O Toquio máis freak (no bo sentido da palabra)

Velaquí a cara máis extravagante de Toquio

O movemento “abraza a túa rareza” (“embrace your weirdness”, en inglés) -abandeirado por Ed Sheeran e Cara Delenvigne- convídanos a reivindicar con orgullo eses gustos, pasatempos ou tics persoais que se afastan do considerado convencional. E que mellor maneira de facelo que viaxando á meca da cultura freak por excelencia: Toquio. Porque alí atoparás sempre algo moi pouco mainstream que che encha o ollo.

A capital de Xapón é a versión asiática de Nova York, unha cidade que nunca dorme e que, na súa inmensidade, acolle unha morea de barrios que constitúen universos paralelos. Un dos máis populares pola súa estética e os negocios que acolle é o de Akihabara, cheo de pantallas con anuncios, carteis luminosos e neóns en letreiros. Ou o de Shinjuku, moi na mesma liña e con negocios abertos 24/7. Poida que non sexan aptos para viaxeir@s epiléptic@s ou sensibles aos estímulos lumínicos (a ameaza dunha crise fatal é un risco moi, moi real neste contexto), pero @s amantes das novas tecnoloxías e os gadgets imposibles peregrinan alí con devoción.

Toquio, capital "freak" por excelencia
Akihabara é unha parada obrigada en Toquio

Pero non só de novidades dixitais viven os seus comercios. Hai algo máis característico da cultura freak que a paixón case obsesiva polo manga e o anime? Pois en Akihabara terás a oportunidade de somerxerte entre moreas de cómics xaponeses dos teus xéneros favoritos.

Aínda que se es un verdadeiro apaixonad@ destes e da súa estética, o teu destino está en Hanajuku, unha área de Toquio que -ademais de ser coñecida por acoller numerosas firmas de luxo (de feito, recibe o alcume de “Campos Elíseos nipóns”)-, tamén é o punto de reunión dalgunhas das tribos urbanas máis pintorescas da capital… e do mundo.

Sobre todo durante as fins de semana, a ponte de Jingu-bashi, á saída da estación de JR Harajuku, convértese nunha especie de parque temático de seguidores/-as do xogo de disfraces (“cosplay”), todo un espectáculo de cor e fantasía. Lolitas, gótic@s ou personaxes de manga cohabitan nese pequeno espazo.  No caso de que te vexas tentad@ a sumarte, pasa polas tendas de Takeshita Dori, sempre á vangarda en roupas modernas que desafían o sentido da vergoña.

Toquio non sería o mesmo sen reunións "cosplay"
Anímate a participar no xogo de disfraces

Mais volvamos á vertente tecnolóxica de Toquio. Libera o teu lado máis freak e non te limites a renovar teléfono ou tableta. O realmente transgresor é visitar o Museo Nacional da Ciencia Emerxente e da Innovación, na illa artificial de Odaiba, e interactuar con Asimo, o simpático humanoide de Honda. Toma nota: fai shows a diario, de 11 da mañá a 2 da tarde.

E se logo non es capaz de resistir a gana de facerte con algún gadget, aproveita para bendicilo no santuario de Kanda Myojin.

Despois de tanta actividade, de seguro que precisarás repoñer forzas, unha nova oportunidade para explorar as curiosidades que ofrece Toquio. Por que non optar por un restaurante temático? Gañan por maioría aplastante os centrados na Alicia de Lewis Caroll, como Alice in a Labyrinth. Tamén está o Robot restaurant, cuxos espectáculos de luces psicodélicas, música a todo ritmo, bailarinas e robots fascina á xente da cidade. Ou o Ninja Akasaka, onde se recrea o período Edo.

En Toquio abundan os restaurantes temáticos
Os restaurantes temáticos deixan a gastronomía nun segundo plano

Este gusto polos decorados é a base da proposta dunha das pensións máis deliciosamente orixinais do momento: Book and Bed. Recrea unha libraría, coas súas baldas cheas de libros e os seus recunchos para unha boa sesión de lectura en soidade ou en compañía. Ollo! Non acepta reservas para o día.

Unha última experiencia extravagante antes de dicirlle adeus a Toquio (polo de agora): tomar algo nun “cat-café”. Como o seu propio nome indica, a súa principal atracción son @s gatiñ@s, aos que che permitirán facerlles mimos. Todo moi “instagramable”, non si?

Máis info: gotokyo.org / japanfreak.tokyo / metro.tokyo.jp

@Ce_FerSan | Foto: alice-restaurant.com