O gin&tonic máis aló do gin&tonic

O gin&tonic ten tantas acepcións coma afeccionados

Se exceptuamos o Martini “axitado, non mesturado” de James Bond, a xenebra con tónica é sen dúbida o combinado de máis sona a nivel internacional. O boom que vive no noso país desde fai uns anos non supón nin moito menos o comezo dun fenómeno ao que xa se entregaron @s nos@s pais e nais, e que responde, probablemente, ás múltiples posibilidades que ofrece á hora de personalizalo. Cada padal corresponde pouco menos que cunha receita de gin&tonic. E hainas para verdadeir@s gourmets.

Din as estatísticas e os estudos de mercado que @ consumidor/-a tipo deste cóctel é un home ou muller, entre 30 e 35 anos, que prefire apostar pola calidade á hora de beber e que xa deixou atrás a fase de saír para emborracharse. Para el ou ela, o gin&tonic é símbolo de personalidade, de distinción fronte á masa. E esa percepción é unha das claves que explican o carácter transversal da moda da tónica con xenebra. Porque a súa mestura clásica é todo un imprescindible na carta das coctelarías e gastro-bares máis in, pero tamén triunfa nos locais alternativos da man das versións premium.

O gin&tonic ten numerosas variantes
O cóctel High Ball segue a ser unha das opción de gin&tonic máis populares

A imaxe sofisticada e elitista que se cultivou durante anos arredor da xenebra deu paso a un certo halo transgresor grazas á proliferación de novos destilados e tónicas con matices ata o de agora inéditos, poñendo patas para arriba o estándar. O revival do gin&tonic ten algo de revolta silenciosa contra o gusto dunha xeneración anterior, de toma de posición fronte á forza da tradición, esa que establece que unha xenebra con tónica ha de ter entre 5 e 7 botánicos (cítricos e especias, sobre todo) e gardar a proporción de 1/5 de alcohol por 4/5 de auga tónica.

Respectando as medidas orixinais, o segredo para un gin&tonic innovador está na elección coidada dos compoñentes. Cada marca de xenebra ten as súas características e matices, así como a tónica, o que determina o sabor resultante. Bombay Sapphire pasa por ser a máis aromática, pois incorpora ata 10 botánicos. Pola súa banda, Hendricks aposta por unha bebida máis doce do habitual, aromática e, polo tanto, agradable para o consumo. E é que fóra da London dry gin de sempre, hai todo un universo de fórmulas que lle dan un toque seco ou húmido, aromático ou sobrio á xenebra, adaptándose ás preferencias dun amplo abano de consumidores/-as.

O gin&tonic é a bebida versátil por excelencia
A guinda para un gin&tonic de bandeira? Un anaco de cogombro ou lima

Aínda que se de éxito de masas se trata, hai que falar da chamada xenebra premium, criticada pol@s puristas da fórmula ao estilo inglés, pero moi aprezada por quen bebe preferentemente ron ou whisky e mira con certa reserva o gin&tonic. En que consiste esta variante? En destilados elaborados en procesos máis rápidos, que non esixen tempo de maduración, e que, polo tanto, resultan moi rendibles. Xogando con aromas e combinacións pouco habituais, expanden a lista de botánicos. E se a iso lle engadimos as posibilidades case infinitas de combinación que permiten as tónicas actuais (suaves ou fortes, máis ou menos amargas, con burbullas finas do tipo das do champaña ou grosas), non é de estrañar que a xenebra premium gañe en adept@s.

Só queda dar co perfect serve, un bo xeo que tarde en desfacerse e a xenebra e a tónica que máis se acomodan ao padal de cadaquén. O gin&tonic seguirá reinando mentres o mercado aguante e a xente non canse de tantos destilados.

@Ce_FerSan / Fotos: vanagandr.com; fever-tree.es