Muller e discriminación laboral: o teito de cristal na era 3.0

España é un dos países con maior fenda laboral

Segundo a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948), “todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos […].” A liberdade -canto menos teórica- é un principio inviolable en Occidente. Cousa distinta é a igualdade, entendida dun xeito certamente flexible e posta en dúbida por prácticas como a discriminación laboral.

Digamos, por exemplo, que unha muller ten que traballar unha media de case 80 días ao ano máis ca un home para conseguir o mesmo salario desempeñando a mesma función. Digamos que os postos de responsabilidade seguen a estar reservados para os varóns. E digamos tamén que todo isto non acontece nun país emerxente. Esta é a situación actual da muller española no eido do traballo.

En marzo de 2015, e con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, a U.S.O. (Unión Sindical Obreira) publicou un informe que, baixo o título “La mujer española en el ámbito laboral público y sindical”, pretendía chamar a atención sobre o inxusto tratamento que reciben as traballadoras do noso país. A crise económica non fixo máis que agudizar as desigualdades no mercado do traballo en España, afondando nalgunhas tendencias negativas rexistradas historicamente e creando novas fontes de discriminación á muller.

Para Almudena Fontecha, responsable da área de Igualdade da U.X.T. (Unión Xeral de Traballadores), a fenda salarial é o piar das diferencias entre sexos. Non só hai cada vez menos mulleres que contan cun traballo remunerado, senón que os soldos das que si o teñen son cada vez máis baixos. Os datos da Enquisa Salarial, publicada en 2015 e baseada en informacións recollidas entre os anos 2008 e 2012, indican que en España unha traballadora recibe arredor dun 23% menos de soldo có compañeiro que desempeña o mesmo cargo. De aí que os ingresos salariais anuais medios no caso delas sexa de 19.537,33€, moi lonxe dos 25.682,05€ deles.

A orixe da desigualdade

Que se agocha detrás destas cifras alarmantes? A Unión Sindical Obreira fai o seguinte diagnóstico: no noso país falta unha perspectiva de xénero clara, as partidas adicadas a políticas de igualdade son insuficientes, e a conxuntura económica e os recortes en servizos públicos esenciais (en Sanidade, Educación, Dependencia e Servizos Sociais) contribuiron nos últimos anos a un deterioro da situación feminina no ámbito do traballo fóra da casa.

As españolas seguen a verse obrigadas a decidir entre o desenvolvemento profesional e a vida familiar. A corresponsabilidade é un espellismo, estando aínda moi marcados os roles sociais en función do sexo. A muller está ligada a esa chamada “ética do coidado”, ao cargo da familia (fill@s, pais, etc.) e do fogar. E ditos condicionantes limitan o seu acceso aos postos de traballo.

É por iso polo que tende a optar (ou vese obrigada a facelo) por contratos de media xornada ou xornada única, cun menor número de horas e, xa que logo, cunha remuneración máis baixa. A Enquisa Salarial subliña que no 2012 arredor dun 17,36% das traballadoras españolas tivo uns ingresos salariais iguais ou inferiores ao salario mínimo interprofesional (S.M.I.), unha porcentaxe que no caso dos homes descendía ata o 7,52%.

 Diagrama elaborado pola U.S.O sobre a situación laboral feminina
A contratación a xornada parcial, cousa de mulleres

As distancias na retribución duns e doutras fanse maiores no sector servizos. Tratándose de tarefas que non requiren de cualificación profesional específica e ocupando postos equiparables, elas chegan a cobrar un 30,69% menos malia que ata un 80% do persoal no eido da restauración son mulleres. Pero a fenda salarial non só afecta ás traballadoras non cualificadas. Entre o 2008 e o 2012 foi medrando en todos os ámbitos, facéndose máis notable no terreo educativo e sanitario, onde aumentou un 7,65% e un 6,02%, respectivamente.

