O corpo feminino reivindícase na roupa e os complementos

Cantas veces escoitaches iso de que “o feminismo está de moda”? Fai memoria. Seguro que nos últimos meses foron unhas cantas. Pero sempre cun certo tono de desprezo. Por sorte, grazas aos movementos que traballan a prol do “empoderamento” da muller, cada vez hai máis consciencia de que o feminismo é unha necesidade. E é que estes últimos anos as mulleres -e moitos homes, tamén- reclamamos a urxencia de adoptalo como xeito de vida.

A todo isto hai que sumarlle que boa parte da sociedade está cansa desa dobre moral que censura o corpo feminino nas redes sociais –son ben coñecidos os casos de celebrities ás que lle retiraron fotos dos seus peitos– e que logo o “exhibe” noutras creacións, como os anuncios publicitarios.

Calquera mobilización social ten o seu espello no mundo da arte; e a moda, como a oitava arte que é, non podía quedar á marxe. Por iso xorde unha corrente que propón lucir a anatomía feminina tal e como é e plasmala na roupa.

Camisetas que din moito

A camiseta é a raíña da moda reivindicativa. O feito de que estampar unha tea sexa un proceso sinxelo e rápido fai que desde hai décadas as camisetas con mensaxe sexan un dos elementos máis empregados para lucir as consignas feministas.

Varias marcas deron un paso á fronte e decantáronse por cambiar os lemas pola representación directa das formas femininas. Así xurdiron as arqui-coñecidas “camisetas dos peitos”, de Teta&Teta, que basea todas as súas creacións neste elemento da anatomía. Outras firmas españolas, como Offsetcollage, realizaron creacións semellantes dedicadas a concienciar e recadar fondos para a investigación sobre o cancro de mama.

O corpo feminino é o protagonista desta camiseta
Fronte á censura da anatomía feminina nas redes, camisetas con peitos

Mais non todo son tetas. Os ovarios tamén se converteron nun dos símbolos do “empoderamento” da muller. Así o transmite Ovaries project, unha liña de camisetas que pretende dar visibilidade ao aparato reprodutor feminino como símbolo de poder.

Traxes reveladores

Vestir cuns principios, exteriorizar as conviccións feministas, cubrir a pel cun compromiso. Todo isto para buscar un mundo máis xusto. Esta é a filosofía que está detrás do proxecto La mujer que llevo fuera, de Ernesto Artillo. Un proxecto que se materializa nun traxe. Chaqueta e pantalón de corte masculino (tamén comercializa gabardinas, aínda que son menos populares) que teñen pintados a brochadas os trazos máis característicos do corpo feminino.

Ernesto Artillo asina o traxe co corpo debuxado
Velaquí a peza esencial do proxecto artístico de Ernesto Artillo

Este traxe xa é toda unha icona das reivindicacións feministas, logo de que moit@s famos@s do panorama nacional o vestiran en reportaxes en revistas de moda, entregas de premios cinematográficos ou sobre o escenario dalgún coñecido talent show.

Xoias anatómicas

O discurso feminista tamén agroma no mundo da xoiaría. Hai moit@s creadores/-as que apostaron por plasmar as distintas partes do corpo feminino nas súas pezas.

A colección Body Language, de Anissa Kermiche, está composta por colgantes con charms que representan a pube, as nádegas ou os peitos. A deseñadora Marina del Olmo, pola súa banda, opta por reivindicar a desnudez do corpo da muller a través dos seus pendentes. No caso de All Blues, estes tomaron a forma do aparello reprodutor feminino. Para completar a colección de alfaias feministas, están os aneis “boobies” da marca Coucou Suzette.

As xoias tamén serven para reivindicar o corpo feminino
CoucouSuzette subverte os tabús con enxeño e descaro

O certo é que cada vez son máis @s artistas e marcas que apostan por facer seu o discurso feminista. Unha marea que axuda a darlle visibilidade e a denunciar estereotipos de xénero. Para que o corpo feminino, como sentenciaba Barbara Kruger, deixe de ser un terreo de batalla.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo | Fotos: Instagram @tetaandteta, @ernestoartillo, @coucousuzette