O último en turismo de luxo é a vida ermitá

As vacacións de luxo reinvéntanse esta temporada

O luxo máis cobizado non pasa necesariamente pola acumulación de xoias, obras de arte, casas impresionantes ou coches de alta gama. Este concepto reinvéntase para satisfacer a sede de novidades de V.I.P.s e amantes en xeral dos praceres terrais. Para mostra, os destinos vacacionais que están a marcar tendencia. Lonxe do mundanal ruído, medra o número de adept@s ás estadías en aloxamentos illados, en plena natureza ou en recunchos remotos aos que as hordas de viaxeir@s non chegan. No turismo de luxo, a vida ermitá é o último capricho.

Porto Cervo, Saint Tropez, Saint Bath, Sveti Stefan, Saint Moritz ou Fiji eran ata o de agora algúns dos refuxios dourados de celebrities, grandes fortunas, empresari@s internacionais e familias de avoengo. En Europa ou no Océano Pacífico, a pé de praia ou na montaña, todos estes lugares teñen en común non só as súas magníficas paisaxes, senón a existencia de instalacións de esparexemento e de lecer pensadas especialmente para @s visitantes de alto standing. Restaurantes, bares, discotecas, casinos ou spas fan deles simples variacións dun mesmo e único patrón de turismo de luxo.

O turismo de luxo inspírase na vida monacal
Vivir coma un monxe: a última gran aspiración

A procura constante de novas fórmulas coas que captar a atención deste público tan apetecible pasa en 2016 por darlle resposta ao seu desexo de ir un paso máis aló, de evolucionar e renovarse para así distinguirse da masa que opta por seguir viaxando a algún destes paraísos convertidos en clixés. Actividades pouco comúns ou arriscadas e orixinais sistemas de aloxamento son as principais bazas que as axencias especializadas xogan á hora de saciar a sede de distinción d@s clientes e clientas V.I.P.

E que pode haber máis innovador que involucionar, volver ao pasado e recuperar o espírito -e as formas- dun tempo analóxico no que a tecnoloxía aínda era un horizonte lonxano co que soñar? O turismo de luxo reedita agora aquela vella idea de que o descanso é o tempo de perderse, xa sexa nun/ nunha mesm@ ou no mundo. Por iso, non é de estrañar que a introspección se estea a converter no destino de moda. Esa paz interior que tan difícil é de acadar na realidade actual, hiperconectada e mediatizada, é un ideal tanto ou máis apetecible ca una temporada en Bali, Ibiza ou L.A.

A vida a cámara lenta pode ser, de feito, o plan máis valioso para aquelas persoas que teñen a capacidade de dispoñer de case todo o que o diñeiro pode mercar… agás de tempo. Vivir coma ermitá(n)s, o mellor xeito de experimentala. O recollemento e a comuñón case espiritual co entorno e co propio ser son as claves destes formatos de luxo alternativo. Cúmprese deste xeito unha das maiores fantasías (non sexuais) da época actual: recuperar o valor do silencio, durmir coma un bebé, desintoxicarse do estrés e as rutinas frenéticas.

Plans ermitáns para o turismo de luxo

O luxo por definición é incompatible coa austeridade, mais están a agromar hoteis que basean a súa oferta en desafiar esta crenza. O seu son as chamadas “experiencias disruptivas“, que fan que a ausencia de wifi nas instalacións ou non ter enchufes nos cuartos soe a xogo infantil. Realmente chocante, inquedante e transformadora é a que propón Eremito, un “hoteliño da alma” situado na rexión italiana de Umbría. Nunha finca de 3.000 hectáreas, ten celas no canto de habitacións, cunha simple cama e pouco máis. As comidas fanse nunha especie de sala común, e o único entretemento é a nada. En pleno Londres atópase a suite ROOM, un dos principais reclamos do hotel The Beaumont, en Mayfair. Consiste nun espazo de 4 metros cadrados, con teitos de 9, paredes de madeira e unha única fiestra demasiado alta para asomarse a ela. É un sepulcro no que só cabe o silencio. Como silencioso é The Sleep Retreat, en Hampshire, Reino Unido. Alí o concepto de spa adquire outra dimensión, con terapias exclusivamente dedicadas a mellorar a calidade do sono. Un descanso de luxo.

Unha mostra de turismo de luxo. ROOM en The Beaumont
ROOM, de Anthony Gormley: un espazo non apto para xente claustrofóbica

@Ce_FerSan / Foto: thebeaumont.com