O eterno retorno do grunge e o punk ás pasarelas

Alexander McQueen tamén se suma ao punk

É de sobra coñecido que as grandes marcas da moda teñen postos os ollos no street wear. E non é cousa de agora: o mesmísimo Balenciaga era un habitual de festas e clubs underground na procura de inspiración para as súas coleccións. Dúas das tendencias alternativas que despuntaron nas pasarelas nos primeiros ‘90 foron as inspiradas no punk e no grunge. E hoxe volven estar de actualidade.

Vermellos, negros, cremalleiras, prendedores, cadeas, maquillaxe moi contrastada e cristas nas cabeleiras. O punk, que naceu nos anos ‘70, traspasou a fronteira das rúas para chegar ás fashion weeks. Tivo notables e polémicas incursións nas pasarelas, sobre todo na década dos ‘90, pero o éxito asentouse a partir do 2010 da man de Christophe Decarnin para Balmain e as súas camisetas rachadas. Ata o Metropolitan de Nova Iorque se rendeu aos encantos da moda punk coa exposición “Punk: Chaos to Couture“, onde se exploraba o impacto que tivo esta estética na alta costura.

Saint Laurent leva varias temporadas explorando o punk
Hai algo máis “punk” cás medias de rede?

E agora volve acontecer. Para o outono/inverno 2016-2017, Valentino recuperou os looks escuros, con aires tétricos e botas militares nunha colección aínda asinada por Maria Grazia Chiuri e Pierpaolo Piccioli. Saint Laurent apostou polas maquillaxes punk, con sombras e beizos moi marcados. E seguiremos a ver aires punk na próxima primavera/verán 2017, grazas aos deseños de Sarah Burton para Alexander McQueen, onde hai coiro negro, moita bota e xoias con cadeas.

Rexurdiu tamén o grunge, vencellado á súa icona por excelencia: Kurt Cobain, líder da banda Nirvana. Estreouse na alta costura a comezos dos ‘90 con Marc Jacobs, daquela deseñador da firma Perry Ellis, pouco despois de que Nirvana publicara o seu famoso Nevermind (do que recentemente celebramos o 25 aniversario). O aspecto desaliñado, as camisas de franela, a superposición de prendas oversize e o pelo enmarañado non tiveron moito éxito na súa primeira irrupción nas pasarelas. É máis, a colección de Jacobs non foi producida e el foi despedido da compañía.

Tras uns anos no olvido, Hedi Slimane rescataba para Saint Laurent a rebeldía e a subversión do grunge na súa colección outono/inverno 2013-2014. Lonxe do que acontecera nos ‘90, celebrities e consumidores/-as abrazaron de cheo a moda grunge. Desde aquela, esta estética parece ter gañado un oco fixo na alta costura. Alexander Wang, agora aos mandos da súa propia marca tras pasar por Balenciaga, fíxolle unha homenaxe na colección para este outono/inverno. Cun marcado toque deportivo, presentou looks con roupa frouxa, denim, camisetas con mensaxe e botas militares.

Kurt Cobain inspira a volta o grunge
Cazadoras vaqueiras forradas e suadoiros esfarrapados, moi Kurt Cobain

Caza-tendencias percorren recunchos de todo o mundo na procura das estéticas máis underground para dar a sorpresa nas pasarelas. Marcas como Gucci, Alexander McQueen ou Burberry apostaron por adaptar os modeliños das rúas aos seus deseños de alta costura. Tamén beben deles marcas máis pequenas, como a galega Stumpsister que, cunha marcada influencia berlinesa, define as súas creacións como “roupa e complementos para unha inmensa minoría”. Pura actitude punk.

Mais, non é un paradoxo que estéticas que xurdiron como algo subversivo e alternativo ao sistema invadan os armarios de medio planeta? Certamente, pero ao mundo underground debémoslle pezas sen as que hoxe non entenderíamos o noso xeito de vestir: as cazadoras de coiro, as parkas, as camisas de cadros, os gorros de la ou as botas militares como as Dr. Martens. De todos os xeitos, din @s máis ferventes defensores/-as que o underground vai alén da estética; é unha actitude, unha filosofía de vida.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo / Fotos: Instagram @alexandermcqueen, @alexanderwangny / ysl.com