Miriam Ungría: “Sempre hai unha historia detrás dunha xoia”

Entrevistamos a Miriam de Ungría, especialista en xoias

Audrey Hepburn peregrinaba á tenda de Tiffany na 5ª Avenida para recrearse coas súas pezas desde o outro lado do cristal do escaparate. Miriam Ungría, pola contra, prefire pasar á acción e deseñar as súas propias liñas de xoias. É o que ten medrar entre xemas exóticas e xogar desde nena a darlles forma.

Licenciada en Historia da Arte e especializada en Xemoloxía, Miriam Ungría é unha auténtica experta en diamantes (non como Marilyn, por moito que se esforzase en cantar o contrario) e tasación. Despois de traballar durante anos para a firma de alta xoiaría Carrera y Carrera, está a se labrar un nome coa súa propia marca. MdeU Design atópase en plena expansión, e xa conta con presenza en mercados internacionais como Dubai, Xordania ou Bulgaria.

Con ela conversamos para coñecer máis de preto o universo do luxo aplicado aos accesorios.

Coolt.- Comecemos polo principio: lembras en que preciso instante naceu ese xenuíno amor polas xemas do que fas gala?

Miriam Ungría.- As xoias gústanme desde pequena, espertábame curiosidade o deseño e deixábame levar pola maxia das súas pedras. Son un complemento esencial do vestiario e, sen lugar a dúbida, o que ten maior valor emocional. Sempre hai unha historia detrás dunha xoia.

C.- Cales son as túas favoritas?

M. U.- Das miñas coleccións, sempre quedo coas últimas que deseñei, aínda que en todas as coleccións teño as miñas pezas “estrela”.

C.- Lin que nalgunha ocasión tes usado nos teus deseños pedras preciosas traídas polo teu pai das súas viaxes. Como é o teu proceso actual de busca e selección?

M. U.- O proceso xira indistintamente en dous sentidos: unhas veces, busco a pedra para un deseño que creei ou teño na cabeza, e outras, creo un deseño para unha pedra que, pola súa talla ou pola súa cor, me cativou.

Miriam Ungría é unha das especialistas en xemas máis reputadas de España
Formada na Escuela de Minas de Oviedo e en Italia, é unha apaixonada das xemas

C.- As xemas, como a alta xoiaría en xeral, son dalgún xeito grandes descoñecidas para o público xeral. Cres que a promoción dos diamantes sintéticos, por exemplo, as fará máis accesibles?

M. U.- Quero deixar claro que eu non utilicei nunca diamantes sintéticos. Sempre uso para as miñas coleccións pedras naturais.

O diamante sintético é unha realidade da que o público ten que estar ao tanto. É unha opción máis, nin mellor nin peor, é unha decisión persoal.

O importante é que o cliente final saiba o que compra, que non o enganen. A miña conferencia falando de diamantes [celebrada en novembro de 2017 na Coruña] era moi ampla, falei dos diamantes en xeral e dos sintéticos en particular porque son xemóloga. É importante ensinarlle á xente que existen e que están no mercado.

C.- Tendo en conta que os diamantes foron tradicionalmente un símbolo de status social, non sei se a súa “democratización” podería ser percibida como un contrasentido.

M. U.- O que cambia o “quen” e o “cando” se poden levar diamantes é o deseño, non o feito de que as xoias teñan diamantes. Os meus deseños pódense levar a calquera hora do día. Precisamente, nas miñas conferencias tento achegar a xente ao mundo dos diamantes para que non os vexan como algo inalcanzable. A información é fundamental, porque hai diamantes para todos os petos e todo o mundo pode acceder a un. Esta democracia no mundo do diamante (e das pedras preciosas en xeral) existiu sempre.

Na alta xoiaría española destaca o nome de Miriam Ungría
Con frecuencia, Miriam Ungría viste a súas propias xoias

C.- Moitas firmas de luxo están tentando atraer unha clientela máis nova, abrirse camiño entre @s nov@s compradores/-as con elevado poder adquisitivo e un gusto menos clásico. A xoiaría tamén pensa en clave millennial?

M. U.- Os millennials representan xa un 45% do total das compras de xoias con diamantes, máis de 2.500 millóns de dólares ao ano. Teñen agora entre 17 e 37 anos, o que significa que esta cifra de gasto irá subindo. No tocante ao gusto, esta xeración xa utiliza a xoiaría como un complemento esencial do vestiario, e isto abre o abano de tendencias segundo sexan máis ou menos clásicos no seu comportamento.

C.-No musical Gentlemen prefer blondes, Marilyn inculcounos que os diamantes son o mellor amigo dunha muller. E dos homes? Existe a alta xoiaría enfocada a eles?

M. U.- Os homes tamén levan xoias: xemelgos, reloxos, pulseiras, aneis… O deseño é, en xeral, moi diferente, aínda que eu teño algunhas pezas que compran indistintamente homes e mulleres. O que sexa alta xoiaría ou non depende do tipo de deseño e de como está executado, non só da calidade e do prezo do diamante.

C.- Fai uns anos, participaches na elaboración do dicionario Lujo y responsabilidad. Gustaríame saber cal é a túa percepción sobre o nivel de sostibilidade da industria da alta xoiaría na actualidade. Penso, sobre todo, na polémica sobre as explotacións mineiras de pedras preciosas en distintas zonas de África.

M. U.- Hai países cuxa economía se basea fundamentalmente na industria do diamante. Sería unha barbaridade pechar esa fonte de riqueza. As minas están explotadas con control e seguindo as normas de organismos internacionais. Dito isto, é difícil ter o control absoluto sobre quen quere poñerse á marxe da lei, porque sempre van por diante (e o caso dos diamantes non é unha excepción).

Porén, é unha industria demasiado potente como para non estar atentos aos que queren cometer abusos tanto no modo de explotación como no uso ao que se destinan.

Por outra banda, o concepto de sostibilidade e de compromiso co medio ambiente debe aplicarse a calquera sector. O diamante non é unha excepción.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @miriam_ungria