Si, para chegar a ser alguén na moda hai que ir á escola

Nin Yves Saint Laurent xurdiu da nada nin Alexander McQueen naceu sendo xa un dos maiores xenios que vimos na pasarela nas últimas décadas. Coma eles, moitos dos grandes nomes do deseño puliron e desenvolveron o seu talento nas aulas das máis prestixiosas escolas de moda.

Creatividade, talento e un chisco de sorte son ingredientes indispensables á hora de forxar unha carreira no mundo da moda. Mais como dicía Pablo Picasso, “cando chegue a inspiración, que me colla traballando”, o que neste eido vén a significar un esforzo continuo por formarse e aprender as claves do oficio da man de profesionais experimentados.

A lista de agarda das grandes escolas é tan longa ou máis cás esixencias para ser aceptad@ nelas. Son exclusivas, elitistas, a crème de la crème; e nesas tres condicións se cimenta a súa merecida fama. Pasar o proceso de selección é duro, financiar os estudos, tamén; a presión e a competitividade que se respira nas súas aulas non son para tod@s. Polo camiño van caendo ducias de aspirantes que nunca chegarán a ver cumplido o seu soño de graduarse nun dos mellores centros de formación no terreo que @s apaixoa. Para @s que o consigan, o traballo terá pagado a pena: o nome da escola será a súa mellor carta de presentación.

A Central Saint Martins é unha das grandes escolas de moda
Moitos son os novos talentos da moda europea que pasan pola CSM

Londres, París, Milán, Tokio, Nova Iorque ou Madrid son sede dalgúns dos centros que acollen as novas promesas do deseño internacional. Boa mostra do papel relevante que xogan na formación dunha canteira que asegure a renovación dun sector, o do luxo e o do prêt-à-porter, que malia a crise segue a mover un grande volume de negocio, é a súa situación estratéxica.

A capital inglesa ocupa un posto en cabeza grazas a Central Saint Martins (da University of the Arts London), unha das mellores escolas de deseño a nivel mundial. Nun ambiente propio de Fama, aquela mítica serie dos ’80 que nos ensinou que para triunfar hai que sufrir (e chorar), impártense diversas titulacións, desde licenciaturas a másters e cursos curtos. E neles cubren os principais paus do deseño: fotografía e periodismo de moda, patronaxe, ilustración textil… Tal e como lembra o seu director, Jeremy Till, a súa misión é inculcarlle ao alumnado que “ser creativo non é deseñar unha boa mesa: é entregar algo á sociedade”.

Para @s que non poidan permitirse a matrícula, sempre quedarán as xornadas de portas abertas e volver para a casa cun souvenir da Central Saint Martins á venda na súa tenda. Porque esta escola é unha marca en si mesma, un reclamo publicitario.

Propostas dos novos talentos desta escola de moda
Entre @s alumn@s destas escolas están as figuras da moda do futuro

Mais por tradición e historia, sen dúbida é a École de la Chambre Syndicale de la Couture Parisienne de París a que leva vantaxe. Nela formáronse creadores míticos como Yves Saint Laurent, Valentino ou André Courrèges. É o berce da costura francesa, do deseño entendido como unha forma de artesanía.

A tradición americana ten no Fashion Institute of Technology, dependente da State University de Nova Iorque o seu buque insignia. Cunha orientación máis ben pragmática, ademais de formación en diversos campos creativos, nela ofrécense estudos complementarios en marketing, administración, etc. Carolina Herrera, Calvin Klein ou Michael Kors pasaron polas súas aulas.

A certa distancia, malia ir gañando en peso dentro do sector, atópase o Centro Superior de Diseño de Moda, pertencente á Universidade Politécnica de Madrid. Nel pódense cursar estudos de grao, de catro anos de duración, cun profesorado entre o que se atopan algúns d@s profesionais máis recoñecid@s do noso país, como Ana Locking.

Estudar moda en Galicia

Poida que non figuren no top 10 das escolas de deseño a nivel mundial, pero Galicia tamén conta con prestixiosos centros de formación. GOYMAR (A Coruña) e a Escola de Artes Mestre Mateo (Santiago de Compostela) son dous bos exemplos. Da primeira saíu Javier Quintela, un dos mellores expoñentes do prêt-à-porter galego e virtuoso da couture. Entre os ex-alumn@s da Mestre Mateo destaca polo seu particular sentido da vangarda máis comercial María González (Margoc Margoc), que participou no espazo Zona Zero da Galicia Fashion Week 2015. Tamén comeza a darse a coñecer Alba Brea, cuxa colección de fin de estudos aposta polos aires románticos con toques surrealistas. Pero se por algo destacan as escolas de deseño galegas é por seren a canteira de cadeas de moda como Mango e Inditex, que contan xa nas súas filas con novas deseñadoras como Tania López López e Gloria López Santomé, respectivamente.

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @csm_foundation