O monokini volve triunfar (e Agent Provocateur ten a culpa)

mazzy-monokini

Nin o bikini é a única opción á hora de poñerlle un toque sexy ás xornadas ao sol nin o bañador ten por que ser sinónimo de sobriedade, clasicismo e… aburrimento. Para proba, o xa mítico modelo “Mazzy” de Agent Provocateur. Liñas deportivas, confort e un toque provocativo nun monokini que se renova este 2016 para seguir dominando a primeira liña de praia (ou piscina).

O dilema “bikini ou bañador?” vén sendo un clásico da época pre-vacacional, tanto ou máis ca decidir destino de interior ou de costa, hotel ou apartamento de alugueiro, coche ou avión. Mais despois de anos de abafante dominio do bikini nas súas múltiples acepcións, o rexurdimento do traxe de baño completo -sexa na súa versión vintage ou en deseños máis arriscados- deulle a volta ao taboleiro.

Os monokinis son tendencia da man de Agent Provocateur
A máxima de Agent Provocateur: roupa sexy para mulleres seguras de si mesmas

Agent Provocateur e as súas fórmulas ousadas e sensuais teñen moito que ver nesa segunda xuventude que está vivindo o bañador. En 2013 arrasou en vendas grazas ao seu modelo “Mazzy”. Editoriais de moda, portadas das mellores revistas femininas, e a impagable publicidade proporcionada por celebrities coma as irmás Kardashian fixeron del a prenda estrela do verán.

Tres anos máis tarde, a fascinación que exerce o monokini sobre as amantes das tendencias vólvese avivar. O traxe de baño máis desexado e atrevido -un híbrido entre as dúas fórmulas tradicionais- chega con novas combinacións de cores, se ben non cambia nin chisco do deseño orixinal. A fin de contas, se algo funciona, para que cambialo?

Inspirándose nas propostas futuristas e cun toque erótico que aló polos anos ’60 fixera Rudi Gernreich, a marca británica de lencería de luxo bota man da estrutura característica da indumentaria bondage para crear un bañador cuxas liñas -canto menos- non pasan desapercibidas. Como se dun sistema de correas entrelazadas se tratase, as tiras atravesan o ventre para conectar o suxeitador de triángulo e a braga. O embigo queda cuberto por un panel estratexicamente situado, explotando de xeito maxistral aquilo de que sempre é mellor insinuar ca ensinar.

O monokini de Agent Provocateur bebe da moda dos '60
Sempre á vangarda, Rudi Gernreich liberou a silueta feminina das liñas más conservadoras

O deseño colour block en tons flúor, acedos e rechamantes, é clave para potenciar o impacto visual deste monokini. Laranxa e rosa salmón, verde e fucsia, rosa bebé, prateado e negro… os xogos de contrastes semellan evocar a esencia do verán, tempo de luz e de cor, de goce e de desinhibición.

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @agentprovocateur / stylus.com