Desmontando a discriminación laboral

En setembro de 2015 cumpríronse vinte anos da Cuarta Conferencia sobre a Muller, que tivo lugar na cidade de Pequín. Dela saíu a a chamada “Declaración e Plataforma de Acción de Pequín“, de cuxa implementación había de se encargar a Organización das Nacións Unidas (O.N.U.) e que estaba inspirada pola vontade dos países asinantes de “promover os obxectivos de igualdade, desenvolvemento e paz para todas as mulleres do mundo, no interese de toda a humanidade”. Ao longo dos máis de 350 puntos que contén a resolución, non só se facía unha análise da situación feminina nos espazos públicos e privados a volta de 1995, senón que se propoñían unha serie de directrices para que os gobernos e institucións mundiais colaborasen na súa mellora.

Almudena Fontecha lembra que “ás mulleres dicíasenos que acadaríamos o noso maná da igualdade cando tivésemos os niveis de formación que o mercado laboral demandaba e cando poidésemos conciliar. Hoxe ningún destes argumentos se sostén”.

Profesionais da educación e da sanidade son as que máis sufren as desigualdades
A fenda salarial afecta tanto a mulleres cualificadas como non cualificadas

Vinte anos máis tarde, o panorama non invita ao optimismo. Se no conxunto de Europa unha muller debería traballar 59 días ao ano máis que un home para acadar os mesmos ingresos salariais (a Comisión Europea sinalou o 2 de novembro pasado como o día simbólico no que as traballadoras deixarían de percibir o seu soldo, mentres os seus compañeiros seguirían a facelo ata o 31 de decembro), as cifras en España son igualmente negativas. O horizonte feminino está marcado polo desemprego, a precariedade laboral, a economía sumerxida e un alto índice de saídas do mercado laboral por maternidade ou polo coidado de familiares dependentes.

Á vista dos datos, a Organización Internacional do Traballo (O.I.T.) quixo estudar se a discriminación laboral está dalgún xeito xustificada ou se, pola contra, é un mal arbitrario nas sociedades occidentais. Para logralo, empregaron unha nova metodoloxía que tentaba distinguir entre os factores explicables e non explicables para a diferencia nos salarios. Entre as razóns de tipo obxectivo estarían as asociadas a factores como a idade, a experiencia ou a formación, que afectan tanto a homes como a mulleres. Todo iso para conseguir discernir se a fenda salarial está motivada ou se é o resultado de prácticas puramente discriminatorias, tal e como subliña Rosalía Vázquez, econometrista experta en soldos da O.I.T.

A conclusión á que chegaron non deixa lugar a dúbidas: en España non só non está xustificada, senón que se da cualificación das mulleres dependese, estas deberían cobrar un 2% máis. Como apunta a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (O.C.D.E.), no noso país dáse un paradoxo. A pesares de que a poboación feminina supera á masculina en nivel de estudos, a súa posición no mundo laboral non é un espello dos seus méritos.

Iniciativas contra a fenda salarial

A Enquisa de Poboación Activa (E.P.A.) correspondente ao terceiro trimestre do 2015 reflectiu unha taxa de paro feminino do 22,69%, superando en case tres puntos porcentuais ao masculino (19,90%). No mesmo período rexistrouse un descenso de 121.500 mulleres activas, quedando o nivel de actividade remunerada no 53,42% (cando nos homes é do 65,90%). Para tentar reverter esta situación, cada vez son máis as que apostan por crear as súas propias empresas e negocios. De feito, a finais do ano pasado, un 35% do tecido empresarial estaba formado por mulleres. Elas forman parte do reducido número de traballadoras que ocupan postos directivos en España. Menos do 40% das empresas contan na súa secretaría xeral con mulleres e as que conseguen chegar alto ven como os seus soldos son sustancialmente máis baixos.

O horizonte da igualdade laboral en España

  • 81 anos haberán de pasar antes de que se acade a paridade entre os xéneros no eido do traballo
  • Faltan alomenos 75 anos ata que homes e mulleres que desempeñan a mesma función obteñan a mesma remuneración 
  • O equilibrio nos postos de toma de decisións non se dará en polo menos 30 anos 

@Ce_FerSan