O triunfo da xoiaría minimalista

Milbrumas, marca galega de xoiaría minimalista

Menos é máis. Nunca esta máxima se cumpriu de forma tan evidente como na tendencia que actualmente está dominando o mundo das alfaias: a xoiaría minimalista. Formas sinxelas que transmiten elegancia pura e que teñen a gran virtude de maximizar calquera look.

Ao igual que acontece no mundo da moda, no deseño de xoias semella que cada certo tempo @s ourives enfocan o seu talento e traballo cara aos extremos. E así é que por un lado podemos atopar pezas barrocas, cargadas de xemas preciosas e con formas complexas; e polo outro, creacións de liñas sobrias e depuradas que aspiran a converterse en clásicos permanentes.

E agora é o momento das xoias minimalistas, de esquecerse das pezas con ornamentos excesivos e apostalo todo pola sinxeleza, polas formas xeométricas que beben da arquitectura máis moderna e das liñas máis características da natureza, elaboradas en metais nobres.

Lévanse os aneis de aro moi fino, que introducen na súa cabeza formas básicas como círculos, triángulos ou, indo un pouco máis alá, o recoñecible símbolo do infinito. Nos colares predominan os fíos con caídas que se adaptan ao corpo e colgantes de tamaño pequeno, ás veces mínimo, ao igual que os pendentes. Aínda que por veces estes últimos adquiren tamaño XXL roubándolle o papel protagonista ao resto de alfaias coas que habitualmente os combinamos.

Estamos ante pezas que, a priori, poderían cualificarse como discretas, pois son idóneas para empregalas no día a día. Mais tamén contan coa vantaxe de que aportan altas doses de elegancia e sofisticación aos looks máis aviados.

A longa tradición da ourivería en Galicia é garante de que o deseño de xoias ten futuro na nosa terra. E fai que agromen firmas como Sansoeurs, Milbrumas ou Noroeste Obradoiro, que teñen na xoiaría minimalista a súa mellor carta de presentación.

Sansoeurs

As irmás Sánchez –Cristina, arquitecta, e Estefanía, procedente do mundo da empresa– propuxéronse traer un aire fresco ao mundo das xoias. As súas pezas están deseñadas para cumprir dúas premisas: sinxeleza e lixeireza.

Sansoeurs, marca de xoiaría minimalista
Un exército de xoias mínimas ao servizo da elegancia

Entre as máis senlleiras podemos atopar un anel de ouro con tres pequenas boliñas e outro cun círculo baleiro. Os diamantes engarzados son as xemas máis presentes nas súas creacións, elaboradas na súa gran maioría empregando o ouro (amarelo ou rosado).

Milbrumas

As xoias desta firma mesturan á perfección o deseño máis moderno e rompedor coa combinación de metais nobres –empregan as máis das veces a prata– con outros materiais como o acibeche, o aceiro, o coiro ou distintas madeiras.

Milbrumas fabrica xoias minimalistas
As xoias reducidas á súa mínima expresión están de moda

Deseños moi limpos cun toque vangardista e en tamaño XXL, que xurden do estudo das formas e dos materiais. O seu rigoroso traballo da como froito a creación de pezas limitadas que se converten en auténticas alfaias para os coleccionistas.

Noroeste Obradoiro

Definen as súas creacións como “xoiaría esencial”. Unha xoiaría na que só está presente o imprescindible. Antonio Ibáñez e Jose Castro cren que “con frecuencia á xoiaría lle sobran cousas”, por iso traballan con formas case perfectas, dando vida a creacións que teñen única e exclusivamente o necesario.

A xoiaría abraza o movemento minimalista
A tendencia minimalista apodérase de aneis, colares e pulseiras

Entre as súas xoias recoñécese a inspiración da natureza. Flores, follas ou mesmo as pingueiras do orballo tecen un fío común nas súas coleccións, nas que introducen xemas como rubís, esmeraldas ou turquesas.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo | Fotos: Instagram @milbrumas, @sansoeurs, @coolmaison