Nesting: porque agora quedar na casa é cool

O 'nesting' fai que quedar na casa sexa tendencia

Nunca pasar unha fin de semana cun maratón de Game of Thrones ou gozando dun baño de burbullas detrás de outro tivo tant@s adept@s. Estar días sen saír do niño é o último, así que preparémonos, porque o nesting chega para quedar… na casa.

O termo “nesting” define algo tan común como a felicidade que supoñen as horas de relaxación e comodidade no fogar, renunciando durante un tempo (mesmo días) á vida social. Trátase de, simplemente, entregarse de xeito despreocupado a non facer nada. Sen présas, sen horarios e sen plans. A soas ou en compañía, quedar toda a fin de semana na casa revélase como un remedio ideal para reducir os niveis de estrés, descansar e, por que non, aforrar.

Mais a tendencia do nesting non é algo novo. De feito, é unha variante do cocooning (“crisálide”, en inglés), que comezou a xurdir a finais do século XX. Este termo refírese ao movemento -moi frecuente nas décadas dos 80 e dos 90- que fixo que, paralelamente ao nacemento das novas tecnoloxías e á sensación de inseguridade fronte a elas, moitas persoas optaran por repregrarse e refuxiarse no marco do fogar.

'Nesting' e 'cocooning' son palabras de moda
Quedar na casa, un antídoto fronte á hiper-socialización

Se as redes sociais impoñen unha vida social frenética, o nesting tenta pausar a realidade e promover a desconexión total da rutina e da rixidez dos compromisos públicos. Mentres o F.o.M.O. (ese medo a perder calquera evento e quedar á marxe das novidades) acada os seus cumios máis altos, a tendencia á inversa tamén gaña adept@s. E é que a ansiedade ligada a esa obsesión por estar constantemente conectad@ e socializando non é doada de soportar. De aí o xurdimento da J.o.M.O. (ou a ledicia de dicir non aos plans sociais, de aceptar o valor do repouso). Toda unha oda á relaxación e ao fogar, ao cultivo da intimidade. O nesting apóiase precisamente nesta filosofía para abrazar a nosa dimensión caseira.

Presumir nas redes sociais de apostar por unha noite tranquila no canto dunha saída de copas agora é cool. Explorar @ nos@ ermitá(n) interior xa non é motivo de mofa. Os plans con manta, película e libro resultan máis tentadores que nunca.

María Losada @MariaLosada_