O último en nail art é a tatuaxe de cutículas

A tatuaxe de cutículas está de moda

A manicura francesa -canto menos na súa versión tradicional- é cousa do pretérito perfecto. Desde que a fantasía se instalou no eido do tratamento das unllas, xa non hai opción conservadora que valla. E así, a tatuaxe apodérase da nail art, pero, ollo!, para lucirse nas cutículas.

Estas son un dos eternos cabalos de batalla para lograr unha manicura perfecta. Xunto coas unllas roídas ou os respigóns, ata o momento pesaba sobre elas a culpa de ser capaces de arruinar unha bonita cor de laca, un lixado coidado e calquera outro coidado administrado con dilixencia.

Por fortuna, os tempos e as técnicas foron mudando, e agora, ademais de mantelas á raia, animámonos a facer delas o elemento central no tratamento estético das nosas mans. Todo grazas ás tatuaxes de cutículas e, sobre todo, a Instagram, que nolas deu a coñecer.

As cutículas róubanlle protagonismo ás unllas
Esquece as xoias, agora as mans decóranse con tatuaxes nas cutículas

Hai algo máis innovador, mesmo un chisco revolucionario, que iniciar unha corrente de arte para as unllas sen contar con estas como soporte? Niso, precisamente, reside a admiración que espertan as cuticle tattoos.

As tatuaxes cotizan á alza na estética mainstream, e fano inventándose de novo e afastándose de estridencias e deseños xa manidos. Os motivos delicados, con predominio da inspiración vexetal, xeométricos (a pequena escala), apenas unhas simples liñas, son a clave das últimas tendencias.

As tatuaxes de cutículas triunfan en Instagram
As tatuaxes de cutículas danlle un xiro orixinal ás manicuras

E ese espírito minimalista, esencial, que devolve as tatuaxes á esfera do íntimo, é o que se exporta á nail art máis en voga.

As cutículas cóbrense de debuxos singulares, desde diminutos puntos a frechas de inspiración étnica ou calcomanías con figuras de animais, siluetas de carácter naïf e lemas varios. Para iso, empregan tons mate ou metálicos, combínanse coa manicura ou complementan os trazos feitos sobre as unllas.

A tatuaxe de cutículas é un novo accesorio de moda, sutil ou rechamante. Efémero ou permantes. Un xeito, en definitiva, de canalizar esa creatividade que fai que a nail art desborde o seu espazo natural.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @stylight_germany, @ckamurario, @a.r.ound