Motivos polos que Prohibido nacer debería ser lectura obrigatoria

'Prohibido nacer' recolle as vivencias infantís de Trevor Noah

Pon a proba a túa memoria: serías capaz de lembrar o nome dun ou dunha profesor/- de Historia que che falase -sen ser á présa- do Apartheid? Acaso había referencias a ese dramático período nos teus libros de texto? Se a resposta a ámbalas preguntas foi negativa, non te incomodes (ou si): só es unha vítima máis do etnocentrismo occidental. Para vacinarnos contra el, nada como un curso acelerado de “intrahistoria” surafricana, por cortesía de Trevor Noah e o seu Prohibido nacer (Blackie Books, 2017).

Apuntaba Chimamanda Ngozie Adichie nunha recente entrevista publicada en El País que todo o que se afasta do canon cultural branco, masculino, occidentalizado é tratado como unha exótica manifestación, case un produto antropolóxico. A iso se tende a reducir, por exemplo, a literatura contemporánea de África, da que a propia Chimamanda é unha notable representante. E algo semellante acontece cando do que se trata é de analizar a realidade social, política e económica de territorios situados alén da invisible fronteira do mal chamado “mundo desenvolvido”.

'Prohibido nacer' é o libro de memorias do momento
A nai de Trevor Noah merece un capítulo á parte nestas memorias

Coñecemos con pelos e sinais os grandes fitos e as maiores traxedias dos últimos mil anos en Europa, tod@s levamos dentro imaxes terroríficas dos campos de concentración nazis, do gulag ruso, das campañas nas colonias para reprimir as sublevacións autóctonas. Mais vivimos de costas ao que acontece e ten acontecido -para ben ou para mal- fóra do noso radar restrinxido.

Para saír da nosa casca etnocéntrica, é imprescindible familiarizarse coa historia en minúscula doutros pobos, outras culturas. E niso, as súper exitosas memorias de Trevor Noah poden xogar un papel decisivo. Porque do mesmo xeito que a propia Chimamanda conseguiu desencadear todo un movemento pro dereitos humanos grazas ás súas charlas TED, este libro convertido en fenómeno viral está facer que -aínda que sexa por un tempo limitado- milleiros de lectores/-as universais ollen para Suráfrica e, por extensión, para o continente africano.

Prohibido nacer descúbrenos a crueldade dun sistema post-colonial construído sobre o odio á diferenza, o medo e o conflito étnico, a maquinaria do “supremacismo” branco e os seus infinitos resortes, así como as dificultades e contradicións ás que a propia sociedade surafricana houbo de enfrontarse para o seu desmantelamento. Cada anécdota, cada lembranza infantil é unha labazada á nosa conciencia adormecida.

Porque este libro é, ademais dun engaiolante relato onde a capacidade narrativa e humorística de Trevor Noah queda probada, un activador do pensamento. Por momentos divertido, a miúdo doloroso, o que probablemente máis impacte da súa lectura é asumir que non é froito dun exercicio de ficción. En 1984, ano en que algúns ou algunhas de nós nacemos, a mera existencia dun mestizo como Noah era un crime.

Que non nos esqueza.

Noah, Trevor. Prohibido nacer. Blackie Books. Barcelona, 2017. 336 páxinas.

Foto: blackiebooks.org