Mindfulness ou a procura do equilibrio perdido

Mindfulness é a nova teoría integral do benestar

O budismo e a filosofía oriental en xeral son unha fonte inesgotable de sabedoría. Grazas a eles descubrimos e afeccionámonos ao ioga, á acupuntura, á meditación e mesmo ao tantra (aínda que despois llo deixasemos aos espíritos ousados). E de Oriente importamos tamén o mindfulness, antídoto para o estrés e a ansiedade da vida moderna.

Non hai máis ca botar un ollo ás ofertas de traballo para darse conta da importancia que se lle outorga á capacidade de realizar varias tarefas a un tempo. Búscanse persoas que saiban diversificar a súa atención e sexan quen de atender distintas frontes sen que o seu rendemento se vexa afectado. Esta mentalidade é froito do culto ao concepto anglosaxón do multitasking. Mais non só é cousa do eido laboral, senón que tamén está moi arraigado no plano persoal.

Porque queremos sacarlle o máximo produto ao noso tempo e o reloxo xoga na nosa contra. Porque cremos que facer varias cousas simultaneamente é sinal de agudeza e de intelixencia. Porque a dixitalización das nosas vidas mudou o xeito en que nos relacionamos coa nosa contorna e con nós mesm@s.

Queremos telo todo baixo control e a un clic de distancia. E comprobamos se nos chegou algunha notificación ao móbil mentres cepillamos os dentes ou contestamos un correo electrónico. Cociñamos a cea coa culler nunha man e a tableta na outra. Falamos c@s amig@s sen mirarlles aos ollos porque estamos ocupad@s. En resume: acostumámonos a vivir facendo malabarismos.

O estrés e a ansiedade son o principal efecto colateral da obsesión polo multitasking. Xa o dicían @s nos@s maiores: quen moito abarca, pouco aperta. Así que para axudarnos a resetear a nosa mente saturada, psiquiatras e psicólogos apostan pola práctica do mindfulness, é dicir, por recuperar a nosa capacidade de atención.

Mindfulness ou atención consciente é o antídoto para o estrés
A atención consciente é o segredo para combater o estrés

Esta técnica budista chegou a Occidente fai uns 30 anos, mais ata non fai moito era practicamente descoñecida para o común d@s mortais. Baséase na crenza de que precisamos conectarnos e comunicarnos, pero non só coa xente que nos rodea, senón con nós mesm@s. Temos que aprender a liberarnos dos excesos de acción e información que nos abafan e asumir que o cerebro, en realidade, non é “multitarefa”.

Poñer todo o interese e a atención nun único obxectivo fai que o noso rendemento sexa maior, ao tempo que nos permite gozar máis do proceso en si e dos seus resultados. Non ter a presión, xa sexa imposta ou auto-imposta, de atender a varias cousas á vez axuda a manter baixo control o nivel de ansiedade e estrés que soportamos. Ademais, esa nova conciencia do noso obrar permite unha certa distancia ou perspectiva desde a que analizar as situacións con máis claridade e repouso. E da tranquilidade nace tamén a creatividade.

O mindfulness non é máis có retorno ao diálogo interior, á exploración das propias emocións e a ese cultivo da vida interior -que erroneamente asociamos c@s místic@s- fronte á sobreexposición da intimidade tan propia da era dixital. Trátase de prestar atención, no marco do aquí e agora, a pensamentos, emocións, sensacións corporais e ao que nos rodea. Eduard Punset, ese grande estudoso da psique humana, considera que

para facer fronte ás múltiples distraccións que caracterizan a nosa vida cotiá, non hai dúbida de que a contemplación -incluída, por suposto, a meditación- é a resposta e a saída á crise permanente na que vivimos.

Poida que semelle doado de conseguir, mais o propio Punset lémbranos que a mente é un músculo que corre o risco de atrofiarse se non se exercita debidamente.

Mindfulness paso a paso

Para practicar esta ximnasia mental que é o mindfulness abonda con adicarlle uns 10 minutos ao día. Os beneficios desta técnica son progresivos e a medio prazo, polo que é importante non deixarse levar pola preguiza. Para Eduard Punset, a súa práctica require cinco niveis de acción: adoptar unha postura de descanso, respirar profundamente, deixar que o organismo se desprenda dos pensamentos aos que renuncia, tomar nota de se algo interrompeu o proceso, comezar de novo.

@Ce_FerSan