O movemento #TimesUp, neste buscador de “mazás podres”

O movemento feminista Time's Up toma forma

Cando as primeiras vítimas de Harvey Weinstein ou Kevin Spacey atoparon os azos para saír á luz, unha marea mediática sostivo e aplaudiu o seu paso adiante. #MeToo, chiaron milleiros de persoas, identificadas coa súa dor ou solidarias. O apoio moral foi e segue a ser sólido, mais hai quen reclama maior contundencia na acción. As chamadas ao boicot dos proxectos dos implicados son un clamor. A web Rotten Apples pretende ser a ferramenta que as catalice.

En Hollywood levaba anos levedando un ruxerruxe arredor da violencia sexual que poderosos homes (directores, produtores, actores de sona) estaban a exercer no seu eido. Apalpadas, coaccións e violacións non eran xa un segredo (véxase a tristemente célebre brincadeira sobre o soto de Spacey  en Family Guy). Ata que unha valente peza xornalística conseguiu poñerlle nome aos acosadores e darlle voz ás vítimas. Ofrecerlle visibilidade a quen ata entón fora invisible.

A web Rotten Apples descubre que películas están contaminadas por depredadores sexuais
A cantante Taylor Swift foi unha das que racharon o silencio este ano

A lista de acusados é infinita e non se limita á industria cinematográfica. Entre eles, fotógrafos como Terry Richardson e Mario Testino, cantantes como Nick Carter ou chefs como John Besh, sumados a actores como Casey Affleck, Dustin Hoffman ou James Franco e directores como Woody Allen. Todos eles, personaxes admirados, respectados pola crítica e o público e amplamente recoñecidos polos seus méritos profesionais.

E aí, xusto nese punto, radica a enorme controversia que está a xurdir en paralelo aos movementos #MeToo e #TimesUp. É posible defender a dignidade d@s acosad@s, empatizar con seu padecemento e participar da mobilización xeral e, aínda así, seguir gozando co traballo artístico dos sinalados como acosadores?

Laura Jane Williams, redactora de Stylist, explicaba nun interesante artigo o como ela mesma tivo que lidar coa doble moral que agocha dito dilema. Porque cando están en cuestión obras de arte ou produtos feitos para o entretemento, temos tendencia a desligar a dimensión do artista responsable do produto resultante. Williams afirma:

Non podo dicir que son feminista e que creo nas mulleres e que si, #MeToo, se tamén vou dicir: “Excepto cando se trata do protagonista de *insertar aquí o programa ou película correspondente*”.

É ético acudir ao cine para ver The Disaster Artist despois de coñecer as acusacións de abusos que pesan sobre o seu director e protagonista, James Franco (e que el admitiu)? Cambia a percepción que temos das películas de Woody Allen á luz da denuncia da súa filla, Dylan Farrow? Acaso o consumo deses materiais supón unha aceptación implícita da súa conduta?

Ese resorte crítico é o que pretende activar o buscador Rotten Apples (“mazás podres”, en inglés), un arquivo online de filmes e series que rastrexa a presenza nos mesmos de implicados en casos de violencia sexual. Para quen considere que hai un antes e un despois de #MeToo e #TimesUp (que, ademais de aspirar a crear un fondo para sustentar legalmente a aquelas vítimas de abusos con poucos recursos, defende a implantación da igualdade laboral e salarial de homes e mulleres), esta web ofrece información relevante.

O movemento #MeToo inspira esta web
O clásico de James Cameron semella libre de sospeita

Introducindo o título orixinal da produción na barra de busca, obtense un rápido diagnóstico. Se está libre de depredadores sexuais, aparece a expresión “fresh apple”. No caso contrario, prende a alarma cun “rotten apple” en letras encarnadas. A continuación, enumera os nomes e os cargos dos denunciados, explicando de que se lles acusa e incluíndo ligazóns a fontes externas.

O movemento contra a violencia sexual #MeToo exprésase a través desta web
Casey Affleck é unha das mazás podres desta web

Na propia web explícase que

o obxectivo […] é aumentar aínda máis a conciencia do propagadas que están as conductas sexuais inadecuadas no cine e na televisión, e axudar a que o consumo de medios éticos sexa máis doado.

Unha iniciativa sen dúbida controvertida que engade un novo ingrediente á conversa global sobre este tema.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @jujubeetjuice, @time / therottenappl.es