“Neoartesanía”, ou o retorno 2.0 dos oficios tradicionais

A artesanía vive unha segunda xuventude na moda

A mediados do século XX, as vilas e aldeas do noso país estaban ateigadas de artesá(n)s que producían nos seus talleres boa parte dos obxectos esenciais para o desenvolvemento das tarefas cotiás das clases populares. Había quen fabricaba, por exemplo, olas, ferramentas para o campo, teas, zapatos e zocas, roupa de cama, coitelos ou navallas. Os oficios tradicionais eran entón garante do abastecemento das diferentes poboacións, transmitindo de xeración en xeración un saber facer ancestral.

Esa posición central na idiosincrasia española en xeral e galega en particular foise vendo desprazada a medida que a economía nacional se abría a outros mercados e a industria daba un pulo cuantitativo e cualitativo. A globalización asestaríalle un golpe definitivo, promovendo a deslocalización da produción, así como a introdución de sistemas de comercialización de mercadoría a baixo custo.

Os oficios tradicionais, como a cestería, a zoquería, a olería ou a ferrería perderon funcionalidade, véndose abocados á mera subsistencia. De teren unha aplicación práctica, a partir da década dos ’70 fóronse transformando nun vestixio cultural, nunha mostra da identidade folclórica do país. A artesanía deixaba de ser unha profesión para se converter nun mecanismo de subsistencia, dificilmente rendible.

A neoartesanía ten na moda unha aliada
Distintas xeracións de mulleres Ferro traballaron o calzado

En Galicia, a promulgación en 1992 da Lei de Artesanía supuxo, porén, un lixeiro punto de inflexión na súa deriva decadente. Coa regulación e o rexistro dos talleres artesáns, a creación dun certificado de calidade e a delimitación das chamadas “zonas de interese artesanal”, pretendíase poñer en valor un sector cun grande arraigo na Comunidade. Déronse en organizar feiras e mostras de pezas elaboradas a man, con pouca ou nula intervención de maquinaria, e dedicadas á decoración ou ao uso común.

O tránsito ao novo milenio trouxo aires de renovación que prometían sacar os oficios tradicionais da súa decadencia. A conxuntura socioeconómica tivo moito que ver na rehabilitación da súa función estratéxica. A medida que avanzaba o modelo de consumo rápido, baseado en produtos de curta durabilidade que han de ser rapidamente substituídos, nacía unha tendencia de signo inverso que promovía a recuperación a construción dunha economía alternativa cementada sobre principios como a produción limitada, a exclusividade, a orixinalidade e o feito a man. O movemento hipster é un dos grandes representantes desta nova mentalidade, sendo un dos principais defensores do revival do do it yourself (“faino ti mesm@”, en inglés).

Bendicidos polas filosofías urbanas emerxentes, os traballos manuais de sempre fóronse recubrindo dunha pátina xa non de modernidade, senón de postmodernidade. Era o inicio da era da neoartesanía.

Para loitar contra a precariedade endémica do sector e facelo realmente competitivo, hoxe faise imprescindible actualizar métodos de fabricación e artellar vías sólidas de promoción e venda. “O futuro é de quen fai deseño innovador, capta un público capaz de pagar por iso e sabe comunicalo”, diagnosticaba o consultor Juan Carlos Santos en declaracións a El País. O apoio da Internet e a busca de sinerxías entre oficios permitiu devolverlle parte do esplendor perdido á artesanía.

“Neoartesanía” de moda

Pola súa propia natureza, selecta e coidada, a industria da moda e do luxo estiveron -e seguen estando- moi vencelladas á manufactura. O corte e confección das pezas, así como o bordado ou a inserción de motivos e pedrería continúan sendo traballos propios de artesá(n)s, laboriosos e esixentes. De aí os elevados prezos das prendas resultantes. Porque a artesanía -na súa acepción contemporánea e mesmo máis aló da haute couture– afástase da súa antiga natureza utilitaria e convértese nun pracer restrinxido. A neoartesanía non é mainstream, é o terreo de connoisseurs e connoisseuses.

A neoartesanía española chega a Hollywood
Sarah Jessica Parker vestida de toureira para unha sesión de fotos

Así, son a miúdo as producións de moda e de espectáculos as que recuperan para a causa nomes da industria a pequena escala na procura de elementos diferenciais. Tal é o caso, por exemplo, do burgalés Cecilio Castrillo, o fabricante de corsés e máscaras de pel que visten desde Madonna a Lady Gaga ou Beyoncé. As súas creacións conseguiron transcender as fronteiras do seu negocio familiar para seren expostas en escaparates de Nova York, París o Londres.  Ou o de Daniel Roqueta, o xastre detrás dos traxes de luces da propia Madonna ou de Sarah Jessica Parker (na icónica portada do número inaugural de SModa). Dúas boas mostras da simbiose que se dá entre o eido da neoartesanía e o das tendencias.

Se a relación entre as grandes firmas e a artesanía do coiro española é proverbial, no norte van agromando outras proveitosas colaboracións de moda. Tal é o caso da cesteira Idoia Cuesta, afincada en Outeiro de Rei (Lugo) desde fai anos. Unha das grandes renovadoras do oficio en España, conseguiu despuntar aplicando as técnicas tradicionais a materiais pouco comúns, como o soporte textil. E do exótico resultado fíxose eco a deseñadora Sara Coleman, que chegou a empregar complementos de Cuesta nas súas participacións na Mercedes Benz Fashion Week Madrid.

A cesteira Idoia Cuesta representa a neoartesanía galega
Idoia Cuesta, no seu taller lucense

Recoñecida co Premio Nacional de Artesanía, esta creadora vasca é tamén responsable na actualidade dunha liña de bolsos, chamada “Galicia”, comercializada pola casa de luxo Loewe.

Malia que confesa que as pasarelas e as tendencias non a seducen especialmente, a zoqueira Elena Ferro ten unha traxectoria ben similar á de Idoia Cuesta. De feito, algunhas das súas creacións pisaron xa alfombras vermellas (nos pés de Fernando Cortizo, director d’A esmorga, nos Goya 2015) e pasarelas (da man da marca de slow fashion galega AirovA).

Grazas ao seu compromiso coa historia familiar, os zapatos tradicionais galegos viven unha segunda xuventude. O seu segredo é o equilibrio acadado entre as liñas tradicionais e a inspiración máis moderna, cunha ampla variedade de cores, estampados e motivos que fan dos zocos un calzado cheo de posibilidades. A propia Elena admite que o seu “selo é facer zocos á carta”.

Elena Ferro triunfa cos seus zocos modernos
AirovA e Eferro, un tándem de moda

E é que a produción baixo demanda é unha das grandes bazas da neoartesanía española, controlando o stock dispoñible e limitando así a marxe de perdas. Poida que aínda haxa esperanza para os antigos oficios na era 2.0.

@Ce_FerSan / Fotos: idoiacuesta.com / Instagram @artesania_de_galicia, @s_moda, @airovadesign