O shinrin yoku é o novo ioga

O 'shinrin yoku' promove a comuñón coa natureza

Cando a fascinación polo estilo de vida nórdico acada as súas maiores cotas e xa manexamos con soltura e coñecemento de causa termos como “hygge”, “lagom” ou “sisu”, descubrimos -non sen sorpresa- que hai unha nova cultura que poxa por exportarnos as súas claves para a felicidade. Porque poida que Xapón non estea á cabeza nos rankings de satisfacción, mais si nos de lonxevidade. Así que confiemos en que saiban o seu en materia de benestar. Un dos piares actuais do seu sistema é, precisamente, unha práctica que comeza a estenderse por Occidente. É o shrinrin yoku, e resultarache máis familiar do que pensas.

Din Francesc Miralles e Héctor García, autores de Los secretos de Japón para una vida larga y feliz (Urano, 2017), que estudar a poboación da illa xaponesa de Okinawa o conduciu a unha curiosa conclusión: para chegar a ser centenari@ é imprescindible contar cunha razón para vivir, cun estímulo que motive. Mais este non ha de ser único e constante, senón evolucionar co paso dos anos. E a conciencia de tal feito, que nace da reflexión sobre os talentos propios, os gustos e sobre o que o mundo precisa de nós e podemos darlle, é o chamado “ikigai”, e equivale ao noso concepto da realización persoal.

Sirva isto para exemplificar a especial relación da cultura nipoa coa meditación, coa exploración espiritual, co pensamento repousado. Unha dimensión que, na actualidade, se está a canalizar a través dunha práctica derivada das antigas ensinanzas budistas: o shinrin yoku.

O 'shinrin yoku' estimula a conexión coa natureza
Recuperar o contacto coa natureza é esencial para o noso equillibrio

Este consiste na veneración da natureza como motor de equilibrio emocional e físico. Recolle, xa que logo, o espírito panteísta do budismo e transfórmao nunha disciplina de relaxación activa que se desenvolve cos bosques como marco. Calcúlase que cada ano participan nas convocatorias arredor de dous millóns e medio de persoas, o que dá unha idea da magnitude que está a acadar esta actividade.

O shinrin yoku non se limita aos paseos entre as árbores e a admiración da natureza. É todo un baño forestal, orientado a “absorber a atmosfera do bosque”, segundo a tradución literal do termo xaponés.

Para practicalo, hai que seguir unha serie de pautas, sempre coa axuda de guías ou terapeutas forestais, profesionais encargad@s de conducir as sesións de terapia. Ademais de levar @s asistentes polos roteiros, son @s encargad@s de estimular o proceso meditativo, subliñando certos elementos naturais e ensinándolles a baixar as revolucións internas, a calmarse. Aprezar a beleza dunha flor, sentir o aroma particular dunha árbore e apalpar a terra forman parte da experiencia.

Antes e despois do paseo, mídenlles a presión arterial para que poidan comprobar por eles/elas mesm@s os efectos positivos do shinrin yoku sobre o organismo.

Amos Clifford, fundador da Association of Nature and Forest Therapy (Asociación de Terapias da Natureza e o Bosque) e promotor dos baños forestais nos Estados Unidos, explica que

se trata de dedicarlle tempo a percibir o que vemos, respirar profundamente, sentir o contacto co aire, a textura das follas, escoitar o vento entre as árbores, oír os paxaros.

Os beneficios do shinrin yoku 

A sincronización do nosos biorritmos cos do medio ambiente ten un impacto moi positivo sobre a nosa saúde. Canto menos, iso conclúen as investigacións levadas a cabo polo antropólogo Yoshifumi Miyazaki, da Chiba University, durante os últimos quince anos. Analizando a máis de 600 persoas que practican baños forestais, determinou que estes conseguiron rebaixar nun 12,4% os seus niveis da hormona do estrés e nun 1,4%, os da presión arterial, cunha incidencia de infartos reducida un 5,8%. Pola contra, observou un aumento do volume de células NK, un tipo de glóbulo branco que combate enfermidades. Estímase que esta forma de contacto consciente coa natureza estimula a actividade en áreas do cerebro vencelladas ás emocións e a empatía, fronte a outras encargadas de funcións cognitivas como a planificación.

En Xapón xa existen uns cincuenta bosques certificados como espazos para a terapia forestal. Con ou sen acreditación, poñamos en práctica o shinrin yoku. Lugares non nos han faltar.

@Ce_FerSan