#NoMakeUp si ou #NoMakeUp non? Velaí a cuestión

Rimel, gloss, blush, contouring, red lipstick ou eyeliner son termos ingleses que seguramente nos sonan a tod@s, pois son produtos que nos acompañan no noso día a día e que serven tanto para potenciar a nosa beleza natural como para disimular esas pequenas imperfeccións que tod@s temos.

Fai unhas semanas, Alicia Keys publicaba unha carta aberta na que se posicionaba en contra da maquillaxe e dáballe pulo ao movemento #nomakeup. Uns días máis tarde aparecía na final da Champions League -un acontecemento de alcance case interplanetario- impecablemente vestida e peiteada, pero coa a cara lavada.

Ela mesma contaba que nos últimos tempos sentíase escrava da súa propia imaxe, preparándose durante un bo anaco para saír da casa -mesmo para as cousas máis nimias-, pois tiña medo de ser fotografada ao natural e de que se publicasen esas fotos. E, sen embargo, chegou o momento no que cortou o problema de raíz: nunca máis maquillaxe.

Alicia Keys é a nova abandeirada do #nomakeup
Swizz Beatz, marido de Keys, publicaba esta foto para felicitala pola súa decisión

Esta decisión coincidiu coa saída do seu novo disco, polo que algunhas linguas malintencionadas vencellan esta decisión cunha estratexia de marketing para unha mellor promoción do mesmo.

De tódolos xeitos, non é a única embarcada nesta particular batalla. Xa houbo outras famosas que quixeron no seu momento denunciar a dependencia que se ten da maquillaxe, especialmente no mundo do espectáculo. De aí que no 2014 Scarlet Johansson e Kate Winslet foran portada da revista Vanity Fair coa cara lavada. O fotógrafo responsable de tal fito foi Chuck Close quen, ademais, empregou unha cámara Polaroid sen efectos que puidesen mitigar defectos. Scarlet e Kate non estiveron soas, pois tamén participaron nesa sesión outros rostros famosos: Oprah Winfrey, Julia Roberts, Jessica Lange, Bruce Willis e mesmo Brad Pitt e George Clooney. Close, nunha entrevista posterior para The Huffington Post, recalcou:

Requírese unha xenerosidade e confianza no fotógrafo para unha sesión coma esta, na que che confían a súa imaxe.

Algún tempo antes da portada de Vanity Fair tivemos aquí (si, en España!) a nosa propia versión do movemento #NoMakeUp. Fíxoo posible en 2009 a revista Elle, que xuntou a algunhas das nosas celebrities para facer unha sesión estilo “antes e despois”, ou, o que é o mesmo, con famosas sen e con maquillaxe. E así puidemos ver a actrices, modelos, presentadoras e it girls como: Elsa Pataky, Sara Carbonero, Patricia Conde, Martina Klein ou Beatriz d’Orléans.

Gigi Hadid é outra das conversas ao #nomakeup
Gigi Hadid recén esperta, fai uns meses

Se neste 2016 volvemos a falar do tema é porque se converteu na última tendencia en Instagram, unha revolución, unha declaración de intencións. Moitas famosas de tódalas idades (coma Sofía Vergara, January Jones, Taylor Swift, Heidi Klum, Gigi Hadid, etc.) están a publicar fotos sen maquillaxe, sumándose a ese movemento e inspirando á súa vez ao resto d@s mortais para que fagamos o propio.

Tirarse fotos sen peitearse, sen maquillarse e mesmo con roupa de diario xa non é –se é que podemos aceptar que algunha vez o fose- unha vergoña para ninguén. Moi ao contrario, vén representar un “aquí estou eu”, un movemento de reafirmación moi necesario nas industrias do cine ou da música, reivindicando así a valía do traballo e o esforzo persoal por enriba da imaxe.

Lara Santomé @lara_sanro / Fotos: Instagram @therealswizz; @gigihadid