Onde queda a intimidade na era do big data?

Vivimos na era do comercio cos datos persoais

Formularios de rexistro de usuari@, termos e condicións de páxinas web que rara vez se len, políticas de tratamento de datos que se aceptan de xeito mecánico…: a actividade na Rede está chea de pequenas rutinas nas que se demanda información de carácter persoal. As empresas -sobre todo as grandes corporacións- son moi conscientes da posición vantaxosa que unha sólida base de datos lles outorga. Miles, milleiros de clientes e clientas potenciais. A tan só un correo electrónico de distancia. Posibilidades infinitas de personalizar a súa publicidade. E iso non é máis cá punta do iceberg do chamado big data.

A “bigdatización” e as súas consecuencias prácticas son unha das principais revolucións causadas a nivel global polo florecemento da economía dixital. A captación e arquivo de datos particulares -principalmente a través da Internet- e o seu aproveitamento con fins comerciais ou estratétixos está a ser clave neste comezo do século XXI, sendo tamén obxecto de debate e controversia. Motores de busca, navegadores, cookies instaladas nas páxinas e cuestionarios de alta en servizos varios son só algunhas das ferramentas que serven para trazar o perfil virtual de cada individuo.

Son moitas as voces que se erguen contra esta especie de poder non declarado que está a nacer ao abeiro da explotación do big data. Foi George Orwell, a través da gran metáfora das políticas totalitarias que é 1984, quen puxo sobre a mesa unha noción á que @s crític@s con el recorren con frecuencia para advertir das súas consecuencias: o Gran Irmán (Big Brother, en inglés). Na distopía creada por Orwell, existe un ente descoñecido que move os fíos da sociedade desde a sombra, unha figura paternalista (de aí o nome “irmán maior”) que manexa o destino da cidadanía de xeito case imperceptible pero implacable.

O big data é unha ferramenta moi poderosa
É a “bigdatización” unha nova práctica totalitaria?

Unha experiencia que, segundo Miguel Conde Lobato, presidente da consultora de marketing BAP & Conde, ten o seu reflexo na sociedade actual. “A “bigdatización” do mundo é unha formulación lesiva para a persoa”, reflexiona, referíndose á enorme cantidade de información que se recolle ao longo do proceso de navegación. Segundo este experto en neuromarketing, iso xera unha sensación de estar sometid@ a vixilancia por parte dun ente indefinido. Pura teoría orwelliana.

O que as cookies agochan

O principal instrumento para a análise do comportamento online son as cookies, instaladas na maioría das páxinas web e cuxo funcionamento aínda resulta opaco para boa parte do público xeral. Son un mecanismo de seguimento na Internet semellante aos que utilizan @s biólog@s para estudar animais en liberdade. Colócaselles un transmisor que os identifica e individualiza, permitindo localizar o sinal emitido e, dese xeito, determinar o seu comportamento.

No caso da Internet, ese transmisor adoptaría a forma dunha cookie, que serviría para rastrexar @ usuari@ e coñecer de preto os seus hábitos de consumo. Ao acceder por primeira vez a unha páxina, xérase un arquivo de texto que queda gardado no disco duro do ordenador ou dispositivo móbil. A ese ficheiro iranse sumando diferentes valores que permiten identificar ata o máis mínimo detalle da navegación.

A cuestión é que tipo de información persoal almacenan e en mans de quen queda. Para tentar garantir a seguridade e a privacidade online, a Unión Europea promulgou a chamada “Lei de cookies”, descrita na “Lei de Servizos da Sociedade da Información” e vixente desde 2013. Calquera proveedor de servizos na Internet que opere dentro do marco legal da Unión Europea debe cumprila, estando obrigado a informar da presenza e o tipo de cookies empregadas, así como o seu destino.

Os hackers son unha ameaza para a privacidade
A cada escura da Internet está protagonizada polo roubo de datos

Porén, fóra dos lindes da Unión Europea o marco normativo é máis difuso. Hai mafias dedicadas a mercar datos persoais obtidos a través de cookies gardadas sen consentimento por terceiros que operan en países remotos (moi frecuentemente en Asia). O obxectivo é a miúdo preparar ataques de phishing para roubar credenciais bancarias e información financieira, coa que posteriormente dispoñer á súa vontade dos fondos dispoñibles.

Das cookies tamén se pode extraer información para suplantar identidades, unha das accións maliciosas máis comúns e daniñas, e que afectan sobre todo a páxinas web que non contan con suficientes medidas de seguridade para protexer a privacidade d@s usuari@s.

Privacidade fronte a seguridade

A información é unha fonte de poder e control, xa sexa este de tipo político, militar ou económico. Unha tese que puxeron de manifesto as revelacións feitas polo analista informático e ex-traballador da C.I.A. Edward Snowden. En 2013 comezou a filtrar material sensible sustraído da N.S.A. (National Secutiry Agency) co obxectivo de destapar as prácticas indiscriminadas de espionaxe á poboación civil levadas a cabo polo goberno dos Estados Unidos.

Convertido no inimigo público número 1 no seu país e refuxiado nalgún lugar de Rusia, Snowden erixiuse en defensor da liberdade individual e da intimidade fronte ao avance do control gubernamental baixo o paraugas da seguridade pública.

O espía norteamericano avivaba a polémica en 2014 -durante unha intervención por videoconferencia nun evento do centro T.E.D. (Technology Education Culture)- coa seguinte afirmación:

Alguén cre que con todo este tramado se previu ou evitou algunha acción terrorista? Eu digo que non . O terrorismo é a excusa, porque esa palabra xera unha reacción emocional […].

Comunicacións persoais interceptadas, rexistros de chamadas, listas de contactos, contas de correo electrónico intervidas, acceso a perfís en redes sociais, etc. son só algunhas das fontes de datos aparentemente inocuos que, segundo Snowden está en mans das axencias de seguridade máis potentes do mundo. E insiste: “O único que pretendo é que un poida viaxar en tren ou enviar unha mensaxe de texto sen preocuparse por como esas accións van ser xulgadas polo goberno no futuro”.

A ameaza d@s hackers

A finais de setembro de 2016, Yahoo recoñecía publicamente ter sido vítima dun roubo de datos masivo en 2014. O ataque d@s hackers afectoulles ás contas de máis de 500 millóns de usuari@s, comprometendo información sensible como os seus nomes e apelidos, enderezos electrónicos, números de teléfono, datas de nacemento e contrasinais. É a maior acción destas características perpetrada ata o momento da que haxa noticia, e prevese que teña serias consecuencias legais para Yahoo. Moit@s internautas estudan denunciar á compañía de Marissa A. Mayer por non garantir o cumprimento dos acordos de responsabilidade na protección das súas contas.

Un escándalo mediático só comparable co causado polo ataque sufrido en xullo de 2015 polo portal de contactos Ashley Madison. Nesa ocasión, @s responsables do mesmo non só se incautaron dos datos de 37 millóns de clientes rexistrados, senón que lanzaron unha ofensiva filtrando listas de nomes como medida de coacción.

A defensa dunha certa liña moral, a denuncia das prácticas dos gobernos e grandes corporacións ou unha simple intención lúdica agóchanse detrás das crises causadas na última década pol@s hackers. En moitas ocasións, os seus botíns son postos á venda por prezos simbólicos -2.000 dólares no caso de Yahoo-, co único obxectivo de subliñar o seu poder sobre o sistema. En xogo, a privacidade de milleiros de persoas rexistradas en bases de datos sobre os que non teñen demasiado control.

@Ce_FerSan