O futuro da lenzaría é unisex

Lenzaría sen xénero, tendencia á alza

O mundo da underwear sorprende cunha proposta tan sinxela como arriscada: prendas sen etiquetas para unha xeración sen prexuízos. Aínda que a priori poida desconcertar, a idea da lenzaría unisex é moi clara: crear roupa interior libre de xénero, de estereotipos e de convencionalismos. Unha nova filosofía, acorde aos tempos, e que quere romper cuns canons que, ata o de agora, semellaban inmutables.

Precisamente, o desexo de vencer as imposicións tradicionais e o afán de liberdade son dous dos piares da tendencia andróxina. Despois dun tempo reinando nos nosos roupeiros, dá un paso máis aló e métese de cheo no caixón da nosa roupa íntima.

A lenzaría 'unisex' é o futuro
A ambigüidade gaña espazo na lenzaría

Sobre esta idea radica a nova liña de lenzaría creada por Reba Rees,  fundadora da firma Agent Provocateur. Unha década despois de vender a empresa que a fixo millonaria- e que é coñecida polos seus deseños atrevidos e provocativos-, Rees volve cun concepto totalmente diferente. Fuxindo dos corpos estereotipados e hipersexualizados da lenzaría convencional, Rees acaba de lanzar a marca Les Girls, Les Boys, que pretende dar resposta a todas as fisionomías e identidades sexuais.

O seu obxectivo? Satisfacer a busca millennial dun espazo de diálogo novo entre os sexos. En palabras da propia Reba Rees, estamos ante unha “xeración liberal cun punto de vista diferente”. E é que @s millennials afástase dos estereotipos de xénero, dándolle prioridade ás prendas cómodas e funcionais.

Playground é unha marca de lenzaría 'unisex'
As prendas intercambiables definen a lenzaría sen xénero

Pero Les Girls, Les Boys non é a única marca de lenzaría disposta a dar un paso adiante nese camiño. Play Out, da activista LGBT Abby Sugar, lévalle vantaxe. Desde o ano 2011, vén promovendo un cambio no tipo de prendas íntimas que se adoitan comercializar para as mulleres. Na actualidade diríxese a homes, mulleres e calquera que non se sinta identificad@ co binarismo. Para o 2018, aposta por relanzarse mantendo a súa esencia de transgresión e presentando unha colección libre de sinais que se asocien a un xénero ou identidade sexual.

A esta tendencia, á que se asoman con curiosidade cada vez máis marcas, hai quen lle augura un futuro brillante. Mentres agardamos para comprobalo, vaiamos preparando un caixón de lenzaría en mancomunidade.

María Losada @MariaLosada_ | Fotos: lesgirlslesboys.com / Instagram @lesgirlslesboys, @playoutnyc