O F.o.M.O. é o mal do século XXI, e poida que ti o padezas

As novas tecnoloxías xeran ansiedade por estar sempre á última

Vivimos hiperconectad@s. Quen máis quen menos, temos entre mans un arsenal tecnolóxico que nin o mesmísimo Jules Verne foi quen de imaxinar. Na casa dunha familia de clase media actual é frecuente atopar canto menos un teléfono móbil de última xeración con tarifa de datos asociada, un ordenador portátil con conexión a Internet e/ou unha tableta. E iso ten as súas consecuencias.

Fai uns cinco anos, acuñouse o acrónimo F.o.M.O. (fear of missing out, en inglés) para poñerlle nome a unha desorde psicolóxica causada pola deriva do progreso tecnolóxico e cunha incidencia cada vez maior. Traducido, viña a ser “medo a perderse algo“, o que -ata fai unhas tres décadas- se refería á necesidade compulsiva de alguén por “ser o perexil de tódolos prebes“, “non perder unha” ou “estar sempre no candeeiro”. No 2013, a frecuencia no seu uso fixo que o Oxford English Dictionary o incorporara, ofrecéndonos así unha definición máis exacta desta nacente patoloxía. Dacordo con esta, o F.o.M.O. é

a ansiedade por que un acontecemento emocionante ou interesante poida estar tendo lugar nalgún outro sitio.

Algunha vez sentiches envexa sa (ou non) ao comprobar no teu muro de Facebook que algún dos teus contactos estivera de troula e semellaba ter gozado moito nunha festa á que ti non asistiras? Estiveches tentad@ de aceptar varias invitacións nun mesmo día só porque nun soportas ver baleiro na axenda? Dáche pánico que un vello coñecido faga comentarios sobre unha serie de streaming da que ti nin oiras? Se esas reaccións van da man dunha certa frustración, dunha sensación de exclusión ou de inseguridade, moito ollo: encaixas no perfil d@ doente.

O F.o.M.O. forma parte dun inmenso círculo vicioso no que os problemas de autoestima, a soidade e o illamento, unha pobre imaxe persoal, a falta de adaptación, a desconexión social e mesmo os celos se retroalimentan. Segundo diversos estudos, é máis frecuente entre moz@s de entre 18 e 33 anos, sobre todo nos homes.

O F.o.M.O. é o mal dos millennials
Comprobas o teu muro de FB cada 5 minutos e adoras os selfies en Instagram?

E cal é a súa orixe? En xeral, atribúese á constante confrontación coas vidas alleas á que nos vemos sometid@s a través das redes sociais. Cos seus triunfos, as súas marabillosas experiencias, a súa adorable familia e parella, os nosos contactos chegan a xerar en nós unha especie de impulso competitivo. Queremos estar á altura da perfección que adiviñamos n@s outr@s, formar parte desas existencias que calificamos de existosas, facelas dalgún xeito nosas ou imitalas.

As xeracións anteriores á millennial só percibían dun xeito puntual, mesmo abstracto, esa idea de que poidese que alguén tivese unha vida máis pomposa cá propia. Hoxe en día, as súas manifestacións son palpables, visibles en forma de fotos, “selfis”, comentarios e descricións de estados en Facebook, Instagram, Snapchat, etc. É o clásico medo á exclusión, a non encaixar, a ser a ovella negra, pero elevado á enésima potencia.

Combatendo o F.o.M.O.

Deixar atrás o medo a perderse algo non é doado. O máis obvio sería someterse a un período detox, cunha total desconexión das redes sociais. Porén, é preciso acompañalo dunha toma de conciencia da importancia da individualidade, rexeitando conductas que tendan á comparación e aprendendo a valorar o estilo de vida persoal. Nos Estados Unidos, por exemplo, está a xurdir un movemento que pretende ser o contrapunto ao F.o.M.O.: o P.o.M.O. (ou pleasure of missing out, en inglés, é dicir, o pracer de perderse algo). Cada vez son máis @s ex-estrasad@s que se unen a el.

Se queres comprobar o teu nivel de F.o.M.O., podes someterte a este test psicolóxico.

@Ce_FerSan