O graffiti conquista (definitivamente) o espazo urbano

Os prexuízos contra os graffitis quedan cada vez máis lonxe. Que esta forma de expresión na rúa é unha arte está xa fora de cuestión. Os deseños e as creacións dun movemento xurdido nos anos ‘70 en Nova Iorque de xeito clandestino supéranse na actualidade en calidade técnica e atractivo estético.

Se na súa orixe foi unha forma de protesta, unha manifestación subversiva, hoxe o graffiti é utilizado para revitalizar ou decorar fachadas de grandes edificios, e @s artistas fóronse transformando en persoeiros de fama mundial. Pouca dúbida cabe de que o spray vive o seu momento de máximo esplendor urbano.

De feito, os graffitis de moitas cidades convertéronse xa en reclamo turístico. Na zona do East End londinense, artistas coma Banksy ou El Mac foron deixando a súa pegada nas últimas décadas. Esta é a área de Londres onde o graffiti campa ás súas anchas, acomodándose ás paredes de edificios abandonados, túneles de vías férreas ou todo aquilo que sexa susceptible de formar parte desta especie de galería de arte en plena rúa. Particularmente famosa é Brick Lane, que concentra un grande número de obras. Só lle fai a competencia Camden, o territorio particular de Bambi (tamén coñecida como a “Banksy feminina”) e os seus retratos de iconas da cultura moderna como Amy Winehouse, por exemplo.

Os graffitis foron clave na rehabilitación de Wynwood, Miami
Miami é a nova e exótica meca do graffiti

Wynwood Walls é outra área, nesta ocasión de Miami, de tradición humilde e mesmo mala reputación que conseguiu revivir grazas aos graffitis. Galerías de arte, bares e cafés do máis insospeitado, e, sobre todo, grandes murais que cobren edificios, casas e rúas son as claves dun barrio que se está a situar pouco a pouco na crista da moda da cidade. A (boa) fama de Wynwood medrou tanto que mesmo existen rutas guiadas pola zona que explican as pinturas. Como non podía ser doutro xeito, estes son borrados cada ano para a feira de arte Art Basel, para poder así comezar a deseñalo todo de novo. Así, ademais de manterse a esencia do xénero, non deixa de ser unha experiencia única en cada visita.

Carballo rehabilita espazos da man do graffiti
O Rexenera Fest puxo Carballo no mapa da arte urbana

Mais se Inglaterra ou EEUU quedan a desmán, os graffitis tamén poboan Galicia. Concretamente, Carballo viuse transformado por eles nun centro artístico de referencia para este xénero. O Rexenera Fest (festival internacional de arte público deste pobo) leva dúas edicións, e as rúas da vila contan con máis de 30 murais que rehabilitan os “feísmos” urbanísticos dos anos ‘60. Unha aposta pola creatividade que non pode estar resultando máis atractiva.

O graffiti non deixa de ter un magnetismo especial. O mundo da moda réndese aos seus pés. Louis Vuitton, Gucci ou Chanel son só unha mostra das marcas que se inspiraron nesta arte para os seus deseños das últimas temporada, botando man desta corrente underground para crear expectación arredor das súas novas creacións.

Pero non só a moda innova mesturándose co graffiti. O Kaos Temple, en Asturias, deseñado por Okuda, que converte unha antiga Igrexa nun templo de skate e da cultura do graffiti vai un paso máis aló. E quizais isto sexa o mellor desta arte: que reúne como ningunha o eterno e o efémero.

Okuda transformou unha igrexa en desuso nun tempo para skaters
Velaquí un proxecto de arte… divino

María Losada @MariaLosada_ / Fotos: Instagram @wynwoodmiami, @okudart/ turismocarballo.com