Mindful eating, ou como loitar contra a ansiedade por comer

O frenético ritmo de vida no que estamos inmers@s fai que cada vez máis persoas sufran trastornos como a ansiedade ou o estrés, que moitas veces derivan en problemas coa comida. Para facerlles fronte, xurdiron filosofías ou estilos de vida como o mindfulness, unha doutrina que bebe da meditación, o ioga e o budismo, e que pretende traballar o equilibro físico e emocional a través da atención plena. E, como non, tamén se aplica á relación coa comida. Para axudarnos a combater esa feroz ansiedade por comer, chega o mindful eating ou alimentación consciente.

A miúdo -e sobre todo na etapa infantil- a comida emprégase en relación a premios e castigos ante distintos comportamentos. A quen non lle prometeron unha suculenta sobremesa “se se portaba ben”? Noutras ocasións, o feito de comer asóciase a sentimentos como a tristeza ou a euforia.

A alimentación consciente é a nova vertente do 'mindfulness'
Prestar atención ao tempo da comida, un reto moderno

Porén, a alimentación consciente o que busca é que a túa relación coa comida sexa sa, que saibas detectar cando tes fame e coñezas as emocións que esta reacción primaria esperta en ti para controlar a ansiedade e ser libre de decidir cando e como nutrirte. Para evitar que o feito de comer, que realmente debería ser un pracer, sexa unha fonte de frustración e culpabilidade.

O mindful eating non consiste en facer dieta. Pode que adelgazar sexa unha consecuencia da túa nova conduta nutricional, mais non se trata de restrinxir a inxesta de determinados alimentos. O principal obxectivo é que reorganices os teus hábitos para cambiar a túa relación coa comida definitivamente.

Para conseguilo, existen unha serie de regras básicas que debes aplicar desde o primeiro momento.

Aprende a recoñecer a fame real

É esa lixeira dor na boca do estómago. Se non percibes esta sensación física, poida que teñas a chamada “fame emocional”, ben porque estás aburrid@, enfadad@, triste, estresad@ ou agobiad@. Se é así, afástate da comida e opta por facer unha actividade que che resulte entretida.

Bebe auga antes de comer

É habitual que poidas confundir a fame coa sede, por iso sempre é recomendable beber un vaso de auga antes de tomar outros alimentos. Axudarache a calmar a ansiedade e resultarache saciante.

'Mindful eating' leva á mesa a técnica da atención plena
A disposición á hora de sentar para comer inflúe na nosa relación cos alimentos

Séntate

Se non paras e non te pos en situación de comer, o teu corpo non recoñecerá que estás inxerindo alimentos, polo que comerás todo o que se che poña por diante (e seguro que a maioría será comida rápida). Non tomar asento tamén xoga na túa contra á hora de detectares en que momento estás saciad@ e debes deixar de comer.

Elimina as distraccións

Difícil cumprir esta regra na actualidade, sobre todo se es millennial ou aspiras a influencer, pero @s expert@s coinciden nisto: non prendas a televisión nin mires as redes sociais mentres comas. Esixirache un esforzo extra, porque seguramente o xantar sexa un dos momentos libres do día nos que aproveites para informarte, para actualizar as redes ou para falar cos teus contactos. Se a túa mente non está centrada no feito de comer, non serás consciente do teu comportamento ante a comida.

Come con tranquilidade

As présas non son boas conselleiras para comer. Dedica, canto menos, vinte minutos ás principais comidas. Mastiga moito –axudarache a saciarte antes e facilitarache as dixestións– e pousa os cubertos na mesa entre cada bocado. Así non engulirás a comida de xeito compulsivo.

Saborea a comida

Proxecta a atención plena –unha capacidade que temos todas as persoas– nos alimentos que tes diante. Céntrate no seu sabor, nos olores, texturas e cores. Emprega os cinco sentidos para ser consciente do que estás inxerindo e pensa no que aporta ao teu organismo.

Para practicar 'mindful eating' , sigue estes consellos
Recuperar o gusto pola cociña repousada é un dos piares desta disciplina

Para maximizar os efectos da alimentación consciente sobre o teu benestar, é importante que combines estas regras con meditación e exercicio. Todas estas prácticas axudaranche a traballar a auto-estima e a auto-confianza, a querer o teu corpo tal e como é. E o mellor: se comes de xeito consciente poderás evitar ese ciclo de ansiedade e culpa que te leva a comer de maneira obsesiva.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo