Nin París nin NY: a pasarela está en Coachella!

Coachella pasou de ser un festival indie a unha pasarela de moda

Flores no meu cabelo, botas nos meus pés, pupilas dilatadas e o sol percorrendo a miña pel. Miro arredor; o deserto está invadido de cores. Monstros xigantes camiñan ao meu carón. Levanto as mans á altura da miña cara; finas liñas coma serpes percorren as miñas palmas. De fondo escóitase a canción California Dreamin’. Igual ca Alicia, comezo a correr detrás do coello branco.

A unhas horas do Coachella Fest, rodeadas de música, as grandes firmas xa están preparadas para mostrarse a través das celebrities máis cotizadas. Cambian as pasarelas polo deserto, un deserto no que as dúas últimas fins de semana de abril se converten no principal punto de atención mundial no que á moda se refire.

O Coachella xurdiu a finais de 1993 por iniciativa de Eddie Vedder, líder da mítica banda de rock Pearl Jam, a xeito de protesta polo monopolio que tiña a empresa Ticketmaster nos  escenarios do sur de California. E decidiron ofrecer un concerto no Empire Polo Club, ubicado no deserto de Indio.

Dada a súa proximidade con Los Ángeles, convertiuse no destino perfecto no que reunir caras coñecidas,  sendo a día de hoxe o festival de moda por excelencia, no que personaxes como Kelly Osbourne, Dita Von Teese ou Kate Bosworth, coa fiel seguidora da moda setenteira Vanessa Hudgens á cabeza, aparecen cos seus estudiados estilismos.

Coachella é unha cita de música e estilo
Kate Bosworth é unha das referencias de estilo en Coachella

Aesencia do festival consiste (ou consistía, máis ben) en: liberdade, música e aspiracións artísticas. Porque ao igual cós máis famosos festivais, aboga pola defensa da paz e en contra das guerras. De aí que a cultura que se move arredor de Coachella estea inspirada polos estilos vintage, setenteiro, hippie, folk e as influencias punk – rock.

Facendo un percorrido pola traxectoria do festival é imposible non mencionar a sempre eterna icona de estilo e rebeldía Kate Moss, asidua ao festival nos tempos do seu ex Pete Doherty, líder dos Babyshambles, e logo co que foi seu marido, Jimmy Hince, de The Kills. Kate reflicte coma ninguén o espíritu libre dos ’70, cos seus vestidos vintage e o pelo ao aire.

Poppy Delevingne, que representa o espíritu folk a través das franxas, os shorts e as prendas de encaixe, sen esquecerse nunca dos aneis, os sombreiros ou toda clase de flores adornando o cabelo, afirma que Coachella é a súa cita anual preferida. De aí que escollese California para celebrar a súa despedida de solteira, vestindo unha chaqueta de pel con franxas, un biquini con corte retro e flores vermellas na cabeza.

Nesta edición 2016, os ollos estarán postos nas irmáns Kendall e Kylie Jenner, así coma na súa inseparable amiga Gigi Hadid, creando tendencia da man das firmas máis importantes. Marcas como H&M lanzan unha colección en colaboración con este festival de música e arte. Acompañada de vídeos e imaxes que mesturan road trips, amenceres e sensacións fan que as prendas sexan unha parte esencial do espectáculo. Adeus á esencia de Coachella, que hoxe en día se centra en atopar a celebridade que mellor consiga seducir a cámara.

Sonia Otero Ares / Fotos: Instagram @coachella @katebosworth