Nin pixie nin bob: esta temporada volven as melenas

Acabouse correr riscos no salón de peiteado. Tralo fugaz (pero non por iso menos doroso) revival do corte mullet oitenteiro e a loita librada entre os cabelos à la garçon e o estilo bob, xaneiro trae aires máis convencionais no que a peinados se refire. Volven (se é que algunha vez se foron) as melenas. Con condicións, iso si.

Do mesmo xeito que pasamos páxina no calendario, ao inaugurar o 2016 @s gurús nacionais e internacionais da estética e o estilismo decretaron que xa ía sendo hora de refrescar o corte de pelo. Por aquilo do principio de renovación, do cambio físico como motor para outro tipo de cambios… ou porque en beleza, como na moda, as tendencias sucédense a ritmo de temporada, nos próximos meses o peiteado por excelencia parece que será a melena XL.

Olivia Palermo xa loce a melena XL
A melena XL, a sinxeleza elevada a tendencia

Á altura do ombro ou sobrepasándoo lixeiramente sen chegar ao peito, non é que esta sexa unha proposta realmente innovadora. Probablemente non provocará que ninguén se xire ao teu paso para admirar o teu cabelo nin te convertirá na envexa d@s amig@s pola túa ousadía. Mais ten o seu encanto.

A media melena  suxire un aspecto máis convencional, clásico, que procura o encanto do ordinario. O longo XL é unha fórmula de sempre, ese que dá xogo dabondo para variar de peiteado cada dous por tres sen ter que facer malabarismos. É a melena estándar, a medio camiño entre os cortes curtos e os longos oversize de aire romántico e/ou salvaxe. Jordi Vázquez, director creativo de Llongueras, apunta que, se ben este estilo é máis común en mulleres menores de 40 anos, aparece como corte comodín en todas as franxas de idade.

Vantaxes? É manexable e versátil, estiloso sen pretensións, e non está suxeito ás limitacións do bob e o pixie, por exemplo. Os lindes do corte polo ombro son máis flexibles: centímetro arriba, centímetro abaixo; con franxa ou sen ela, con ondas ou liso…

A melena polo ombro é o corte da temporada
Para un look fresco e xuvenil? Melena polo ombro

Elas xa o locen

Que a melena XL é favorecedora non é só palabra de estilista. E para mostra, as últimas aparicións públicas de trendsetters como Diane Kruger ou Olivia Palermo. Elas, que normalmente apostan por un longo maior, con aires bohemios, están a marcar tendencia neste inverno despois de subilo uns centímetros. Pero non só de actrices e socialités se alimenta esta tendencia. A mesmísima Kate Middleton, princesa de Inglaterra, dixo adeus ao corte setenteiro ao estilo Farrah Fawcett por consello do seu asesor Richard Ward para experimentar coa melena polo ombro.

E en territorio nacional? María León é a súa principal abandeirada, combinando a melena cunhas mechas californianas para un resultado xuvenil e desenfadado. Sen esquecer á top model Alba Galocha, co seu xa característico corte polo ombro, ou á actriz Goya Toledo, que prefire optar polas ondas.

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @oliviapalermo @marialeonbarrios