao Caribe é tan last season… En materia de escapadas con sabor tropical, diversión e sol asegurados, o que triunfa agora non é Cuba, a República Dominicana ou Xamaica, senón a sen par cidade de Miami. Porque non todo ha de ser tostarse na praia con cóctel en cada man.

Tenta recapitular e facer memoria: canto sabes sobre Miami? Probablemente lembres a mítica Miami Vice, co non menos mítico Don Johnson percorrendo as súas rúas vestido coma un pincel oitenteiro. De seguro, farache pensar tamén na comunidade do exilio cubano, con Gloria Estefan e familia á cabeza. Mais, a non ser que teñas unha personalidade de mitóman@, que pode haber de especial nese lugar para que vaia camiño de se converter no destino de moda dentro do circuíto turístico internacional?

A resposta está no espectacular lavado de cara que sufriu na última década e media, pasando de ser un polo de troula, desenfreo e mal gusto a un paraíso para o recreo do corpo e a mente. E iso débello en boa medida a Sam Keller. Foi el quen, en 2002, aterraba en Miami coa Art Basel (unha das feiras de arte contemporáneo máis reputadas) e captaba así a atención de inversores/-as, promotores/-as e ducias de emprendedores/-as do sector da hostalería. O xermolo da renovación viña de ser plantado.

Miami rexurdiu das súas cinsas grazas á arte
Art Basel articula a nova escena cultural de Miami

Un bocado de arte con sabor a Miami

Coconut Grove e, sobre todo, Wynwood son o mellor exemplo da (r)evolución que sufriron nestes dez anos algúns dos barrios industriais e deprimidos da cidade. O urbanista Tony Goldman e o colectivo creativo Cinemart uníronse para promover un proxecto que convertese a zona nun espazo humano e agradable, atractivo para artistas, residentes e visitantes. De aí naceron os chamados Walls of Change ou Wynwood Walls, templos do graffiti ao aire libre.

Miami recupera o seu estatus de cidade imprescindible
A restauración de edificios históricos foi clave

Paralelamente, fóronse abrindo ata 70 galerías de arte, entre as que sobresaen o Perez Art Museum (proxectado polo prestixioso estudio Herzog & Meuron, gañador do premio Pritzker de arquitectura en 2001) e a histórica Leica. Ao seu carón, foi florecendo unha rede de tendas, cafetarías (Zagat vén de nomear LaMuse Cafe a máis in) e restaurantes (como Joey’s, un italiano imprescindible, ou Wood’s Tavern, coñecido polos seus cocteis) que hoxe reciben a amantes da cultura e viaxeir@s de todo tipo e condición.

Miami é moda

O rexurdimento de Wynwood ten, sen embargo, unha débeda co próximo Design District, artellado polo coleccionista de arte local Craig Robins. Este é o cerebro responsable dunha das zonas de compras máis en voga nos Estados Unidos, todo un antigo barrio de estilo art déco dedicado a espazos de marcas tan exclusivas como: Céline, Hermès, Cartier, Dior ou Louis Vuitton. Todo un imán para fashionistas e curios@s, estableceu con aquel unha especie de relación simbiótica, estendendo o seu encanto á veciñanza. Non hai blogueir@ que non se deixe seducir polo espectacular marco artístico de Wynwood nin visitante que non caia na tentación de achegarse polas tendas.

Mesmo as fotos teñen máis encanto en Miami
A mellor localización para unha foto espectacular? Wynwood Walls

Pero a nova relación de Miami co deseño non queda neste petisco de luxo. Respaldada por persoeiros como Antonio Banderas (presidente honorífico), a súa semana da moda (que este ano se celebrará do 31 de maio ao 4 de xuño) está a gañar importancia no calendario global. Entre as súas fieis, Kim Kardashian ou Tyra Banks.

Máis info: miamiandbeaches.com, miamigov.com, southmiamifl.gov

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @lifestyle_miami, @wynwoodmiami / artbasel.com