Mulleres das que non oíches falar (e deberías coñecer)

Arantza Vilas, á fronte de Pinaki Studios

Virginia Woolf dicía a miúdo que ao longo da Historia, o anónimo tiña sido en moitas ocasións unha muller. O relato do progreso da humanidade foise escribindo con elas á marxe, esvaecidas en roles secundarios. Porque o teito de cristal -esa estrutura case física que impide o pleno desenvolvemento das capacidades- foi callando durante séculos de invisibilidade social, política, económica e cultura feminina.

Porén, a incorporación da noción de “alteridade” ao estudo historiográfico e a iniciativa de movementos intelectuais feministas (véxase a web Dare to Be One of Us Girl, polo “empoderamento” das mulleres e rehabilitación da súa memoria histórica) están a servir na actualidade para promover a descuberta de centos, miles de perfís notables que, desde o eido do traballo, da actividade pública ou da esfera privada deixaron pegadas… silenciadas.

Entre as grandes mulleres galegas, destaca Rosalía
Retrato de Rosalía de Castro, por María Cardarelly

Tomemos, por exemplo, o emocionante relato da película Figuras Ocultas, grazas á cal coñecemos a xigante contribución dunha serie de mulleres afroamericanas ao éxito dos proxectos da NASA nos anos ’60 do século pasado. Ou a colección “Mulleres bravas da nosa historia“, publicada por Urco Editora en colaboración coa libraría Lila de Lilith a través dunha campaña de crowdfunding. O obxectivo desta serie de libros infantís é dar a coñecer traxectorias de galegas notables que foron caendo no esquecemento ou cuxas vidas foron estereotipadas. Porque á marxe de María Pita, Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán, cantas seriamos capaces de nomear?

Pero tampouco é preciso botar a vista tan atrás para atoparmos mulleres que destaquen. Pioneiras, loitadoras, sacrificadas e constantes, hoxe algunhas delas están a abrir novos camiños nos seus respectivos terreos e a servir de espello no que mirarse para moitas outras. E todas teñen, en calquera caso, motivos dabondo para falar con orgullo dos logros conseguidos.

Como os de Begoña Vila, astrofísica viguesa que vén de recibir en 2016 a Exceptional Public Achievement Medal, un dos maiores recoñecementos da NASA, en cuxa sede de Washinton traballa desde 2012. Alí, lidera un equipo dunhas mil persoas que está a construír o telescopio James Webb, a última grande esperanza para o estudo do Big Bang. Será enviado a 1’5 millóns de quilómetros do noso planeta -a un punto de baleiro entre o Sol e a Terra chamado Lagrance 2- para analizar a luz das primeiras estrelas e galaxias. Pura ciencia-ficción para mentes non científicas.

A NASA recoñeceu os méritos de Begoña Vila
Centro espacial Goddard, en Washington

Aínda que para ficcións, aquelas nas que participa Arantza Vilas. A priori poida que o seu nome non che diga moito, mais se dicimos que formou parte do equipo de deseño de vestiario de Game of Thrones, seguro que a cousa cambia. Esta artista e especialista en tecidos é unha mestra do tratamento de materiais, xogando con volumes, calidades, efectos e estampados. Como unha alquimista, combina proxectos artísticos con outros próximos ao deseño industrial. Porque máis aló das vestimentas dos banqueiros de Bravos a partir da 4ª temporada do exitazo da HBO, hai unha longa traxectoria á fronte de Pinaki Studios en Londres.

Emma Ríos é unha das mulleres galegas con máis proxección internacional.
Bosquexos de cómics de Emma Ríos

Mais antes de que as aventuras dos Lannister, Stark e cía. enganchasen a millóns de fans, houbo un tempo no que os cómics eran unha arma de entretemento masivo. A Marvel é o buque insignia dunha industria que non deixa de reiventarse e para a que calquera profesional do deseño gráfico con paixón pola banda deseñada fantasía traballar. Malia que as historias clásicas están asinadas case na súa totalidade por homes, unha manchea dos seus remakes teñen nome de muller. A debuxante Emma Ríos é unha autoridade na materia, pois conseguiu facerse un oco no esixente mercado norteamericano. Dos seus inicios no manga, pasou a colaborar con Marvel Comics no volume colectivo Girl Comics, na serie Amazing Spiderman e en Runaways.

Tamén entre libros -aínda que de xéneros distintos- foi atopando o seu propio espazo Lourdes Díaz. Editora e axente literaria afincada en Barcelona, no seu currículo aparecen xigantes da industria como RBA e o Grupo Planeta. Se che gustou a saga de Los Juegos del Hambre, a ela deberías agradecerlle o descubrimento de Battle Royale, o libro de culto que a inspirou. Hoxe dirixe a súa propia axencia, Rolling Words, procurando talentos literarios emerxentes cos que sorprender un mercado literario que ela define como polarizado entre xente que non le e outra que le moito.

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @pinakistudios, @emmartian / Twitter @NASAWebb