O cardigan boho-chic, tendencia do momento

Alanui devolve á actualidade o 'cardigan'

Sobreavoado pola negra nube da apropiación cultural -e a conseguinte polémica-, o cardigan da firma italiana Alanui é o protagonista de editoriais de moda e looks de referentes de estilo. Este outono-inverno, o espírito bohemio imprégnase dos códigos estéticos d@s nativ@s american@s.

Alanui, que significa “longo camiño” en hawaiano, naceu fai pouco máis dun ano e dun xeito ben casual. Carlotta Oddi, a co-fundadora da marca xunto co seu irmán Nicolò, mercou un cardigan vintage nun mercado californiano. Era verán e no horizonte anunciábanse unhas vacacións en Hawai, pero a estilista italiana fixo del a súa prenda estrela e decidiu empregalo mesmo como bata de baño. E por que non?

Desa pregunta naceu unha idea de negocio: crear unha empresa de moda que xirase arredor dunha única peza de roupa, o cardigan. Seguindo o modelo de empresas como Mirto, especializada en camisas, os Oddi apostaron por desenvolver un mesmo concepto con lixeiras variacións. A xulgar polo eco mediático que están a colleitar coa súa colección para esta temporada, a aposta foi gañadora.

O 'cardigan' de Alanui acapara titulares
Sen botóns, con motivos étnicos e un cinto de cores e franxas: as claves desta prenda

O cardigan ideado por Alanui é unha prenda unisex e polivalente, apta para vestir como abrigo ou por debaixo deste, xa sexa verán ou inverno. É un lenzo en branco á espera de que @ propietari@ determine o seu uso. De día ou de noite, tanto serve para completar un outfit de traballo como un de cóctel ou cerimonia. Imaxinación ao poder!

E se a adaptabilidade é o seu particular selo, a estética entre étnica e nómada é a súa carta de presentación. A súa referencia -obvia, por outra banda- está nos motivos tradicionais das tribos indias de Norteamérica. Formas xeométricas, vistosas combinacións de cores, franxas e escenas das pradarías decoran os distintos modelos deste cardigan de luxo que nin segue tendencias nin pretende someterse á ditadura das temporadas na moda. Cada seis meses, renovan estampados e tonalidades. Simplemente.

Alanui trunfa no mercado do luxo con este 'cardigan'
A inspiración indíxena, fonte tamén de críticas a Alanui

Falando de cifras, en Alanui presumen de que cada prenda está elaborada con 980 gramos de caxemira italiana Cariaggi e de que fan falla 11 horas de traballo para producila (cinco de calceta e seis para ensamblar as pezas).

Anna Dello Russo, Alessandra Ambrosio ou Chiara Totire son só algunhas das celebrities que xa foron fotografadas con este must have para o outono-inverno 2017/2018. Un as na manga para @s que profesan o culto do eclecticismo camaleónico.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @alanui_