Muller solteira busca…?

Unha combativa reflexión sobre a muller solteira

Amargadas, deprimidas, roñonas, meigas, bigotudas…: velaquí a caracterización que o imaxinario popular ten feito das mulleres solteiras a perpetuidade. Porque o feito de non ter parella, chegada unha certa idade, non só era unha desgraza, senón tamén un estigma. E tamén un tabú, aínda que semella que, grazas a libros como o último de Kate Bolick, o veo sobre esta cuestión comeza a erguerse.

Na senda de autoras como Caitlin Moran ou Hadley Freeman, empeñadas en chamarlle ao pan, pan e ao viño, viño e desmitificar a condición feminina – esa etiqueta tan rimbombante e, porén, ás veces baleira de contido -, Bolick presenta en Solterona (Malpaso, 2016) o seu particular estado da cuestión.

Para iso elixe o que ela chama “espertadoras”, cinco perfís femininos cuxas vidas e obras lle serven de fío condutor na súa análise de temas controvertidos como: a visión da muller dentro e fóra do matrimonio, o desenvolvemento dunha carreira profesional propia e plena ou o tratamento da maternidade en tanto que desexo íntimo ou imperativo biolóxico.

Edith Warthon, Maeve Breenan, Neith Boyce, Edna St. Vicent Millay e Charlotte Perkins Gilman son o perfecto exemplo da necesidade de procurar ese mítico cuarto de seu do que falaba Virginia Woolf.

Kate Bolick reflexiona sobre as mulleres solteiras
Un libro que analiza a dimensión social do ser solteira

Cun estilo que fluctúa entre o ensaio e a autobiografía, a escritora e xornalista norteamericana reflexiona sobre a dificultade que aínda experimentan as mulleres para vivir segundo as súas propias leis, sen verse obrigadas pola convención social.

Por que resulta tan incómodo que unha muller decida conscientemente estar e vivir soa, estar solteira nun momento dado ou para sempre? Por que se tende a silenciar a cara B da maternidade coas súas frustracións, inseguridades e medos, tan lonxe da perfección que se lle presupón ao instinto materno?

O libro de Kate Bolick posúe a inestimable virtude de sacudir as nosas conciencias adormecidas e de rañar nas normas establecidas ata descubrir eses pequenos mecanismos que condicionan a liberdade feminina.

Que importa que o termo single estea de moda, que o speed dating se practique cada vez máis e que os trinta sexan os novos vinte? Unha muller solteira hoxe en día e superada unha idade determinada non deixa de ser iso: unha muller solteira, por moitos eufemismos que se lle apliquen. Mágoa.

Fronte aos clixés, Solterona ábrenos o camiño a un novo pensamento, ese cimentado na máxima “coñécete a ti mesma”. Solteira… ou non.

Bolick, Kate. Solterona. Malpaso Ediciones. Barcelona, 2016. 340 páxinas.

Foto: malpasoed.com