Naked cakes: a tentación vive na cociña

As naked cakes triunfan esta temporada

Canta razón tiña Mies van der Rohe cando acuñou aquilo de “menos é máis“, unha máxima que non só é válida no terreo do deseño, da moda e ata da conversa, senón tamén no da repostería. Despois dos excesos das receitas de inspiración “cuqui” e o alude de cupcakes e doces de formas barrocas, o mundo das tortas sacode o empacho cunha volta á esencia da pastelaría. Baixo a etiqueta de naked cakes, as tortas íspense esta temporada para homenaxear as virtudes do biscoito ben elaborado.

Nos últimos anos vivimos baixo o influxo do gusto anglosaxón, ese no que a manteiga é a raíña da mestura, os colorantes son imprescindibles e a beleza do postre resultante pesa máis có seu sabor. Grazas a Sex in The City e as visitas de Carrie Bradshaw a Magnolia Bakery -ese templo dos pasteis con infinitas tonas de chocolate- fomos familiarizándonos co universo cupcake. Certo é que nada loce mellor nun escaparate ou nunha mesa do café. Pero como as modas son cíclicas e todo pasa (e volve), a afección polos excesos foi menguando.

E se desde Estados Unidos nos chegou unha tendencia, desde alí mesmo nos vén agora a contraria: as naked cakes. En que consisten? Tal e como o seu propio nome indica, son pasteis sen cobertura, feitos a base de capas de biscoito superpostas e á vista, cun recheo clásico (de nata, crema pasteleira ou chocolate, normalmente).

No outro lado do Atlántico non deixan de xurdir blogs e páxinas web nos que se exploran receitas antigas e se propoñen outras moitas variantes. Mesmo en Pinterest e Instagram son xa milleiros os perfís adicados ás naked cakes, que non teñen nada que envexarlle ós cupcakes en cuestión de fotoxenia. Para Claudia&Julia, promotores dunha cociña de sempre a través da súa pioneira tenda online, este tipo de doce é unha moda que vai contracorrente, unha anti-moda que chama pola volta á tradición.

Ana López Santomé, reposteira e fundadora de Mami Lambona, subliña que “chegaron a España fai pouco, pero rapidamente van gañando adept@s. Cada vez son máis as persoas que apostan por servir estas tortas en vodas, comunións, aniversarios…”

O segredo do éxito das naked cakes

As “tortas espidas” teñen un punto forte: son a imaxe mesma da sinxeleza. Ao librarse dos artificios propios das receitas con fondant e basearse nunha estrutura de biscoito, teñen un aire rústico, case primitivo, que inspira unha certa tenrura. Ese toque casual é o que lles dá tanta personalidade e, levado ao extremo -co recheo escorrendo, as capas desiguais-, provoca un acabado decadente.

Fronte ó complexo proceso de elaboración dos cupcakes ou dos pasteis con cobertura, o da naked cake non ten máis ca uns cantos pasos básicos. O importante son os pequenos detalles, como os elementos de decoración que se engaden ao rematar de montala. E que mellor que recorrer á natureza para os adornos! A estrela son as froitas frescas, que aportan unha boa dose de cor e sabor.

Este postre é o suficientemente doado e rico como para conquistar tanto a foodies como a cociñeir@s afeccionad@s. Coa naked cake chegou a democratización do doce. Adeus á tiranía “cuqui”, ola ás receitas de sempre.

@Ce_FerSan / Foto: Flickr.com