Nuria Roca: “Sempre fuxín do pensamento único”

Entrevistamos a xornalista Nuria Roca

Levaba cinco anos lonxe das pantallas cando na primavera de 2017 volveu á actualidade cun programa en prime time. E quen o diría. Nuria Roca, en realidade, nunca marchou de todo. Máis que nada porque é o que se di un animal televisivo e unha boa baza en calquera formato de entretemento.

Esta carismática comunicadora, que ía para arquitecta técnica ata que os medios se lle cruzaron no camiño, ten ás costas vinte anos de profesión nun amplo abano de xéneros. Despois de debutar a nivel nacional da man do mítico Chicho Ibáñez Serrador, curtiuse en proxectos dirixidos a un público familiar, o que lle procurou unha popularidade da que aínda segue a presumir.

Logo viñeron o chimpo á actuación, a súa estrea literaria (despois virían outros catro libros), a creación dun blog sobre cuestións de parella e sexualidade a medias con Juan del Val, o seu marido, e a súa reconversión radiofónica.

Agora que vén de despedirse de Melodía FM, a emisora da que foi imaxe durante os últimos anos, e que no horizonte xurden novos -e aínda por confirmar- oportunidades para a televisión, aproveitamos para coñecer de preto a Nuria Roca.

Coolt.-Presentadora de televisión, locutora de radio, escritora, blogueira e, anteriormente, tamén actriz: bulebule, hiperactiva ou muller renacentista pechada nun corpo do século XXI?

Nuria Roca.- Bulebule, sen lugar a dúbidas. E porque non teño máis tempo, que se non… Fáltanme horas, e iso que me levantaba ás tres e cuarto da mañá!

C.- Lin nalgunha parte que o que a ti de verdade che gustaría ser é pintora…

N. R.- Téñoo pendente. Non tanto o ser pintora, que me parece moi grandilocuente e non é o meu propósito, pero si estudiar Belas Artes nalgún momento. Interésame moito, tanto as técnicas como practicalas, como a historia. Todo se andará! [Risada]

Nuria Roca é unha comunicadora todo terreo
A coñecida presentadora tamén é imaxe de distintas marcas

C.- Andas traballando nalgún novo libro? Quizais un Sexualmente III?

N. R.- Estou, estou, pero moi amodiño. Cando me meta, poñereime a iso de cheo. Teño o inicio e a historia que quero contar, e non, non é un Sexualmente III. Agora é Juan o que está inmerso na súa novela, e os dous a un tempo, por cuestión de insfraestrutura familiar, é complicado. Así que imos por quendas na casa… [Risada]

C.- E falando de sexualidade, a miúdo -sobre todo a feminina- segue a ser un tabú na nosa sociedade, por moito que fenómenos como 50 sombras de Grey e Calendar girl axudasen a normalizar cuestións como o pracer, as parafilias ou os xoguetes sexuais. Hai que falar máis e mellor do sexo?

N. R.- Creo que se non se fala máis e mellor é xa unha opción; temos ao noso alcance toda a información e máis; e creo que se ten percorrido xa un bo treito do camiño…

C.- Din que detrás dun gran home hai unha gran muller. No teu caso, a figura mediática es ti, e o teu marido, Juan del Val, parece levalo máis que ben. De que nos estrañamos? Aínda costa xestionar o éxito feminino?

N.R.- No meu caso, vívese cunha naturalidade moi boa. Eu teño máis populairdade polo meu traballo, e el ten o seu e sen problema.

Non creo que se cuestione o éxito feminino, pero si que se lle dá maior notoriedade ao masculino.

C.- Se se trata de falar alto e claro, aí estás ti… malia que ás veces che custe verte metida en xardíns mediáticos involuntarios. Despois das polémicas con Sonia Castedo e Cristina Pedroche, arrepínteste de non ter optado por roer a lingua?

N. R.- Pero como me vou arrepentir de dicir o que penso! Ttiña un compromiso coa audiencia diariamente e durante catro horas desde facía catro temporadas. Tratábase dun exercicio de honestidade, sabendo e asumindo que non a todo o mundo lle ía gustar. Imaxinas un mundo onde toda a xente pensase nunha única dirección? Sempre fuxín do pensamento único: que horror e que aburrimento!

O último proxecto radiofónico de Nuria Roca vén de rematar
Durante tres anos, estivo á fronte das mañás de Melodía FM

C.- E parafraseando o nome do morning show que dirixías e presentabas ata fai pouco en Melodía FM, que é o mellor que che pode pasar?

N. R.- Que me siga ilusionando todo o que fago, que non me custe madrugar, que os meus estean ben, ver sonrrir aos máis pequenos e aos maiores… Hai tantas cousas boas que che pasan e che poden pasar!

Cuestionario exprés:

  • Algo que che faga berrar

A baixada máis grande da montaña rusa…

  • Un sabor

O queixo cun viño tinto

  • Un libro que estivese na túa mesa de noite

Desde la sombra, de Juan José Millás

  • Un soño recorrente

Que voo: como se nadase a braza, pero polo aire…

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @nuriarocagranell