Alba Galocha: “Non atopo nada máis sexy ca unha muller sabia”

Alba Galocha é unha modelo atípica

Se a entrada “modelo” fose acompañada no dicionario dunha fotografía, sen dúbida Alba Galocha non aparecería nela. Máis ben escollerían a Claudia Schiffer, Naomi Campbell, Elle Macpherson ou calquera outra top daquela mítica fornada dos ’90. Ou a Gisele Bündchen, digna herdeira do seu glamour (e volume de negocio). Todas elas representantes dun certo canon de beleza, rotunda, estereotipada.

Pero do mesmo xeito que Kate Moss conquistou as pasarelas e protagonizou ducias de editoriais de moda desde a marxe do sistema e cunha aparencia que pouco ou nada tiña que ver co ideal dominante, Alba Galocha representa hoxe á modelo atípica coa que as grandes marcas queren contar. As súas medidas non son as dun anxo da pasarela, pero hai algo no que dá a altura cumpridamente: na conversa. Un par de preguntas e adeus á imaxe da top parva e voluble.

Coolt.- Fresca, natural, cun punto de dozura: esa é a imaxe que proxectas en editoriais de moda e pasarelas. Pero quen é Alba Galocha cando é Alba a secas?

Alba Galocha.- Sempre penso que esta é unha das preguntas máis complicadas das entrevistas… Eu diría que son unha persoa bastante normal. Gústame pasar o tempo tranquila, coa miña familia e amigos, son moi caseira malia andar viaxando cada dous por tres. Gozo do viaxar -estou moi agradecida ao meu traballo por iso-, pero se estou na miña cidade prefiro estar na casa cun libro e unha copa de viño tinto antes que nun bar.

C.- Lonxe do estereotipo de top model caprichosa e con aires de diva, amósaste como unha rapaza madura, realista e cos pés na terra. Segues pensando que no mundo da moda hai problemas de egos?

A. G.- Penso que en todas partes hai problemas de ego. [Gargallada]. Ultimamente dáme a impresión de que estou perdendo demasiado rápido a esperanza e o respecto polo xénero humano debido a isto. Á xente fáltalle empatía e é algo que percibo no meu día a día, á parte de traballar como modelo.

Alba Galocha concédenos unha entrevista
Expresividade, dozura, espontaneidade… Alba Galocha é a rapaza de moda

C.- Resulta tremendamente refrescante ler que para ti @ modelo non é nin moito menos o centro do universo, senón unha peza máis na construción da imaxe do produto.

A. G.- Si, e creo que este feito non debería sorprender, quero dicir que, á hora de traballar, deberiamos ser todos igual de importantes. Realmente, na práctica é así… Sen un técnico de luces, o fotógrafo está perdido; e sen fotógrafo, adeus modelo, adeus foto… E así, con cada unha das persoas que forman parte dunha produción.

C.- Como afeccionada á fotografía e admiradora de grandes profesionais como Ryan McGinley, Peter Lindbergh ou Annie Leibovitz, que opinión che merece o traballo de Terry Richardson?

A. G.- Foi o precursor dun tipo de fotografía que aínda hoxe en día vende moito. Igual se me preguntases hai uns anos diríache que me gusta; hoxe en día creo que é algo que está moi visto e é un pouco kitsch de máis para min, abúrreme un pouco. Gústame o feito de que dalgunha maneira sempre fai o que lle apetece sen pensar no que dirán… Hai dous dos seus traballos que me gustan especialmente: un editorial con Daria Werbowy no Vogue París en 2007 e Miley Cyrus na portada do último número de Candy Magazine.

C.- Non sei se te consideras feminista. Si pareces ter unha opinión moi clara sobre a imaxe pública da muller. Que che parece que se infantilice ás modelos ou que na industria do espectáculo se elixa a rapazas para papeis de mulleres maduras? Estou pensando en Jennifer Lawrence en Joy, por exemplo.

A. G.- É terrible, e pasa o mesmo á hora de contratar actrices negras.

Non ten ningún tipo de lóxica e este é un problema da sociedade na que vivimos, unha sociedade onde a naturalidade xa non é natural e as mulleres viven coa esixencia de verse perfectas en todo momento.

A nosa sociedade ten medo dunha muller maior e, por máis  que o penso, non atopo nada máis bonito e sexy que unha muller sabia.

C.- Poida que o perfil de modelo maniática e un tanto inestable non vaia contigo, o que non quere dicir que Alba Galocha non teña un lado escuro [sorriso]. The Shining, novelas de Houellebecq… Digamos que che gusta explorar as tebras.

A. G.- [Gargallada] Creo que a estas alturas da entrevista pódeste facer unha idea de que significarían as tebras neste caso. As tebras da nosa sociedade, como funciona o ser humano levado a situacións extremas…, e como a sociedade se vai facendo, pouco a pouco, cada vez más egoísta, máis individualista.

Gústame que nombres a Houellebecq neste caso. En todos os seus libros, os personaxes son persoas coas que, xeralmente, non nos sentimos identificados. Están lonxe de parecerse a min ou a ti, pero conforme vai avanzando a novela, sorpréndeste  empatizando con eles, entendendo por que e como funcionan. É una sensación escura.

As firmas máis importantes xa contan con Alba Galocha
“Selfis” á parte, é unha apaixonada da fotografía

C.- Sabendo que tes fixada a túa residencia en París, é inevitable preguntarche como se vive a moda –que pode resultar mesmo superficial e desapegada da realidade- nunha cidade en estado de sitio pola ameaza terrorista?

A. G.- A vida continúa. Despois dos ataques terroristas pasamos un par de semanas nas que todo estaba parado, ir no metro daba congoxa e ao saír á rúa invadíate unha sensación rara de inseguridade porque todo o mundo miraba a todo o mundo. A xente tamén era más simpática, había una especie de irmandade que nunca experimentara, unha luz na oscuridade deses días… Pasado o shock, a moda continuou traballando como continuaron traballando as demais industrias que mandan na cidade. Non podemos deixar que este tipo de acontecementos cambien as nosas vidas. Algo en nós cambiou, claro está, pero non podemos vivir de loito.

C.- E para rematar a entrevista cun toque desenfadado, teño curiosidade por saber se levas a conta de todas esas pequenas cousas que dis nos medios de comunicación. Algunha resposta ao tolo da que te arrepentises ou que che resultase embarazosa?

A. G.- Só lembro unha entrevista na que me preguntaron o meu peso e a miña estatura. Non sei para que dixen nada!

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @albagalocha