Os bolsos (e non só de praia) son os reis deste verán

Os bolsos son protagonistas este verán

Abonda botarlle unha ollada aos desfiles de prêt-à-porter de Londres, NY ou Milán da primavera/verán 2017 para constatar o evidente: os bolsos están a adquirir vida propia. O accesorio por excelencia emancípase definitivamente e demanda o seu propio espazo nos titulares de moda. É tempo de cederlles o protagonismo e denderse ao seu encanto. Só queda elixir modelo (ou modelos).

Bolso de fibra vexetal, opción viral

Hai algo máis estival que unha cesta de vimbio chea de libros, crema solar e outros básicos para un perfecto día de praia? As formas tradicionais adquiren esta temporada connotacións cool, benditas por blogueir@s e cazadores/-as de tendencias. O traballo coa rafia, a cana ou a madeira tórnase omnipresente, xa sexa en firmas apegadas á artesanía ou en grandes cadeas de roupa. Desde a canastra tipo Jane Birkin de Little Doe ao bolso de rafia circular (dispoñible en edicións limitadas e feitas á man a través da web Real Fábrica española) ou ás formas arquitectónicas e minimalistas dos modelos en madeira de Cult Gaia, a estética orgánica conquista.

Os bolsos de materiais naturais son tendencia
Namórate de novo dos bolsos de rafia de toda a vida

Reinterpreta o estilo navy con bolsos de tea

O algodón é ao verán o mesmo que os xeados: un elemento imprescindible. Este material lixeiro, transpirable e fresco convértese no favorito de marcas comprometidas coa slow fashion como Castor Polux e Mundaya.

Este verán, opta por bolsos de tea
Os bolsos de Mundaya espertan o noso lado mariñeiro

Se a primeira aposta por bolsos de tea en formato shopping bag e tamaño oversize, Mundaya devólvenos ao universo das raias bretonas, os sombreiros canotier e os saquiños ao ombreiro. E é que estes gardan ese je ne sais quoi dos veráns relaxados, vividos intensamente e sen renunciar a un sinxelo toque de estilo que marque a diferenza.

O streetwear infíltrase no terreo dos bolsos

Mochilas, alxibeiras e bolsas de deporte triunfan
Pon unha mochila (estilosa) na túa vida

A expansión da etiqueta “athleisure” é a mellor proba de que as tornas viraron e hoxe xa non son as pasarelas as que determinan a estética das rúas, senón que son estas as que impoñen a súa lei. Accesorios tipicamente casual como as mochilas, alxibeiras ou bolsas de deporte esténdense máis alá de ximnasios, cuadrillas de barrio e pragmatismo normcore. Pero fano, iso si, distanciándose, das súas referencias underground e revestíndose de credenciais de sofisticación que fan delas un obxecto de desexo masivo.

Kim Jones, deseñador de Louis Vuitton, apóstao todo a esta fusión de identidades, mesturando traxes XXL e alxibeiras (aportación da icónica marca Supreme) na súa colección para home. Por non falar de Sara Carbonero, que senta cátedra coa súa mochila Bismärkk de coiro, sacándolle partido a unha peza de grande versatilidade grazas ao seu deseño de liñas simples e cor neutra.

A comodidade é a consigna para este verán, unha comodidade moi ben estudada. A clave do estilo contéñena agora os bolsos; que caia sobre eles todo o peso dun look TOP!

@Ce_FerSan |  Fotos: Instagram @mundayabags, @bismarkkco / realfabrica.com