Palmeras en la nieve ou os amores de antano

Na antiga colonia española de Fernando Po está ambienta a novela

Que me desculpen @s fans de Mario Casas e Adriana Ugarte, pero este artigo pode conter spoilers. Que me desculpen tamén os milleiros de lectores e lectoras que fixeron de Palmeras en la nieve un dos fenómenos editoriais dos últimos anos en España. O caso é que, sen ser unha mala novela, non acabou de conquistarme.

O argumento é o seguinte: na década dos ’50 do século pasado, Kilian – Mario Casas para @s que xa viron a película- e o seu irmán Jacobo deixan o seu pobo, Pasolobino, na montaña de Huesca, para ir botar unha man nas plantacións de cacao da finca Sampaka, en Fernando Poo. Entre traballo, diversión e aprendizaxe cultural, Kilian namórase dunha nativa, Bisila (interpretada por Berta Vázquez), o que cambiará as súas vidas e os fará donos dun segredo que chega ata o presente.

Os seguidores e seguidoras de Sarah Lark verán que hai certas conexións entre as obras desta autora e Palmeras en la nieve. Todas elas pertencen á tan de moda novela landscape, esa que presenta a unha muller á procura dunha nova vida, nun escenario impresionante, e cunha historia de amor que serve para unir todas as pezas da aventura.

Palmeras en la nieve, éxito de cine e literatura
Aventuras, romance, historia… esta novela ten un pouco de todo

Tamén hai unha certa conexión con Memorias de África (Isak Dinesen, 1937). O punto de partida é practicamente o mesmo (lembranzas da autora neste caso, do pai de Gabás en Palmeras en la nieve), en ambos relatos se mesturan as diversas linguas indíxenas dos territorios retratados e recrean a decadencia de dous imperios (o británico e o español, respectivamente). Porén, a perspectiva de xénero desde a que se relatan os feitos é sustancialmente distinta (feminina no primeiro caso, principalmente masculina no segundo). É unha mágoa que conforme avanza o relato se lle adique menos espazo á historia de Clarence -Adriana Ugarte no filme- e máis á de Kilian, malia ser ela a que abre a volta ao pasado que desencadea os acontecementos.  

Mais se por algo se caracteriza Palmeras en la nieve é por ser unha desas novelas que falan da historia en minúsculas, das pequenas aventuras da xente corrente. A viaxe de Kilian de Pasolobino a Fernando Poo é a viaxe da xuventude á madurez. O shock inicial que sofre dá paso a un proceso de descubrimento das diferencias e similitudes entre a súa cultura de orixe e o modo de vida do territorio que o acolle. E iso fará que co paso do tempo se convirta nunha persoa distinta, tolerante e aberta de mente. Unha persoa mellor grazas ao amor, grazas á amizade, grazas, dalgún xeito, á posta en valor da diferenza.

Mais tanta paixón épica non conseguiu distraerme da impresión que me acompañou desde o principio da lectura: o ritmo é esaxeradamente lento e o manexo das descricións e das referencias históricas non fai moito por axilizalo.

Agradécese, sen embargo, ter unha excusa para mergullarnos no pasado -non tan pasado- do noso país e aprender un pouco máis sobre nós mesm@s. Luz Gabás homenaxea ao seu pai cun tributo ao pasado menos glorioso da España colonial. Unha boa proposta para unha desas tardes de inverno á calor da lareira.

Gabás, Luz. Palmeras en la nieve. Temas de Hoy. Barcelona, 2014. 734 páxinas.

Foto: planetadelibros.com